xoves, 22 de xuño de 2023

A LENDA DO ZAPATEIRO, A MEIGA E O CAMPO DE COIRO

  Como ben sabedes, a noite de San Xoán está chea de misticismo e maxia. Dende tempos inmemoriais dise que, na noite de meigas, o mundo terreal e o máis alá comunicánse permitindo espantar aos malos espíritus, o mal de ollo e as meigas.

   Mais tradicionalmente esta noite tamén é o momento de dar a benvida á estación estival, de celebrar a vida, as colleitas e a fertilidade.

    Crese que esta celebración ten a súa orixe nas culturas pagás que recibían o solsticio de verán, o día máis longo e a noite máis curta do ano, prendendo cacharelas e preparando augas con herbas que servían para afastar ás bruxas e o mal de ollo.

    Pois ben, nas Crónicas da Laracha desta semana, a poucas horas da noite de San Xoán, compartimos con todas e todos vós unha lenda recollida pola escritora ourensá Dora Vázquez na súa novela Bergantiñá, unha lenda que transcorre na parroquia de Coiro.

 

Panorámica de Coiro dende o lugar do Loureiro

    Dora Vázquez naceu en Ourense o 21 de agosto de 1913. Os seus primeiros estudos foron na Coruña, onde viviu desde os seis ata os trece anos polo destino de seu pai, que era funcionario de Correos. Fíxose mestra nacional e exerceu en Teimende (Ourense) durante 18 anos. A súa profesión achegouna posteriormente ata a nosa bisbarra, concretamente ata a parroquia de Larín (Arteixo), onde tamén imparte clases o seu marido Antonio Rodríguez, el na unitaria de nenos e ela na de nenas.

   Dora Vázquez ía exercer de mestra en Larín durante 15 anos. A escola unitaria de nenas estaba no lugar de Mirón, nun local que era propiedade de Maripepa da Estanqueira, muller que, na figura de Marixuana, convertiríase na protagonista da novela Bergantiñá… porque Dora, ademais de mestra, era unha muller cun enorme potencial artístico.

 

Imaxe de Dora Vázquez na súa etapa en Larín

   Escritora de poesía, teatro e narrativa fundamentalmente en galego pero con obra tamén en castelán, ten colaborado con diversidade de artigos en medios como Vida Gallega, Faro de Vigo, El Ideal Gallego, La Voz de Galicia, La Región ou La Noche, diario no que en 1962 publicou un artigo sobre a Feira das Cereixas de Paiosaco que, no seu momento, xa compartimos nesta bitácora. Dora Vázquez faleceu en Ourense o 23 de setembro do 2010.

   Deseguido compartimos a lenda publicada na novela Bergantiñá, unha xoia na que Coiro ten verdadeiro protagonismo:

    “(…) pasaban os días e chegou o San Xoán. Na véspera, as casas dos lugares tiñan un pintoresco aspecto. Por portas e fenestras e beiriles aparecían ramallos de herbas diferentes e floridas. Era bo que recibisen o resío da noite do Santo, pensaba Marixuana namentres ía poñendo tamén os seus por fóra da casa, metendo os talos entre os buracos das paredes e das tellas que caían cara o camiño. Polo San Pedro tería que recollelos co abrente e gardalos ben na arca para remedios.

    Deixou o máis bonito e florido para embaixo da súa fenestra. Era o máis recendente: herbas de Santa María, fiunchos, bilitroques, caraveis… toda unha gama de cores entre as herbas. De súpeto, recordou que era un dito moi corrente entre os labregos que naquela noite sanxuaneira todas as meigas ían a Coiro. Ela enxamais estivera nese lugar pero, en troques, sabía un conto que lle contaran sendo aínda rapaza. Non era moi limpo que dixera, pero, como era do demo burlado, a ela gustáralle porque parecéralle churrusqueiro. Mirando para a porta enfeitada, lembrou o conto, que era dista maneira:

    Tratábase dun zapateiro que vivía de pousada na chouza dunha vella mulleriña. A vella tiña unhas facións estrañas. Fraca e engurrada, case sen dentes a boca, cos ollos afundidos nas concas e a nariz en forma de gancho. Unha noite, precisamente na véspera dun San Xoán, o bo do zapateiro que velaba traballando, albiscouna sorprendido. Eran as doce en punto. Ela, negra toda como as noitebras, facía na lareira uns signos ao par que pronunciaba unhas verbas que el enxamais oíra: “Dous ir, e dous vir”, dicía. E coa mesma, engarrouse á gramalleira dos potes, e subindo por ela enriba levando a vasoira na man, desapareceu polo tellado.

    Ao zapateiro antollóuselle faguer aquilo mesmo que acababa de facer a vella. Colleu a cadea, fixo os signos e dixo as verbas, e atopouse voexando polos aires cara o campo de Coiro. Aló estaban axuntados en reunión todos os bruxos e meigas, bailando con moito esparcimento ao redor do demo maior, que estaba no medio. Ao chegar o zapateiro, algunhas bruxas vírono e chegáronse ata el.

    -Ai! -exclamou unha, admirada- Un bruxiño novo!

    O zapateiro tivo medo de que a pousadeira o recoñecese. Pero ela estaba moi entretida choutando xunto do demo maior. Todas elas puxéronse a cantar e bailar coas xestas nas mans, ata que o diaño as mandou que se estiveran quedas. Entón, co rabo ergueito, foi dando de espádoas unha volta polo seu redor, para que cada meiga lle bicara debaixo.

    Mais, o artesán non se sentiu disposto a aquela cerimonia. Lembrouse ledamente de que levaba a subela de coser a sola no peto do mandil. Cando o demo chegou onda el, cravoulle resoltamente a punta no traseiro debaixo do rabo. O diaño choutou vivamente, e díxolle de mal talante voltándose de cara para el:

   -Señor bruxo… Para outra romería, veña vostede mellor afeitado…

    O conto finaba así. Marixuana sorriuse. Lembrouse de que cando o oíra por vez primeira, estaba a súa irmanciña con ela. Ríranse moito as dúas apañando nas pinas, coa rapaza que lle lo contara namentras tomaban un apouso (…) 1

 

Portada da novela Bergantiñá

____________

1 Vid. Dora Vázquez (1971): Bergantiñá (Novela Galega), La Región, Ourense, pp. 72-73.

Ningún comentario:

Publicar un comentario