xoves, 26 de xaneiro de 2023

O POETA ENRIQUE LABARTA POSE E A SÚA FAMILIA DA LARACHA

 O adro da antiga igrexa da parroquia de Torás alberga un panteón no que repousan os restos de varios defuntos da familia Astray. Nesta edificación funeraria, que preside unha sinxela cruz e un anxo coa trompeta triunfal, hai dúas lápidas de mármore. Nunha delas, na da dereita, reza o seguinte:

Á LA MEMORIA

DE

Dª GUMERSINDA LABARTA POSSE,

FALLECIÓ EL 16 DE MARZO

DE 1877 

 

Bautizo na igrexa antiga de Torás celebrado en 1968. Ao fondo o panteón da familia Astray (Foto do libro "Unha volta polo pasado. Parroquia de Torás", Asociación Veciñal A Cutareira)

   Gumersinda Labarta Pose nacera en Baio, no concello coruñés de Zas, no ano 1852. O seu pai, D. Francisco Labarta Raña, farmacéutico, era fillo de D. Pedro Labarta e Dª María Raña, naturais da freguesía de San Miguel de Lebosende, concello de Leiro, Ourense. A súa nai, Dª Ramona Pose Martínez, era natural de Baio e tiña nobre ascendencia que lle proviña dos Condes de Andrade. O matrimonio Labarta-Pose tivo catro fillos: Generosa, a maior, que naceu en 1842; a nosa protagonista Gumersinda; María Consuelo (1855-1949) e Enrique (1863-1925), o derradeiro e o único varón da parella. Andando no tempo, Enrique habíase de converter nunha das grandes plumas da literatura galega, un excelente escritor que abarcou a poesía, a narrativa e o teatro destacando notablemente nos tres xéneros literarios.

   Sabemos que D. Francisco era farmacéutico, “pois o recoñecemento da súa profesión chega ata hoxe a modo de lenda popular, facendo dunha pedra que está na fronte da súa casa o lugar onde mazaba as herbas para facer as medicinas”1. Descoñécese con certeza a data da defunción de D. Francisco e Dª Ramona por non estaren enterrados en Baio, mais segundo o escritor bergantiñán Xosé Manuel Varela Varela, hai numerosos indicios da prematura orfandade de Enrique, o máis novo dos catro fillos do matrimonio, que quedou ao cargo das irmás e dun tío seu crego.

   Gumersinda ía casar co larachés Marcelino Eulogio Astray López (1841-1918), boticario que se estableceu en Carballo, onde o 26 de agosto de 1875, no número 65 da praza da Liberdade, inaugura a súa propia farmacia, a segunda que naqueles tempos había na capital de Bergantiños. A primeira botica carballesa abríraa Romualdo Varela Fachal en 18652.

   Marcelino Eulogio e Gumersinda tiveron dous fillos, José Ramón e Ramón Jesús, dous rapaces nacidos respectivamente en 1873 e 1875 que quedaron orfos de nai de moi noviños, en 1877.

   Cando finou Gumersinda seu irmán Enrique, que aínda nin cumprira 14 anos, escribiu un fermoso soneto na súa memoria, un texto biográfico que xa deixaba entrever o gran poeta no que se había de converter.

 

Panteón da familia Astray no que repousan os restos de Gumersinda Labarta Pose

A la memoria de mi hermana Gumersinda

 

Bajo de un mismo techo ambos nacimos,

la misma madre con amor besamos,

en torno a un mismo hogar nos calentamos

y en una misma cuna nos mecimos;

y cuando, solos en el mundo, vimos

vacío ya el hogar que tanto amamos,

nuestra pena común los dos lloramos

y nuestra soledad juntos partimos.

Más tarde, aunque distinta nuestra suerte,

tú de mi te cuidabas con anhelo

y yo te lo pagaba con quererte.

¡Mas, ay, cuando eras mi único consuelo,

vino a poner entre los dos la muerte,

la distancia que va del mundo al cielo!

 

Lápida de Gumersinda Labarta Pose

   Anos despois, este soneto foi publicado en Última novedad (Santiago, 1884), o primeiro libro de poemas de Enrique Labarta Pose. E posteriormente reproduciuse en Bálsamo de Fierabrás (Madrid, 1889), libro prologado polo carballés Alfredo Brañas Menéndez. No prólogo Brañas dedícalle as seguintes palabras: “un magnífico soneto que pudiera firmar Argensola si viviera en este siglo”; “el soneto A la memoria de mi hermana Gumersinda no tiene rival en el Parnaso gallego; el último terceto es de una ternura sublime”.

   Co discorrer dos anos Enrique Labarta Pose, que estudara Dereito Civil e Canónico en Santiago de Compostela, sería director ou redactor de publicacións periódicas como Pequeña Patria e Galicia Humorística (Santiago de Compostela, 1888), Galicia Recreativa, Pasatiempos (1890-1892), El Gato Negro (1898), Pluma y Lápiz (1903), Extracto de Literatura (semanario dosimétrico ilustrado, 1893), Diario de Pontevedra (1894) e Galicia Moderna (1897). Finou aos 61 anos de idade en Barcelona o 13 de maio 1925, días despois de resultar ferido no descarrilamiento do ferrocarril de Les Planes. Naquela altura a prensa galega deificou grandes eloxios a súa labor literaria deste persoeiro con familia na Laracha.

 

Enrique Labarta Pose (Wikipedia)

   Seus sobriños José Ramón e Ramón Jesús Astray Labarta, os fillos de súa irmá Gumersinda e de seu cuñado Marcelino Eulogio,3 tiñan naquela altura 52 e 50 anos, respectivamente. José Ramón xa levaba tempo establecido na Laracha, onde abrira farmacia en 1906 e ocupa o cargo de xuíz municipal en diversas épocas. Pouco despois da morte do seu afamado tío poeta, atopamos esta curiosa noticia na prensa herculina:

Ante el tribunal provincial de lo contencioso-administrativo interpuso recurso don José Astray Labarta contra la denegación tácita del Ayuntamiento de Laracha por el que al nombrarle Farmacéutico titular le impuso la obligación de residir en Estramil”.4

   José Ramón, que casou con Josefa Hermida Astray, vendeulle a súa botica a Valentina Astray Troche, sobriña segunda súa natural de Ordes, que foi a primeira muller que tivo farmacia na Laracha. Olga Belo Astray, filla de Valentina, segue na actualidade coa tradición familiar xa que é ela a propietaria da Farmacia Astray, situada no número 44 da rúa Santa Lucía da capital municipal.

   José Ramón Astray Labarta faleceu aos 76 anos en agosto de 1950. A súa muller, Josefa Hermida Astray, aos 90 en decembro de 1967. O seu único fillo, José Astray-Labarta Hermida, foi alcalde da Laracha dende xaneiro de 1937 ata mediados da década dos corenta. Morreu en decembro de 1972 aos 67 anos. Unha neta do antigo rexedor municipal, Montse Astray Villanueva, é farmacéutica. Exerce dende o ano 1997 (ata a actualidade) na Farmacia Villanueva da Laracha, da que é titular súa tía Celia Villanueva.

   Pola súa banda Ramón Jesús, o outro fillo de Gumersinda e de Marcelino Eulogio, foi persoa moi querida e respectada en Carballo, vila na que a farmacia de seu pai pasaría primeiramente ás mans dun tal Caamaño e, tempo despois, foi propiedade de María del Carmen Astray Troche, irmá de Valentina. Avogado e secretario da Administración, Ramón Jesús Astray Labarta foi o segundo presidente do Bergantiños F.C. Segundo diversas fontes, o local social da entidade trasladouse ao Casino de Carballo baixo a súa presidencia. Ramón tamén xuíz municipal da Laracha, xuíz suplente en Carballo e secretario dos concellos de Outeiro de Rei (Lugo), donde estivo dende 1929 ata 1934, e Malpica, onde ocupou o cargo dende setembro de 1935 ata xullo de 1937.

   Ramón Astray Labarta casou con Jesusa Díaz, matrimonio que tivo dous fillos: Francisco, insigne procurador dos tribunais casado con María Calvo Romero, e Gumersinda Astray-Labarta Díaz. Ramón faleceu en novembro de 1967 aos 93 anos na súa casa de Baio, a mesma na que nacera o seu ilustre tío-avó Enrique Labarta Pose e súa avoa Gumersinda. Nesa vivenda continuou vivindo a súa filla Gumersinda, quen, á morte de seu pai xa estaba viúva de Evaristo García Espasandín, mestre das escolas de Camariñas e Borneiro (Cabana de Bergantiños). Nun artigo publicado en xuño de 1971 con motivo do cuadraxésimo sexto aniversario da morte do poeta, La Voz de Galicia informaba:

(…) Pra dar cabo, pois máis nono permite o espacio, é obrigado dar algúns datos encól do lugar do nacemento, da súa personalidade literaria e da familia do inmorrente Labarta.
Antre a escola e a eirexa devanditas, alcóntrase a casa onda tivo nado, na que vive agora unha sobriña neta, doña Gumersinda Astray Labarta, que ten un hirmán en Carballo, licenciado en dereito, don Francisco Astray Labarta, onde habita tamén outro sobriño neto, don José Astray Hermida, que pola nai tamén emparéntase ca nosa incomparabel Rosalía de Castro. (...)”5


FONTES:

 

COTELO FREIRE, XOSÉ Mª (Coordinación do proxecto) (2011): Unha volta polo pasado. Parroquia de Torás. Asociación Veciñal A Cutareira. A Laracha. 

FRAGA RODRÍGUEZ, XAN M. (2004): Crónicas de Carballo II. Agrupación Cultural Lumieira. Carballo.

REDONDO ABAL, FRANCISCO XAVIER (2011): O mar e a memoria. O Expediente Armesto. Edicións Laiovento.

REI LEMA, XOSÉ MARÍA (2000): Francisco Romero Lema ou unha vida de homenaxe a Enrique Labarta Pose. Boletín galego de literatura, 4.

VARELA VARELA, XOSÉ MANUEL (1995): Enrique Labarta Pose: Apuntamentos para unha biografía. Boletín galego de literatura, 13.

________________

1 Vid. Xosé Manuel Varela Varela (1995): Enrique Labarta Pose, apuntamentos para unha biografía, Boletín galego de literatura, 13, páx. 106.

2 Vid. Xan M. Fraga Rodríguez (2004): Crónicas de Carballo II, Agrupación Cultural Lumieira, Carballo, pp. 21 a 23.

3 Finado en 1918 aos 77 anos de idade.

4 Vid. El Orzán, 14 de outubro de 1926, páx. 2.

5 Vid. La Voz de Galicia, 6 de xuño de 1971, páx. 32.

Ningún comentario:

Publicar un comentario