O protagonismo das Crónicas da Laracha desta semana é para Antonio Barreiro Ramos, unha figura fundamental na historia cultural e social da cidade de Montevideo xa que foi un dos editores máis importantes do Uruguai a finais do século XIX e principios do XX.
Antonio Barreiro Ramos (Biblioteca Nacional Montevideo) |
Fillo de José Barreiro e María Ramos, o noso homenaxeado nace no ano 1851 no lugar de Fragunde, na parroquia de Vilaño, nunha casa que aínda conserva parte da súa estrutura. Ao igual que miles de galegos do seu tempo, con dezaseis anos emigra ao Uruguai na procura dunha mellor vida e establécese en Montevideo.
Casa do lugar de Fragunde na que naceu Antonio Barreiro Ramos (Xabier Maceiras) |
Corre o ano 1867 e comeza a traballar na libraría de Teodomiro Real y Prado, que por aquel entón era unha das máis prestixiosas da capital uruguaia. Ao tempo que adquiría experiencia nas prácticas comerciais e de libraría, o mozo larachés íase adoutrinando sobre o país de adopción, as súas xentes e costumes, nas conversas da tertulia que diariamente se celebraba no seu lugar do traballo, onde o seu patrón faríao socio comanditario do establecemento. Nesa época casou con Ana Ortega Alegre, coa que tería seis fillos: Antonio Prudencio, Enrique, Ana Julia, Samuel, María Judith e Guillermo.
Os seus contactos en Real y Prado cos incipientes sectores intelectuais da cidade ía ser a lanzadeira para o que acontecería en 1871, que foi cando o larachés comezou a traballar pola súa conta logo de fundar o seu propio negocio: a Librería Nacional, un pequeno establecemento de venda de libros que respondía á firma social Barreiro y Cía., constituida polo propio Antonio e Teodomiro Real y Prado, o seu antigo patrón, un home crucial na súa vida. Andando no tempo, esa firma daría lugar a unha sustitutiva, que xirou como A. Barreiro y Ramos, formada por Antonio e seu irmán Antonio Ramón, que tamén abandonara o lugar de Fragunde na procura das oportunidades que non tiña na súa terra de nacemento.
Publicidade da Librería Nacional (Montevideo en Fotos) |
Un país novo como era o Uruguai naquela altura, ao que chegaban grandes ondadas migratorias e no que se empezaba a fraguar o sentimento nacional, propiciaba a publicación dun gran número de textos, feito do que Barreiro Ramos ía tomar boa nota. Deste xeito, seis anos despois de abrir a Librería Nacional, aproveitando o momento histórico tan favorable, instala en Montevideo talleres gráficos para editar, publicar e comercializar numerosos libros.
O larachés, xa convertido en empresario ía encontrar no boom da produción de textos escolares, impulsada pola Reforma educativa que vivía o país nesa época, a oportunidade para que o seu negocio non fora únicamente a venda de libros senón tamén a súa edición. Este emprendemento era dunha notoria actualidade ao chegar a publicar incluso textos sobre novos recursos existentes para aplicar no medio educativo. Un exemplo disto foi o traballo de Carlos Arocena denominado Las proyecciones como un medio de enseñanza, un texto de 52 páxinas sobre os beneficios que tiña a utilización de proxectores no ensino e a difusión das ciencias.
A partir de 1882 vinculouse, como administrador, a unha empresa cultural de curta vida, mais de significativa incidencia no campo das ciencias xurídicas, a Revista del Plata, destinada a canalizar as leccións que nesas disciplinas se ditaban nas aulas universitarias.
Debuxo de Antonio Barreiro Ramos realizado en 1895 por Juan Bellver baixo o pseudónimo Juan Sanuy |
Posteriormente, segundo os apuntamentos de Leonardo Guedes Marrero, investigador da Universidad de la República de Montevideo que no 2019 impartiu coa tamén historiadora uruguaia Alejandra Torres unha charla1 no consistorio da Laracha para dar a coñecer ao persoeiro de Vilaño, a figura de Barreiro Ramos e o seu negocio cobraron relevancia no ámbito intelectual, converténdose nada máis e nada menos que en editor do historiador Francisco Bauzá, do poeta Juan Zorrilla de San Martín e do xurista Justino Jiménez de Aréchaga, os tres figuras notables da intelectualidade uruguaia.
Na década de 1890, o de Fragunde comeza a publicar Biblioteca Popular de Historia Nacional, unha colección de libros non moi extensos e accesibles co obxectivo de achegar as obras históricas a todos os sectores sociais, como por exemplo Las grandes batallas (1893), de Orestes Araujo, un texto que, desde unha estrutura épica da Batalla de Sarandí2, intentaba contribuir á construción dunha identidade nacional para un país que levaba con moi poucos anos coa súa primeira Constitución, de 1830.
A devandita colección nacía como expresión dun proxecto difusor en harmonía coa integración á sociedade receptora, que se encargou de xustificar o propio Barreiro nun prólogo da súa autoría: “Sabido es de todos que entre nosotros las obras de carácter histórico no llegan hasta las clases populares, ni menos a manos de la infancia, debido al hecho de ser aquellas excesivamente costosas, demasiado extensas, al par que su estudio requiere cierta preparación especial que, por desgracia, ni todo el pueblo posee, ni se suministra a la infancia (...); lo que nos induce a creer que todo empeño hecho en el sentido de difundir la historia patria entre las clases sociales de posición humilde, tendrá buena acogida, por más que esta, por grande que sea, no compense lo bastante la magnitud de la empresa que abordamos”.
Á parte dos nomeados anteriormente, outros autores célebres que o larachés apoiou editando as súas obras foron os historiadores Clemente Fregueiro e Carlos M.ª Ramírez; o poeta Benjamín Fernández y Medina; os narradores Alejandro Magariños Cervantes e Samuel Blixen; o filólogo Daniel Granada; ou, entre outros Eduardo Acevedo Díaz, considerado como o iniciador da novela nacional do Uruguai.
A labor do persoeiro da Laracha como editor e libreiro permitiulle establecer contactos con estudosos e políticos da época, chegándose a crear a Tertulia de Barreiro, unha agrupación consolidada de intelectuais na que se xeraban importantes intercambios e debates sobre a realidade uruguaia daquel momento e que levou a Antonio Barreiro Ramos a ser considerado un dos empresarios máis importantes de Montevideo e mesmo a participar no directorio do Banco de la República. De seguro que un daqueles intelectuais que frecuentaban a Librería Nacional foi, con certeza, outro persoiero de orixe larachés, o avogado e físico Claudio Williman, que foi presidente da República do Uruguai entre 1907 e 1911. Malia ao seu apelido tan pouco bergantiñán, Williman, que nacera en Montevideo en 1861, ten as súas orixes en Caión3.
O nº 8 é Antonio Barreiro Ramos e o nº 6 seu irmán Antonio Ramón (Biblioteca Nacional Montevideo) |
O éxito empresarial de Antonio Barreiro Ramos, que tamén foi presidente da Unión Industrial Uruguaya, íase manter ata o último dos seus días. O noso protagonista, figura de gran peso no mundo cultural e dos negocios na época que lle tocou vivir, faleceu en 1916 aos 66 anos de idade. Trala morte do larachés, o seu fillo Guillermo seguiría á fronte da Librería Nacional e da Editorial Barreiro y Ramos durante décadas.
Guillermo Barreiro Ortega, o fillo máis novo do editor e libreiro da Laracha, en 1961 (Biblioteca Nacional Montevideo) |
Moitas xeracións de uruguaios medraron escoitando esta pregunta, -¿Donde lo compraste?, seguida da resposta – Lo conseguí en Barreiro. Estas preguntas e resposta referíanse ás librarías Barreiro, librarías e papelerías que tiveron sucursais en varios barrios montevideanos, presentes na sociedade charrúa ata finais do século pasado, ata a xubilación da terceira xeración da estirpe.
Publicidade dos anos 60 (Biblioteca Nacional Montevideo) |
O espíritu daquel emigrante larachés, que tivera a coraxe de cruzar o Atlántico na procura do soño americano e que triunfaría plenamente na súa terra de adopción, segue moi presente en Montevideo. O local que antigamente fora a sede da Librería Nacional en pleno corazón da Ciudad Vieja, popularmente coñecido como esquina de los libros, a poucos metros da Plaza Matriz e da Plaza Independencia, foi mercado no ano 2010 polo grupo económico Tikto, que o transformou nun moderno edificio destinado a centro comercial, oficinas e vivendas respectando a primixenia construción. Os novos propietarios, motivados polo enorme pouso que sempre tivo para os uruguaios a emblemática libraría, acordaron que a remodelada obra mantivera o nome do larachés. O espléndido Edificio Barreiro & Ramos rinde tributo a aquel rapaz de Fragunde que chegaría a ser un dos máis prestixiosos libreiros e editores do Uruguai, un persoeiro que tamén ten adicada unha praza nunha zona próxima ao Estadio Parque Federico Omar Saroldi, a Plaza Antonio Barreiro y Ramos.
Imaxe actual do edificio Barreiro & Ramos (www.tixto.es) |
FONTES:
GARCÍA GÓMEZ, GUMERSINDO (2016): Un mozo de Soandres, libreiro e editor en Montevideo, Revista das Festas de Soandres 2016.
GARRIDO RIAL, SANTIAGO (2019): Un emigrante larachés fue uno de los grandes editores de la historia de Uruguay, La Voz de Galicia, 9 de outubro.
GUEDES MARRERO, LEONARDO (2017): Semblanza de Antonio Barreiro y Ramos (1851-1916). En Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes - Portal Editores y Editoriales Iberoamericanos (siglos XIX-XXI) – EDI-RED: http://www.cervantesvirtual.com/obra/antonio-barreiro-yramos-laracha-1851--montevideo-1916-semblanza-788445
___________________
1 Coordinada polo Concello da Laracha a charla impartida por Leonardo Guedes e Alejandra Torres, que farían o propio en diferentes puntos da xeografía galego durante novembro de 2019, levaba por título Edición, educación y canon literario. La incidencia cultural de los editores gallegos en el Uruguay moderno: los casos de Antonio Barreiro y Ramos y de los hermanos Maximino y Claudio García.
2 A batalla de Serendí foi un enfrontamento militar producido o 12 de outubro de 1825 dentro do contexto da chamada Cruzada Libertadora entre as milicias independentistas orientais e as tropas do Imperio do Brasil, con victoria das primeiras.
3 A historia de Claudio Williman xa a publicamos no seu momento en Crónicas da Laracha. Podes ler o artigo aquí: https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/search?q=williman
Ningún comentario:
Publicar un comentario