En febreiro de 1998, a parroquia larachesa de Lendo vía como Carlos García, o fillo de Fina Becerra, unha das veciñas do lugar que había pouco tempo que regresara de Venezuela da emigración, debutaba na Primeira División co R.C. Deportivo da Coruña, feito que naquela altura a veciñanza levaba con moita fachenda e que se ía repetir once anos máis tarde, cando facía o propio David Añón González, o protagonista desta historia.
David Añón medra entre A Coruña e A Laracha, pasando boa parte da súa infancia na Torre de Lendo, un lugar no que tiñan o seu domicilio seus avós paternos Pepe e Aurora, na coñecida como a casa dos de Añón. Alí tamén nacera seu pai José Antonio, un home que xogara ao fútbol na peña de Lendo, xunto cos seus irmáns Javier e Manolo, e no San Román, cando o equipo de Cabovilaño estivera federado e competira durante tres tempadas na Liga da Costa a mediados dos anos oitenta.
Nesa época José Antonio déralle o “si quero” a Yini González, unha bonita moza de Zas coa que, nada máis casar, establece o seu domicilio nun piso do barrio coruñés das Adormideiras, onde ían vir ao mundo os tres fillos do matrimonio: Marta, que naceu en 1985, e os xemelgos Cristina e David, nados catro anos despois, o 3 de abril de 1989.
O futuro futbolista dálle as primeiras patadas a un balón no Liceo, o colexio onde estudaba, e de alí pasa ao Ural, club no que só permanece un ano, xa que posteriormente entra nas categorías inferiores do Deportivo. Como por aqueles días a entidade herculina aínda non contaba coas instalacións que actualmente ten en Abegondo, os diferentes equipos do fútbol base deportivistas tiñan que disputar os seus partidos nos campos da bisbarra e, por iso, as casualidades da vida farían que o cadro alevín, do que formaba parte David Añón, xogase unha tempada no de Lendo, unha coincidencia ben fermosa que o futbolista larachés lembra con emoción por tratarse do campo no que pasaran boa parte da xuventude seu pai e seus tíos Javier e Manolo. Tamén, como anécdota daquela época, hai que dicir que David era un dos recollepelotas de cando o Dépor eliminou o Milan co lendario 4-0 na Champions League do 2004.
Tras pasar por todas as categorías do R.C Deportivo, o noso protagonista xoga a tempada 2008/09 na Terceira División cedido no Montañeros, aquel equipo da Coruña presidido por Fausto Vázquez e amparado economicamente polo Banco Gallego, que conseguira unha impresionante xeira de tres ascensos consecutivos. Nesa campaña, Añón é peza importante na liña de ataque do equipo herculino axudando, cos seus dez goles anotados, a que os “banqueiros” rematasen o campionato ligueiro na segunda posición. Este posto outorgáballes o premio de disputar a promoción de ascenso. Malia que non conseguiron subir de categoría no terreo de xogo, xa que perderon contra o Hellín Deportivo, o descenso administrativo do Ciudad de Santiago fíxolles ocupar a súa praza como mellor equipo galego clasificado. Por esta razón, o Montañeros debutou na tempada 2009/10 na Segunda División B, quedando no décimo lugar.
Tras xogar cedido durante aquela campaña no equipo presidido por Fausto, David Añón regresa á disciplina do Deportivo e forma parte do plantel do Fabril de Tito Ramallo no curso seguinte, se cadra o mellor da súa carreira. O rapaz de Lendo non só logra o ascenso á Segunda División B co filial, senón que, ademais, o adestrador do primeiro equipo, Miguel Ángel Lotina, faríao debutar co conxunto deportivista no partido de ida da eliminatoria dos cuartos de final da Copa do Rei que os herculinos perden en Riazor co Sevilla por 0-3, enfrontamento no que David saltaba ao campo no minuto 55 xunto a Valerón, nun dobre troco no que ambos substituían a Antonio Tomás e a Iván Pérez.
Añón ía seguir contando coa confianza de Lotina, que o faría debutar na Primeira División o 28 de febreiro do 2010, no partido correspondente á xornada 24 que os coruñeses perderon 1-0 no campo do Vilarreal e no que o de Lendo entraba no minuto 82 en substitución do dianteiro Adrián López. Unhas semanas máis tarde, o 1 de maio, David disputaba en Riazor os últimos 10 minutos do partido que o Deportivo perdeu 0-1 co Zaragoza. A guinda daquela inesquecible tempada para o fillo de José Antonio e de Yini chega en Pamplona na xornada seguinte, a 36, que foi cando o larachés xogou o seu primeiro partido como titular, choque que o Deportivo, xa cos deberes da permanencia feitos, perdeu 3-1 contra o Osasuna coa seguinte aliñación: Aranzubía; Laure, Rochela, Lopo, Colotto, Manuel Pablo; Valerón, Juan Rodríguez, Juca; David Añón e Riki.
David Añón no partido Deportivo-Zaragoza da tempada 2009/10 (La Opinión A Coruña) |
Despois de saborear o mel da Primeira División naqueles tres partidos contra o Vilarreal, Zaragoza e Osasuna, David soñaba con seguir tendo máis minutos co Dépor durante a campaña seguinte, a 2010/11, sobre todo tras o bo papel realizado na Segunda B co Fabril, anotando 9 goles en 33 partidos. Mais ese bo facer individual, que non axudou a evitar o descenso á Terceira do filial, non valeu para que o noso futbolista contase nese curso coa confianza de Lotina, un adestrador que non ía ser quen de manter o equipo entre os grandes e, tras vinte tempadas consecutivas na Primeira, o cadro herculino descendía á Segunda División.
Ao remate desa escura campaña para o deportivismo, David acaba contrato coa entidade coruñesa. O seu destacado papel no Fabril ía dar pé a que a directiva da Praza de Pontevedra lle ofrecese a renovación para seguir no filial. As opcións eran competir na Terceira ou saír, e, finalmente, o rapaz de Lendo decántase por unha oferta do Albacete, para xogar no Grupo I da Segunda B, categoría na que disputa cos manchegos 23 partidos nos que anotou un gol.
No verán do 2012 regresa á súa terra e ficha no Celta B. Unha gran xeira goleadora nas primeiras xornadas no campionato da Terceira División íalle servir para que Paco Herrera o fixese debutar co primeiro equipo en Balaídos nun partido amigable ante o C.D. Lugo. Con quince goles anotados, Añón convértese nun dos xogadores máis importantes do filial celeste nesa tempada, na que o Celta B acada o ascenso á Segunda División B.
O curso 2013/14 foi un tanto decepcionante para o futbolista da Laracha, quen, malia xogar un total de 29 partidos na división de bronce do fútbol estatal, non mantivo o seu idilio de cara á porta e soamente anotou un gol en todo o campionato (o que lle marcou á U.D. Logroñés na primeira xornada). David pon fin á súa etapa na cidade olívica ao remate da tempada e, unha vez desvinculado do Celta, asina co C.D. Boiro. Alí non tarda en se converter nunha das principais pezas do once e, cos seus goles, axuda a que o cadro da Barbanza se mantivese na Terceira ocupando o 15º posto da táboa, antesala do exitoso ano seguinte, no que o Boiro, xa sen David no seu cadro de xogadores, se proclamou campión da categoría e conseguiu o ascenso á Segunda B por vez primeira na súa historia.
Naquela inesquecible campaña 2015/16 do Boiro, Añón defende as cores da U.D. Somozas que dirixía o técnico Antonio José López ‘Stili’, un equipo que xogaba a súa segunda tempada na Segunda B e que remata o curso no oitavo posto da táboa clasificatoria despois de que o noso protagonista xogase 36 partidos e anotase dez goles. Eses bos números no cadro de Ferrolterra lévano a fichar na tempada 2016/17 nun dos históricos do fútbol galego, o Pontevedra CF. Ofrecendo en cada enfrontamento un recital de mobilidade e de hiperactividade na liña de ataque, características coas que gañou o corazón dos seareiros pontevedreses dende a súa chegada á cidade do Lérez, David Añón permanece neste equipo durante dúas tempadas na Segunda B, anotando na última delas, a 2017/18, doce goles.
Con ganas de ver algo diferente e de probar fortuna noutros lares, na campaña seguinte sáelle a oportunidade de xogar na Segunda División do campionato polaco co GKS Katowice. Non o pensou dúas veces e na aventura europea anota dous goles nos vinte e catro partidos que disputa con este equipo.
Rematada a experiencia polaca, o atacante de Lendo fai as maletas e regresa a España, onde soa como reforzo de equipos como o Castellón, Hércules, Badaxoz, Logroñés, Racing de Ferrol e Coruxo, que foi o que finalmente se fixo cos seus servizos. Nesa campaña 2019/20, suspendida na xornada 28 por mor da COVID-19, os olívicos quedan quintos do Grupo I da Segunda División B e David xoga 28 partidos nos que marca sete goles.
David Añón coa camiseta do Coruxo (https://www.coruxofc.com/ ) |
O noso homenaxeado disputa as dúas tempadas seguintes (a 20/21 en Segunda B e a 21/22 en Primeira Federación) co Talavera de la Reina, club no que xoga 23 partidos e anota 3 goles na primeira campaña. Na segunda tempada marca 4 goles nos 35 partidos disputados con este club.
E xa, no actual curso 2022/23 ficha de novo co Coruxo para competir na Segunda Federación. Ata o momento da publicación desta crónica, o larachés levaba xogados 14 partidos co cadro olívico nos que anotou un gol.
Por se é do voso interese, a biografía de David Añón González, e a de outros futbolistas do municipio, forma parte de 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha, libro que contou coa colaboración dos dous concellos e que tedes ao voso dispor nas librarías da bisbarra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario