xoves, 22 de decembro de 2022

A CARPINTERÍA DE RIBEIRA DE CAIÓN, O TEMPORAL DE 1924 E OS ÚLTIMOS CARPINTEIROS DA VILA

  Ciclón. Cicloxénese explosiva. Furacán. Galerna. Tornado. Tormenta. As palabras, máis ou menos técnicas e cunha aplicación máis ou menos acertada, acumúlanse no imaxinario colectivo. Mesmo semella que cada xeración escolle a súa. Temporal é o termo que capeou mellor o paso do tempo, e nunca mellor dito, entre o común dos cidadáns e, á hora de escoller, hai algúns que marcaron unha pegada tan profunda que son proverbiais ata para aqueles que aínda non naceran cando aconteceron os feitos que lles deron a súa fama.

   Un dos temporais máis lembrados polos nosos devanceiros foi o acontecido nos primeiros días de xaneiro de 1924, cando Galicia sufría o impacto dunha profunda borrasca atlántica que causou uns efectos devastadores en boa parte do noso litoral.

   A crueldade daquel terrible temporal ocasionaría danos irreparables en Caión, onde a desgraza íase cebar no fogar de moitas familias da vila mariñeira, como así o describe a prensa da época:

DAÑOS PRODUCIDOS EN CAYON POR EL TEMPORAL
Aunque no pasó por completo el temporal de estos días, que causó en Cayón enormes daños, como las violencias del mar se han aminorado bastante, los pescadores y demás gente de mar de este pueblecito viene dedicándose a ir recogiendo los efectos que el mar arroja, pertenecientes a las embarcaciones que el oleaje destruyó, y a practicar averiguaciones para saber adonde fueron a parar otras que han desaparecido. Se calculan en 25.000 pesetas los daños causados por el temporal en Cayón.
Las bucetas “Pilar” y “Carmen Barán”, propiedad, respectivamente, de Angel Ventureira y Severino Lois, y registradas a los folios 662 y 760, se las llevó el mar, dejando en la mayor miseria a sus dueños.
La lancha-buceta “Mercedes”, registrada al fólio 144 y propiedad de D. Generoso Viñas, fué estrellada contra el malecón, quedando casi destruida. Otras embarcaciones, en número de diez, sufrieron daños de consideración. La rampa-embarcadero que había construido el Ayuntamiento de Laracha siendo alcalde D. José Castiñeiras, sufrió importantes desperfectos, lo mismo que la rampa de atraque de las embarcaciones que habia costeado a sus expensas D. José Arijón, filántropo hijo de este pueblecito. El vecindario se propone pedir auxilios a los Poderes públicos para que este pueblo no se vea en la miseria.1.

  Hai informacións que indican que, nesa época, en Caión existía unha carpintería de ribeira que era propiedade de José Ricardo Santos Tenreiro e que, probablemente, estaba situada enriba da ribeira do porto, na zona do Rompeolas.

 

Infografía montada de Caión de Marcos. E. Amado

   Ao igual que outros moitos oficios que rodean a pesca de baixura, a carpintaría de ribeira era unha tarefa humilde na que só en casos excepcionais conseguiron dar o paso de obradoiros a converterse en verdadeiras factorías industriais. Por isto os talleres eran edificios sinxelos, normalmente construídos sobre unha base de pedra rematando o resto da estrutura con madeira que en moitos casos eran sobrantes da propia actividade do taller.

   Pois ben, aquel temporal de 1924 tamén ía esnaquizar as instalacións da carpintería de ribeira que Santos Tenreiro posuía en Caión, nova da que se facían eco os medios da época do seguinte xeito:

EL ASTILLERO DEL SEÑOR SANTOS TENREIRO, DESTRUIDO
Continuamente se reciben noticias de los daños que el temporal de estos últimos días causó en los vecinos puertecitos y sobre todo de Cayón continúan llegándonos quejas y lamentaciones de cuantas personas sufrieron allí cuantiosas pérdidas.
Uno de los perjudicados por el temporal fué el constructor de embarcaciones, nuestro amigo D. José Ricardo Santos Tenreiro, a quien la violencia del oleaje dejó casi en la miseria, pues le destruyó completamente su taller derribándole 68 metros lineales del muro de contención que defendía el mencionado taller, además de diez metros del muro qué sostenía la cubierta o “galpón”.
Las olas invadieron el pequeño astillero del Sr. Santos Tenreiro, llevándose los materiales de las embarcaciones que allí se construían tronchando por babor otra que estaba próxima a ser entregada además de haber destrozado varias lanchas que estaban reparándose en aquellos talleres, que eran en Cayón el casi único establecimiento industrial que existía.
Se calculan en unas seis mil pesetas las pérdidas sufridas por el Sr. Santos Tenreiro y las cuales constituían todo su patrimonio2.

   Os carpinteiros de ribeira eran, naquela altura, unha parte esencial da cultura mariñeira, xa que das súas mans nacían as embarcacións que permitían aos mariñeiros extraer os recursos do mar. A súa actividade orixinárase na necesidade dos mariñeiros de posuír unha ferramenta que lles permitira acceder aos distintos caladoiros para poder operar coas diferentes artes pesqueiras. É precisamente esta adaptación ao entorno no que se desenvolveron os mariñeiros de antano, xunto coa actividade a que se adicaron, a que determinou as formas e a evolución das diferentes tipoloxías de embarcacións.

   Nun momento no que xa poucas carpinterías de ribeira quedan na comarca de Bergantiños, estes artesáns pódense considerar como auténticos enxeñeiros, pois apoiándose no saber popular transmitido oralmente de xeración en xeración, eran capaces de realizar un produto tan complexo como é unha embarcación, no que entran en xogo un número moi amplo de factores, e só o equilibrio entre eles garantía un bo resultado.

   O capital humano da carpintaría de ribeira procedía normalmente da aprendizaxe directa da profesión, mediante a iniciación –aínda xuvenil- nos obradoiros de traballo xa establecidos, resultando bastante común a transmisión familiar do oficio. Tamén era usual que mariñeiros autodidactas practicasen o oficio.

   Consultada a hemeroteca da época, despois de que o temporal anteriormente nomeado levara por diante o pequeno estaleiro caionés nos primeiros días de xaneiro de 1924, non volvemos a ter novas de Santos Tenreiro, polo que seguramente aquela foi a última carpintería de ribeira da vila caionesa, opinión que tamén comparten Marcos Amado, Manel Raposo e Paco López, veciños de Caión cos que falamos habitualmente sobre a historia da vila mariñeira, e que nos dixeron que non teñen constancia de que houbera outro estaleiro naval no seu lugar de nacemento. Segundo as informacións de Marcos, seica posteriormente os armadores de Caión construían os seus barcos no Esteiro do Anllóns, en Cabana de Bergantiños, moitos deles na carpintería O Baladiño propiedade de Martín Senande Vázquez.

   Cando a actividade pesqueira en Caión era a que non é hoxe, na vila si que houbo varios carpinteiros de pequenas embarcacións. Os nosos informantes Marcos, Manel e Paco faláronnos de José Rozamontes Vázquez 'Reperte', Daniel Rega Martínez 'Sarete' e de Francisco López, que foron os carpinteiros da vila que construiron as últimas chalanas feitas en Caión. 

 

Imaxe do carpinteiro José Rozamontes Vázquez (Cortesía da súa familia)

   O que escribe garda gratos recordos de Francisco López, da súa muller María Antonia López e de Chucho e Lola, os fillos deste matrimonio, xa que eran bos amigos da miña familia. Lembro que viñan moito á nosa casa, onde aínda se conserva algunha fotografía que acredita aquela boa relación entre as dúas familias.

 

Arriba, 2º e 3ª pola dereita, Francisco 'O Carpinteiro' e a súa muller María. Abaixo, o autor desta crónica diante de súa nai Melucha e, detrás dela, Lola de Caión (Arquivo familiar)

    As visitas ao domicilio dos 'do Carpinteiro' en Caión tamén eran frecuentes. Recordo que nos setenta, cando tiña 8 ou 9 anos, ía moito con miña nai, Melucha, no seu Seat 127 a ver a Lola e a seus pais Francisco e María. Precisamente alí, dende a atalaia oceánica que era (e sigue sendo) a súa casa, souben da afouteza dos bravos mariñeiros deste porto bergantiñán e dos tempos pretéritos nos que se dedicaban, ao igual que os seus veciños de Malpica, á captura da balea. Observando a inmensidade oceánica, dende a ventá da cociña da casa dos 'do Carpinteiro' soñei con Moby Dick e imaxinei que o capitán Ahab, Ismael e o resto da tripulación do bergantín Pequod eran de Caión e de Malpica.

  Andando no tempo souben das carpinterías de ribeira bergantiñás, moitas delas xa desaparecidas como a que tivo Santos Tenreiro en Caión. Construiríase o bergantin Pequod nalgunha delas? O soñar non ten cancelas!

  Felices festas a todos e a todas!


 

FONTES:

 
Alfeirán, Xurxo & Rama, Juan A. (1997): As carpinterías de ribeira de Cabana, O Berro Seco de Cabana, 17 de maio.

Asociación de Amigos das Embarcacións Tradicionais Os Galos (Bueu). O Estaleiro de Purro. A carpintería de ribeira. X Encontro de de Embarcacións Tradicionais.

 
Gago, Marcos (2017): Temporales que dejaron huella, La Voz de Galicia, 12 de febreiro.


____________________________

1 Vid. La Voz de Galicia, 17 de xaneiro de 1924, páx 1.

2 Vid. La Voz de Galicia, 18 de xaneiro de 1924, páx 1.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario