luns, 10 de xaneiro de 2022

CORONA GONZÁLEZ SANTOS, A FOTÓGRAFA DE VILAÑO

    A fotografía percorreu un longo camiño na súa relativamente curta historia. En case 200 anos, a cámara pasou de ser unha simple caixa que tomaba fotos borrosas ás mini computadoras de alta tecnoloxía que se encontran nas DSLR e nos teléfonos intelixentes da actualidade. A historia da fotografía é fascinante, abofé. Por riba, e xa varrendo para a casa, o feito de que unha das primeiras fotógrafas de Galicia nacera na Laracha dálle o seu aquel e aínda a converte máis engaiolante. 

   Convén recordar que a primeira fotógrafa de estudio de toda a xeografía galega foi María Cardarelly, autora dos primeiros retratos coñecidos de Rosalía de Castro, que realizou a súa actividade na rúa do Horreo de Compostela en 1854. A seguinte da que se ten coñecemento foi Antonia Santos, que tomou as primeiras fotos na zona de Mondoñedo na década de 1870.

   Precisamente nesa época, o 10 de outubro de 1875, nacía en Vilaño, no seu dunha familia acomodada, Corona María Josefa Jesusa Higinia González Santos1, que era filla de Faustino González Cobas, natural do municipio pontevedrés de Cotobade e médico da Laracha naquela altura, e de Jesusa Santos Cervela, natural da cidade de Ourense.

 

Corona González Santos (Foto Napoleón, Barcelona)

   Faustino e Jesusa xa eran pais de dous cativos, Carlos e Elodia, antes de que Corona nacera en Vilaño, onde se instalaron certo tempo despois da publicación no Boletín Oficial da Provincia do 21 de xullo de 1871 deste edicto no que se informa que... Se acordó prevenir al alcalde de Laracha que instruya expediente para proveer tambien en propiedad el cargo de Médico titular vacante por renuncia de Don Roberto Fernández”2.

   Non podemos determinar con exactitude o tempo que Faustino González estivo de médico na Laracha, mais de seguro que os seus fillos maiores botaron algunha que outra carreira polo castro de Montes Claros de Vilaño antes de que a familia se trasladara a Mos, onde a prole dos González Santos ía aumentar con cinco fillas máis: Josefa, Esther, Aurora, Acacia e Etelgiva.

   En Mos, onde Faustino exercía de médico local, Corona recibe a formación escolar estipulada na sociedade da época para as mulleres, que non contemplaba para elas a posibilidade de seguir as ensinanzas universitarias. Andando no tempo, a nosa protagonista coñece a Ramón González Fernández, un rico empresario de Ribadeo que fixera fortuna en América.

 

Retrato familiar realizado na galería de Vilar  do Adro na década de 1910. Na foto figuran o pai don Faustino González, a nai dona Jesusa Santos, dúas irmás de Corona e a propia fotógrafa, sentada en primeiro plano á esquerda (Museo de Pontevedra)

   Ramón nacera en Porcillán en 1856 e, tras estudar Náutica e Comercio, emigra de mozo a Rosario (Arxentina), onde gaña a vida como empregado dunha tenda. Tras facerse socio da firma Mendeto y Cía, quédase coa empresa e amasa unha gran fortuna. En 1899 tiña os recursos suficientes para poder regresar e vivir cómodamente. Cando se instalou en Galicia, abriu sucursais en Santiago e Vigo do “Banco Español del Río de la Plata” do que fora conselleiro delegado en Rosario. E nunha viaxe que fixo a Porriño para ver a un amigo arxentino, coñeceu a Corona. 

   O 22 de setembro de 1900, a larachesa de nacemento e Ramón contraen matrimonio na Capela das Angustias en Santa María de Sanguiñeda, parroquia do concello de Mos. El tiña 44 anos e ela 22. Un dos lugares que visitaron na súa lúa de mel foi a gran Exposición Universal que nesas datas se celebraba en París, onde ía agromar en Corona González o seu interese pola fotografía. De feito foi na capital francesa onde comprou a súa primeira cámara: unha Gaumont modelo Block-System “Carrée”, con caixa de madeira de caoba.

   O matrimonio fixa a súa residencia nunha finca coñecida como Vila do Adro, situada na raia divisoria entre os concellos de Mos e Porriño, na estrada que une Porriño e Redondela, aínda que tamén residen por tempadas en Ribadeo, na vila de nacemento de Ramón, onde traban amizade con Benito Prieto Ferrero, fotógrafo establecido na localidade, con estudio propio, “Foto Prieto”, e con establecementos abertos en Navia, Vegadeo e Luarca. 

 

Corona González Santos e Ramón González (Foto Napoleón, Barcelona)

    Aínda que non se dispoñen de datos sobre a adquisición de formación fotográfica da nosa protagonista, Fernanda Padín Ogando, autora dunha extraordinaria biografía sobre a larachesa (https://www.fotografaspioneiras.com/index.php/2018/05/07/corona-gonzalez-santos-1875-1972/), apunta que todo parece indicar que foi fundamentalmente autodidacta e que tiña os seus alicerces, na atracción e agrado que, segundo fontes familiares, mostraba polas actividades de tipo creativo e polo moite interese non só en fotografar, senón tamén en positivar os negativos.

   Neste proceso de coñecemento, seguramente resultaron de moito apoio a relación de amizade mantida con Benito Prieto, o fotografo de Ribadeo, e con Pedro Cima, fotógrafo residente en Bos Aires, a quen Ramón e Corona sempre visitaban nas súas viaxes á Arxentina. 

   A obra fotográfica da nosa protagonista, que imaxinamos visitaría A Laracha nalgún momento da súa vida para amosarlle a Ramón o seu lugar de nacemento, asómase tanto ao interior da súa vida cotiá como ao universo exterior da súa contorna e as súas viaxes. Entre as fotografías de ámbito familiar e privado, cabe destacar a variedade de tomas que realizou, sempre utilizando a luz natural, tanto en interiores como en exteriores. Empregaba a galería da súa casa como estudio fotográfico, deixando testemuño da vida familiar e da oportunidade que as visitas de amigos da familia lles proporcionaban para o exercicio da súa artística vocación. No exterior, as paredes da casa, bancos, veladores e plantas do seu xardín, conformaban o escenario ornamentado de fondo para a realización de retratos individuais ou en grupo dos seus familiares e amigos. Para os retratos individuais ou en parellas, habitualmente femininos, gostaba de non repetir a composición, situando as persoas sentadas ou erguidas, ben na galería da casa, aproveitando a luz que se filtraba a través dos cristais, ben no xardín, onde previamente semella que preparaba as diferentes escenografías.

   En xaneiro de 1914 Corona publica na revista “Vida Gallega” unha reportaxe fotográfica titulada “El arte y la belleza” en relación cunha festa benéfica realizada no Casino de Porriño, onde, baixo a dirección artística de D. José Palacios representábase teatralmente “Canción de Cuna”, unha obra que se estreara no Teatro Lara de Madrid en 1911, e que, debido ao seu argumento, calou moi fondo entre as persoas afeccionadas ao teatro en Galicia. Neste caso estaba interpretada por un elenco de actrices e actores da distinguida xuventude de Porriño, entre as que se atopaban familiares da propia Corona González.

 

Reportaxe gráfica na revista "Vida Gallega"

   Ademais de deixar pegada da actividade familiar e social na que se desenvolvía a través das fotografías, Corona contribuíu co altruísmo do seu marido durante a súa vida en común. En Ribadeo, Ramón González foi membro e presidente en 1910 da sociedade de socorros mutuos La Concordia. Subvencionou clases e instrumentos musicais do Ateneo. Financiou a construción do Teatro e as festas patronais de 1925 e deu 150.000 pesetas para comprar os terreos e construir a Praza de Abastos. A súa labor filantrópica íase completar cun mecenado de gran trascendencia social e cultural, concedendo becas a alumnos sen recursos para que puidesen estudar. Un deles foi Benito Prieto Coussent -que co andar do tempo sería un dos máis grandes pintores españois contemporáneos- ao que, nos seus inicios, axudou, protexeu e comprou varios cadros. En xusto recoñecemento dos seus méritos, os ribadenses deron o seu nome a unha rúa e o nomeárono Fillo Predilecto en 1922.

   No Porriño, o matrimonio tamén ía exercer unha importante labor benéfica, social e cultural. Financiaron o templo parroquial, aportaron 40.000 pesetas para abastecer de fariñas ao pobo, axudaron a viúvas e orfos do mar, sufragaron a construción do campo de fútbol e contribuiron con grandes sumas de diñeiro a remediar as calamidades da gripe de 1918. A súa obra filantrópica máis recordada foi a construción do Consistorio porriñés que encargaron en 1921 ao famoso arquitecto galego Antonio Palacios autor, entre outros emblemáticos edificios, do Concello de Madrid ou do Banco Español del Río de la Plata -hoxe Instituto Cervantes-, ambos na madrileña Praza da Cibeles. 

   Non era doado achegarse ao traballo fotográfico como afección nesa época, e en maior medida se ademais eras muller. A súa práctica chegaba a constituír un auténtico privilexio. Como a maior parte das fotógrafas non profesionais da época, Corona González Santos, atopaba os contidos a fotografar no seu entorno, estando pendente do que sucedía ao seu redor. A súa produción fotográfica tiña un marcado carácter costumista, como así o confirman as 127 fotografías que o seu sobriño José Ramón Fontán González deixou en custodia do Museo de Pontevedra. Tendo en conta esta colección de imaxes, pódese deducir que a larachesa practicou a fotografía durante vinte e cinco anos, período coincidente entre o ano que mercou a cámara en 1900 e o ano da morte do seu marido, acontecida en 1925 aos 69 anos de idade. 

   Un ano despois do pasamento de Ramón, a corporación de Ribadeo nomeaba a Corona “Filla adoptiva” como proba de afecto e gratitude pola súa valiosa e eficaz colaboración nas altruístas actuacións levadas a cabo xunto ao seu finado marido. A nosa protagonista non ía abandonar a actividade altruísta e entre as súas novas contribucións cabe destacar, no ano 1929, a consistente na doazón de terreos, para a construción da nova igrexa para a “Orde Franciscana Terciaria” en Ribadeo, á que a mesma Corona pertencía e que se rematou de edificar o 17 de xuño de 1931. Neste templo, Corona mandaría erguer un mausoleo de estilo Art Decó, a fin de que servira como última morada dos restos do seu marido, e onde ela mesma, á súa morte, sería soterrada anos máis tarde. 

 

Autoretrato (Museo de Pontevedra)

    Corona ía por diante do seu tempo. Á parte da fotografía, practicaba a escultura en barro e cemento e tamén escribía. O seu carácter e personalidade póñense de manifesto nos traballos que publicou en A Nosa Terra nos anos vinte do pasado século, artigos nos que se mostra como precursora do feminismo. Nas súas publicacións, asinadas desde lugares como París, Londres ou Río de Janeiro, predominan dous temas: a emigración e a morriña de Galicia e a necesidade de educar ás mulleres. Nun momento no que estas non abundaban en ningún ámbito profesional e tan escasa visibilidade social, Corona González defendía que se debía obrigar aos pais a dar instrucción aos seus fillos e que a falta de educación era a causa da marxinalidade de moitos galegos, sobre todo mulleres, na emigración. Nun artigo titulado «Pros pais que teñen fillas», publicado en A Nosa Terra o 1 de abril de 1927, Corona González escribe: «É necesario enseñar ás mulleres a traballar para ser independentes e facerlles comprender que non é necesario o casamento, nen ser monxa, para ser feliz neste mundo. Só poden adquirir a súa independencia por medio do traballo, e o día en que as nosas mulleres podan gañar a vida sin precisar de ninguén, terán independencia de carácter e poderán casarse, ou non, sin ter medo a quedar solteiras pois non precisan de ninguén que as manteña». 

   No comezo dá guerra civil, aos 61 anos, Corona incorporouse á Cruz Vermella exercendo como enfermeira auxiliar no “Hospital Militar de Evacuación de Bella Vista”. Durante os seguintes anos, continuou a súa colaboración en diferentes ámbitos de cooperación. En 1948, o concello de Ribadeo volveu a homenaxeala, en agradecemento ás contribucións pecuniarias que fixeran posible as necesarias obras executadas nas instalacións do Hospital Municipal. A corporación, en sesión ordinaria celebrada o 22 de maio, acordou se lle dera o nome do seu defunto marido, á sala de homes do piso segundo do devandito establecemento; ademais, da colocación nun lugar destacado do mesmo edificio, dunha lápida de mármore, onde se fixera constar a gratitude que o Concello e pobo amosaba a tan ilustre benfeitora.

   Corona González Santos faleceu aos 96 anos, o 11 de maio de 1972, en Vigo, sendo soterrada o día 12 no cemiterio de Pereiró. As súas cinzas serían trasladadas anos máis tarde, o seis de maio de 1983, ao panteón que ela mesma mandara construír na Igrexa da Orde Franciscana Terciaria, en Ribadeo, onde como se dixo antes, repousaban os restos do seu marido. 

 

FONTES:

Barás, Milagros (2018): Candida Otero, la primera fotógrafa de Pontevedra, Diario de Pontevedra, 5 de agosto. https://www.diariodepontevedra.es/blog/milagros-bara/candida-otero-primera-fotografa-pontevedra/20180805195651994361.html

Fernández, Martín (2018): Corona González y Ramón González, los grandes mecenas de Ribadeo y O Porriño, La Voz de Galicia, 18 de febreiro.https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/2018/02/18/corona-gonzalez-ramon-gonzalez-grandes-mecenas-ribadeo-porrino/0003_201802X18C6991.htm

Padín Ogando, Fernanda (2018): Corona González Santos (1875-1972),https://www.fotografaspioneiras.com/index.php/2018/05/07/corona-gonzalez-santos-1875-1972/

_____________ 

1 Así figura no Tomo 5, folio 263, do Rexistro Civil de A Laracha.

2 Boletín Oficial da Provincia da Coruña n.º 18, 21 xullo 1871, páx 4.


Ningún comentario:

Publicar un comentario