Nado o 4 de abril de 1908 en Borreiros, na parroquia de Soandres, don David Mallo Gómez foi un notable médico que deixou unha profunda pegada na historia máis recente da Laracha, municipio onde exerceu medicina xeral durante 55 anos prestando os seus servizos tanto ao pobre coma ao rico, sen importarlle o horario, nin se ía cobrar ou non os seus honorarios. A piques de cumprirse 25 anos do seu falecemento, esta é a pequena homenaxe de Crónicas da Laracha á súa memoria.
Don David Mallo Gómez nos anos 40 |
Don David era un dos cinco fillos de Antonio Mallo Landeira e de Emilia Gómez Sánchez, grandes labradores da zona que, á parte do insigne doutor, tamén foron pais de Domingo, Amalia, Antonio e Avelino. “O nacemento de David seica fora moi complicado. Viñera atender o parto o médico de Cerceda, Antonio Canedo. Ante a gravidade da situación, fora o propio médico o encargado de bautizar ao meniño porque xa non contaban con el”. Así nolo comentou don Manuel Mallo Mallo, párroco de Soandres (e de outras parroquias) e parente do noso homenaxeado.
David realiza os seus estudos primarios na escola da Revoltiña e, unha vez rematados, fai o bacharelato no Instituto Eusebio da Guarda da Coruña. Esta etapa da súa vida ía coincidir co duro trago da perda de súa nai Emilia, morta en 1924 con tan só 51 anos, cando o futuro médico era un adolescente que acababa de cumprir 16 anos. O mozo de Borreiros obtería o título de bacharelato en 1927: “De la Universidad. Al Instituto nacional de La Coruña el rector remitió hoy los títulos de bachiller para (…) don David Mallo Gómez de Soandres (Laracha)”1.
Ao pouco, matricúlase na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, onde vive a última etapa da ditadura de Primo de Rivera, a proclamación da II República, o alzamento de Franco e, por conseguinte, a Guerra Civil na que acaba combatendo. Precisamente, por estar ausentes na fronte, nin el nin o seu irmán Avelino poideran acudir ao enterro de seu pai Antonio, que facelera no seu domicilio en xaneiro de 1939.
Despois da Guerra, a finais de 1940, o reitor da Universidade de Santiago faille entrega do seu título de doutor en medicina e ciruxía e, a partir de aí, concretamente o 1 de abril do 42, abre a súa consulta na casa familiar de Borreiros, o mesmo domicilio onde vive con seus irmáns Domingo e Avelino, grandes labradores e gandeiros da comarca, como o foran os seus proxenitores anos antes. Dos cinco irmáns Mallo Gómez, Domingo, Avelino e David estaban solteiros (e así permanecerían toda a vida); Antonio casara con Dolores Varela e tamén vivían en Borreiros, moi cerca da súa casa de nacemento; e Amalia establecera o seu domicilio na parroquia arteixá de Loureda despois de contraer nupcias con Jacinto Vázquez Rumbo, xuíz municipal de Arteixo.
Casa de Borreiros na que naceu, residiu e tiña a consulta o médico don David Mallo Gómez |
Naqueles duros anos da posguerra, a sona de bo médico e mellor persoa non ía tardar en traspasar os límites parroquiais. Na consulta de don David en Borreiros presentábase acotío xente enferma chegada dende varios puntos da bisbarra, pacientes que atendía sen facer nunca ostentación da súa privilexiada posición social ou profesional. Iso si, tiña moi claro o que significaba ser médico do rural, é dicir, había que valer o mesmo “para un roto que para un descosido”. Por iso tamén exerceu, en non poucas ocasións, de odontólogo. A saber os dentes e moas que sacou na comarca!
Se tiña que desprazarse a atender algunha urxencia alí onde o demandaban, facíao no seu cabalo polas corredoiras daquela Laracha en branco e negro. María Luisa Rebón, nena naquela difícil época, contounos que… “grazas á gran nobreza de don David, aínda conservo as dúas pernas porque aos 8 anos, hoxe vou camiño dos 83, tiña que amputar unha delas por unha infección. Facía pouco que chegara a España a penicilina, que era máis valiosa que o ouro. Tiña o prezo do valor dunha vaca e meu pai só tiña dúas. Puxéronme 29 inxeccións e estiven hospitalizada 40 días. Grazas á marabillosa humanidade que don David tiña cos máis desposuídos economicamente, foi el quen se encargou de sufragar u custe do tratamento. Isto só é parte das moitas máis cousas boas que realizou. Que Deus o garde na gloria”.
Estamos xa a finais da década dos 50, época na que Domingo, un dos irmáns de don David, fora alcalde dunha Laracha que, ao igual que no resto da xeografía galega, sufría o contínuo goteo da emigración cara Arxentina, Uruguai ou Venezuela, que vivía anos de esplendor polo seu potencial petrolífero. En paralelo, a partir dos 60, outros emigrantes do municipio tamén ían facer a maleta cara países do centro de Europa, principalmente Suíza, así como a zonas industriais de Cataluña ou o País Vasco. Os que quedaban aquí principiaban a gozar de forma lenta e paulatina de avances tecnolóxicos da época, como era o caso de dispor de corrente eléctrica nos seus domicilios ou da televisión, artigo de luxo que só estaba ao alcance duns poucos. Naquela altura tamén habería algún avance da vida de don David, xa que o cabalo ía dar paso ao seu primeiro Seat 600. Precisamente, seica por aqueles días tivera que deixar de traballar como dentista porque o seu cabaliño lle dera unha chantada nunha man, impedíndolle realizar ese traballo.
Naqueles tempos, nos que boa parte dos seus pacientes tiñan seguro pola Agraria e os ingresos da maioría da xente que vivía do agro eran os que eran, o médico de Borreiros practicamente non lle cobraba a ninguén. Onde vía pobreza ou miseria, e naquela hora non había pouca, brindaba o apoio sanitario e a súa profesionalidade a toda esa xente de maneira totalmente altruísta.
-¿Canto é, don David?
-Nada ho, ¿que che vou cobrar por iso?
- Don David, ¿que lle debo?
- Anda ho, anda… iso non é nada!
- Don David, ¿canto é?
- Anda ho, xa me pagarás!
Don David Mallo era así; era a súa forma de ser. Se no día atendía a 15 ou 20 persoas, se cadra cobráballe a 4 ou a 5, ás que tiñan mellor situación económica. E así, pouco a pouco, o noso homenaxeado foi gañando o ceo e o corazón da xente.
Durante moitos anos tivo de criada á señora María que, segundo nos dixo Alicia López Barbeito, “era de Cerceda e traballou con don David ata que quedou cega”. Alicia tamén recorda que da súa consulta... “ninguén marchaba sen ser atendido, a calquera hora, tanto de día como de noite. Levaras cartos ou non, el atendía a todo o mundo por igual, fose rico ou pobre, non facía distincións. Un día, fai agora 46 anos para o mes de agosto, levei ao meu fillo recén nacido porque choraba día e noite e ningún médico da seguridade social sabía o que lle pasaba; e el encontroulle un granuloma no embigo. Queimoullo con algo parecido a un misto e Carlos deixou de chorar”.
Casa do médico de Borreiros |
Xosé Collazo Regueiro, veciño da parroquia de Soandres, tamén nos comentou que a súa avoa materna María Álvarez, larachesa natural da aldea de Boimir (Soandres) que estivera servindo na casa do músico Xosé Castro “Chané”... “estivo de criada na súa casa e ténme contado que sempre foi moi ben tratada. Xa de moi maior, veu a visitala e medicala, sempre a criterio seu. Medicinas baratas e eficaces. Sempre miraba pola economía dos máis desfavorecidos”.
No mundo da medicina, o ollo clínico pode definirse como o don que posúen algúns médicos para realizar diagnósticos rápidos e certeiros. Este termo, antano popular, está caendo en desuso e na actualidade utilízase con maior frecuencia en ambientes non médicos, para resaltar a habilidade de anticipar acontecementos ou de calibrar a simple vista aspectos ocultos da natureza humana. Don David posuía ese don, e o seu ollo clínico salvou de grandes doenzas, e incluso da morte, a varias persoas da contorna. María Eulogia Liñares Iglesias recorda que… “un día viñera á nosa casa un médico da Seguridade Social a ver a un tío meu. Dixo que non había nada que facer. Daquela meu pai foi a buscar a don David. Chegou e púxolle unha inxección e díxolle a papá que o metera no coche e que o levara ao hospital, daquela non había ambulancias para vir á casa, e meu tío viviu varios anos máis”.
Con ese porte e esa elegancia innata que tiña, o noso protagonista falaba sempre en galego e explicaba as enfermidades cunha linguaxe sinxela. David Martínez Iglesias recorda que “nunha ocasión foi visitar a unha persoa maior que rondaba os 100 anos de idade, e a súa familia transmitiulle a súa preocupación porque o home fumaba algún pitillo e bebía algún vaso de viño, cousas que a familia pensaba que eran perxudiciais para a súa saúde. Ante estas queixas don David díxolles: " Pero vós que lle queredes a este home, coa idade que ten, deixádeo que fume e que beba e faga o que lle dea a gana, ou pensades que vai durar douscentos anos". E así calmou as preocupacións familiares”.
Agás a súa xente máis achegada, ninguén soubo que o día 11 de maio de 1978 o Colexio Oficial de Médicos de A Coruña o nomeara colexiado honorífico, título que lle outorgaba o dereito de usar o tratamento de Ilustrísimo Señor, algo que don David ía rexeitar ata o último dos seus días.
Pouco despois daquel recoñecemento, en febreiro de 1981, morría seu irmán Avelino. Domingo, o outro irmán que vivía con eles na casa de Borreiros, o mesmo que fora alcalde da Laracha a finais da década dos 50, xa había anos que falecera. Finara en agosto de 1967.
E así, atendendo sempre daquel xeito bondadoso e con toda a amabilidade do mundo a súa xente, foron discorrendo os días... os meses... e os anos. Sendo xa moi velliño, cando case non saía da casa, mantiña a consulta aberta para todos aqueles que o precisasen. Don David tamén era moi afeccionado ao fútbol, sobre todo do Deportivo da Coruña, que nos anos 90 déulle moitas alegrías e algún que outro desgusto (o penalti de Djukic). Nesa época, o 27 de setembro de 1995, o concello da Laracha adoptaba en sesión plenaria aprobar a denominación Rúa Médico David Mallo Gómez a unha das rúas da capital municipal que, como non podía ser doutro xeito, está situada ao carón do Centro de Saúde.
Aquel médico de bondade infinita que tanto se sacrificara con moitos dos nosos devanceiros naqueles tempos difíciles, falecía o 17 de xuño de 1997 na súa casa de Borreiros aos 89 anos. Foise con discreción e humildade, coma sempre se comportara ao longo da súa vida. O párroco don Manuel Mallo recorda que “era un home moi humilde, moi simple, agarimoso, sen ningunha fachenda e tranquilo, de moita calma. Como médico era moi práctico. Tamén era un gran psicólogo. Os domingos viña á Misa das 9:30 para estar liberado todo o día e atender a súa xente por se había algunha urxencia. Sempre estaba pendente de todo.”
Un ano despois do seu falecemento, un numeroso grupo de veciños e de veciñas rendeulle unha cariñosa homenaxe póstuma erguendo un monólito, obra do veciño de Erboedo Manuel Montes, na entrada do adro de Soandres coa seguinte inscrición: “Soandres ós seus devanceiros. 28 de xuño de 1998. D. David Mallo Gómez Médico 1908-1997”.
Monólito de don David situado no adro de Soandres |
Vaia este humilde tributo e sentido homenaxe para que uns o recorden, outros o coñezan e todas e todos admiren a este gran persoeiro que foi don David Mallo Gómez.
__________
Moi bó relato!!
ResponderEliminarGraciñas María!
EliminarDe nada Xabi. Un beso
EliminarMoi Bo! Conteille a miña nai de este artículo, e estivo contándome anécdotas, imprimireillo pra que o lea, gracias Xavier! E noraboa por tan ho traballo!
ResponderEliminarGraciñas!
EliminarAquí un que choraba día e noite. Moi bo relato, e moi bo médico. O de sacar muelas vivino eu. As muelas que pode haber na finca contigua a vivenda sólo o sabe él, pois tirabas pola venta da consulta.
ResponderEliminar