En 1904 o arqueólogo e poeta estadounidense Archer Milton Huntington funda en Nova York a Hispanic Society of America como un museo, biblioteca e institución educativa dedicada á arte e á cultura do mundo hispánico. Considerando a incipiente tecnoloxía como unha útil ferramenta de traballo para a investigación, Huntington decide que a súa entidade debería contar cun arquivo fotográfico e, con ese obxectivo, adquire imaxes ao tempo que promove expedicións.
A sociedade contrata en 1919 a Ruth Matilda Anderson (Nebraska, 1893- Nova York, 1983), que se iniciara no mundo da fotografía da man de seu pai, Alfred Theodore Anderson, un home de orixe norueguesa que tiña un estudio en Kearney especializado en paisaxe e retrato. Ruth estudara un ano na Universidade Estatal de Nebraska, en Lincoln, antes de facer maxisterio na Escola Estatal de Profesorado de Nebraska, onde se gradúa en 1915. Posteriormente, retoma os seus estudos na Universidade de Nebraska durante un semestre para marchar despois a Nova York, diplomándose en 1919 na Escola de Fotografía Clarence H. White.
Non tarda en ser contratada pola Hispanic Society of America e, na compaña de seu pai Alfred, viaxa a España para realizar unha serie de instantáneas sobre vestimentas tradicionais. O 7 de agosto de 1924 desembarcan no porto de Vigo cun completo equipo fotográfico que provocou o asombro de todos os oficiais de aduana e, a continuación, inician unha expedición para documentar a esencia da Galicia que buscaba Archer Milton Huntington.
Ruth tiña ben claro que o seu traballo non se ía centrar na Galicia urbana e na máis coñecida, senón no universo rural, nas clases máis humildes e noutros elementos que resultaran de certo interese para os futuros espectadores das súas fotografías: os neoiorquinos dos anos 20.
Pasan por Baiona, Cangas, Tui, Mondariz e Pontevedra fotografiando gaiteiros, casas tradicionais, hórreos e mariscadoras. Percorren a Ría de Arousa, Padrón, Santiago de Compostela, Noia, a Costa da Morte -con parada na Laracha-, Lugo, Sarria... coñecendo e inmortalizando o carro do país, a lareira ou ás mulleres do campo. Visitan A Coruña durante quince días, repartidos entre novembro e decembro. Na súa estadía na cidade herculina, donde Ruth se interesa pola historia de Galicia, lendo a Manuel Murguía e a Rosalía de Castro, hospédanse no Hotel Palace, na rúa Real, do que escribiron que era un establecemento incriblemente luxoso, con lavabos de porcelana e auga corrente. A súa habitación estaba orientada aos xardíns de Méndez Núñez, dende a cal podían ver un precioso e alto reloxo: o Obelisco.
A fotógrafa e o seu proxenitor ían percorrer Galicia e Asturias durante máis dun ano, ata o 28 de agosto de 1925, en coche, a pé, a cabalo e incluso en barco, para cumprir co encargo da Hispanic Society of America. Nas fondas donde se hospedaban improvisaban cuartos escuros nos que revelaban os negativos. As fotografías a cor eran enviadas aos Estados Unidos, a causa da súa fraxilidade, para que foran procesadas alí.
E así, ao tempo que Alfred escribía o diario da súa “expedición”, a súa filla documentaba a vida das xentes, en especial das zonas de complicado acceso. Ata aquel entón, nin as actividades da poboación traballadora do campo e do mar, nin a nosa cultura material foran obxecto principal de atención para a fotografía dun xeito tan exhaustivo.
Nesta primeira viaxe por Galicia, Ruth tomou unhas 5.000 fotos, moitas das cales aínda permanecen sen positivar e, parece ser, que comprou outras 2.800 a fotógrafos locais. A norteamericana realizaría unha segunda expedición pola xeografía galega, desde o 14 de novembro de 1925 ata o 31 de maio de 1926, desta volta acompañada por outra fotógrafa, Frances Spalding.
Despois das súas dúas visitas, a Hispanic Society of America publicou en 1939 a obra “The gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña”, que recompila 682 fotografías que reflexan o día a día nos municipios galegos coas mulleres e os nenos como grandes protagonistas dos seus retratos. O mar, o traballo, o campo e a casa continúan perdurando nas súas inmortais instantáneas.
Sen ningún xénero de dúbidas, a súa obra é o maior traballo documental e etnográfico de todos os tempos realizado sobre a Galicia da época. Unha obra na que A Laracha tamén ten o seu protagonismo cunha imaxe de dous nenos do municipio inmortalizados pola norteamericana. Na devandita foto figuraba a seguinte anotación:
“Dous nenos apoiados nunha cancela da Laracha”.
Os nenos da Laracha fotografiados por Ruth Matilda Anderson |
¿Quenes eran aqueles nenos que fotografiou hai case un século Ruth Matilda Anderson? ¿Alguén os identificou? ¿En que lugar do municipio se tomou esa foto? ¿Farían a maleta da emigración?
Atravesemos esa cancela da imaxe, outra cancela da memoria, para buscar respostas entre todos e todas!
FONTES:
ANDERSON, RUTH MATILDA (2017): Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia. Editorial Afundación.
FERNÁNDEZ AMIL, IVÁN (2021): Ruth Matilda Anderson, la fotógrafa que mostró Galicia al mundo, 11 de abril, elespañol.com
GARRIDO, SANTIAGO (2010): La memoria de Ruth Matilda Anderson en la Costa da Morte, La Voz de Galicia, 4 de abril.
REY, MANUEL (2017): Ruth Matilda Anderson, a moza estadounidense que retratou á Galicia dos anos 20, gciencia.com
Ningún comentario:
Publicar un comentario