martes, 14 de decembro de 2021

QUICO E PEA: DOUS LARACHESES NA SEGUNDA B CO BERGANTIÑOS F.C.

 Un dos partidos máis lembrados na nosa bisbarra é o que disputaron en Carballo, a finais de 1987, o Bergantiños e o Rayo Vallecano na cuarta rolda da Copa do Rei. O conxunto carballés, que naquel entón xogaba a súa primeira tempada na 2ª B, viña de eliminar ao Pontevedra, ao Arousa e ao Baskonia cando lle tocara en sorte o equipo madrileño na competición copeira, unha rolda na que o once da camiseta vermella realizou un gran partido de ida en Vallecas. Alí, os goles de Lerio e José Ramiro puxeron contra as cordas ao cadro adestrado por Felines, mais finalmente os carballeses terminaron acusando o esforzo na recta final do choque1 e caeron por 3-2, resultado que enchía de ilusión aos seareiros bergantiñáns de cara ao encontro de volta. 

   Cunha afluencia de máis 3.500 persoas que deixaran unha recadación de máis de dous millóns de pesetas da época nas arcas locais, o abarrotado Campo do Chorís fora o escenario do partido de volta disputado na noite do 5 de novembro de 1987, un recinto que estreaba iluminación para a ocasión e no que había xente de todos os puntos da Costa da Morte, da Laracha, de Arteixo... e ata estaba na bancada parte do plantel do R.C. Deportivo que na seguinte xornada ligueira da Segunda División tiña que enfrontarse en Riazor ao Rayo. No partido máis importante da súa longa historia, aquel día o Bergantiños era o equipo de todos. Moitos dos alí presentes aínda lembran o ambiente especial vivido naquel vello campo no que, cando quedaban uns cinco minutos para que os xogadores saltasen ao céspede, se apagaron os focos repentinamente. O xornalista de La Voz José Manuel Ferreiro contaba na súa crónica que aquel apagón, que ía durar máis de media hora, engadíralle aínda máis épica a un partido xa de por si inesquecible. Arranxada a iluminación, o Bergantiños, naqueles tempos adestrado polo lucense Xulio Díaz, saía ao campo cunha aliñación que algúns aínda recitan hoxe de memoria: Paco, Juan, Fariña, Quico, Miguel; Lito, Lerio, Cao, Lucho, Solé e José Ramiro. Para cambios; Agustín, Costa, Murias, Antelo, Ortiz e Gorri.

  Con Lucho á batuta e amparados nunha gran defensa, o cadro de Carballo íase facer co control do xogo dende os primeiros intres, mostrándose, durante toda a primeira parte, moi superior ao Rayo Vallecano, mais, con todo, foron os visitantes quen golpearon primeiro co gol de Javi Rey, pouco antes do descanso. Un minuto despois, José Ramiro facía o empate e devolvía a esperanza aos afeccionados bergantiñáns. Os setenta e cinco minutos que se disputaron posteriormente xustifican a paixón que esperta o fútbol. Á volta do descanso, un espectacular remate de cabeza de Lito puxo o 2-1 no marcador e igualaba a eliminatoria. E co partido a piques de rematar, ía chegar a loucura. No minuto 83, José Ramiro anotaba o 3-1, resultado que clasificaba ao Bergantiños para a seguinte rolda copeira. Acto seguido, o árbitro sinalaba un penalti que podería significar o 4-1. Todo estaba preparado para entrar na historia. O Bergantiños atopábase a uns minutos de culminar a proeza de eliminar a un equipo de moito aquel e enfrontarse na Copa do Rei cos conxuntos punteiros do Estado. Mais Lucho, a referencia daquel equipo, que apenas tocara a pelota por mor da dura marcaxe dos vallecanos, lanzou o balón ás nubes. Nun minuto íase pasar da gloria ao fracaso, xa que ao pouco o Rayo igualaba a eliminatoria por medio de Jesús, que anotaba no minuto 89. A festa íase converter en funeral e, inescusablemente, volverían cumprirse as leis da natureza: o peixe grande acabaría comendo ao pequeno. Xa na prórroga, e presa dos nervios, Lucho cruzou unhas palabras co árbitro Villacampa Duque, quen lle ía amosar o vermello directo. Aquel foi o principio da fin, xa que o Rayo non ía tardar en anotar os dous goles que poñían no marcador o definitivo 3-4, un cadro vallecano que na seguinte rolda copeira ía quedar eliminado co Las Palmas. 

   Tras o gran papel realizado na Copa do Rei, o Bergantiños ía ser quen de manter a categoría sen apuros no seu primeiro ano naDivisión B, rematando a tempada nun máis que digno décimo primeiro posto. Baixo a dirección técnica de Xulio Díaz, aquel bloque aínda é lembrado hoxe en día pola gran disciplina táctica e pola calidade do grupo:Eu o que pretendía era non restar, porque tiña un grupo humano fóra do común, era unha marabilla. Currantes que miraban polo equipo e que ademais se levaban todos moi ben, lembraba anos máis tarde o ex-técnico vermello. Un daqueles currantesdos que facía mención Díaz, protagonista na eliminatoria copeira contra o Rayo e tamén durante todo o ano da competición ligueira na 2ª B fora Francisco Vilanova Fraga ‘Quico’, un futbolista nado na Laracha o 25 de marzo de 1960 que empezara a xogar nas categorías inferiores do R.C. Deportivo da Coruña, nas que ía permanecer ata fichar, con 17 anos, no equipo da súa vila natal. 

Formación do Bergantiños no estadio de Vallecas. Quico é o terceiro pola esquerda da fila superior (xan Fraga. Bergantiños F.C. 75 anos de historia. Bergantiños F.C. 1998)

   Quico non tardou en facerse un oco no once titular do primeiro equipo larachés, sendo un dos asiduos da liña defensiva durante toda a tempada 1977/78, mais, rematada a campaña, ía cambiar de aires ao asinar co desaparecido Deportivo Carballo, cadro co que o noso protagonista disputa a Rexional Preferente durante dúas tempadas. Francisco Vilanova regresa ao Laracha na campaña 80/81 e consegue chegar cos seus compañeiros á final do Campionato Galego de Afeccionados, final que perden en Padrón co equipo vigués do Castrelos por 1-0. Logo, unha estadía de dous anos no Ponteceso, club co que gaña a Copa da Costa na tempada 81/82, ía dar paso á súa fichaxe polo Bergantiños, onde chega na campaña 1983/84 para disputar a Rexional Preferente cos vermellos. No seu segundo ano alí, o futbolista da Laracha consegue co equipo carballés a Copa Galicia 1984/85 tras vencer na final ao Meirás C.F., ao que venceron en Carballo por 3-0 con goles do arteixán Pibe, Toni Pérez e Alfredo, e co que perderon por 1-0 no campo “Misael Prieto” de Meirás. Foi precisamente nesta tempada 1984-85 cando o Bergantiños tivera de novo a oportunidade de loitar polo ascenso á Terceira División; pasaran 32 anos dende o segundo e último intento errado. Tras unha loita tenaz e sen cuartel, chegárase ao final da competición cun triplo empate entre o Flavia, o Sp. Sada e o Bergantiños: 59 puntos e 21 positivos. Mais a mellor golaveraxe de Flavia e Sp. Sada convertéraos, respectivamente, en acredores do título e do dereito a disputar a promoción. Os de Carballo quedaban, de novo, ás portas.

   O ascenso á Terceira División chega na tempada 1985-86, na que Quico tivo tanto protagonismo como na seguinte, a 86/87, que foi cando o cadro bergantiñán ocupou a cuarta praza da táboa clasificatoria que lle daba dereito a disputar a fase de ascenso á Segunda B, unha promoción que os carballeses ían superar e que daría paso a entrar, por vez primeira na súa historia, na categoría de bronce do fútbol estatal. O Bergantiños vivía naquela hora os mellores momentos dos seus 63 anos de vida e o larachés Francisco Vilanova ‘Quico’ estaba alí presente. O debut na Segunda B producíase o día 30 de agosto de 1987 en Santander contra o Rayo Cantabria, equipo ao que venceran por 1-2 coa seguinte aliñación: Paco; Juan, Miguel, Quico, Cao, Lerio, Lucho, Costa (Solé, 55´), Lito, José Ramiro e Murias (Fariña, 78´). Sete días máis tarde os vermellos xogaban o seu primeiro partido en Carballo, choque que perden por 0-1 co Arenteiro. Despois do empate a un gol en Arousa na terceira xornada, na seguinte chegaba a contundente vitoria por 3-0 diante da Cultural Leonesa, a primeira que o once carballés conseguía na categoría como local. Logo, sempre co notable protagonismo de Quico no eixe da liña defensiva, virían outras moi lembradas como o 1-0 ante o Eibar, o futuro campión da categoría, o 0-2 en Pontevedra, o 0-1 en León ante a Cultural, ou o xa mencionado bo papel na Copa do Rei. A estes éxitos tamén ía contribuír o futbolista da Laracha naquela inesquecible tempada 87/88, que foi a primeira e a última que Quico ía disputar na 2ª B xa que, ao seu remate, abandonou o cadro carballés para converterse na primeira fichaxe do Compostela presidido por José María Caneda e adestrado por Fernando Castro Santos, un equipo santiagués que naquela hora xogaba na Terceira, mais que, logo de varios ascensos consecutivos, non tardou en alcanzar a Primeira División.

   Na segunda tempada do Bergantiños en 2ª B, a 88/89, tamén ía debutar na categoría coa entidade de Carballo outro futbolista do concello da Laracha: o caionés José Manuel Lema Prieto, coñecido futbolisticamente co alcume de Pea. 

   Nado en Caión o 5 de novembro de 1968, Pea empezaría a darlle as primeiras patadas a un balón no equipo da súa vila natal, o Club do Mar, onde con tan só 18 anos ía ser un dos artífices de que o cadro mariñeiro disputase na tempada 1985/86 por vez primeira na súa historia a final da Copa da Costa, título que os caioneses ían perder ante o Carnota por 1-1 e 1-2. Tras seguir despuntando durante dous anos no ataque do Club do Mar, José Manuel chega a Carballo na tempada 88/89 para reforzar ao Bergantiños “B”, que fora creado nesa mesma campaña para xogar no Grupo VI da Segunda Rexional e que estaba adestrado polo ex-deportivista Ramón Piña. As boas actuacións do futbolista de Caión no filial, onde habitualmente xogaba de mediapunta, non ían pasar desapercibidas para o técnico do primeiro equipo, o pontevedrés José Ramón Segura, que faría debutar na 2ª B ao noso protagonista o 6 de novembro de 1988, curiosamente un día despois de facer os 20 anos. Naquel partido2, xogado contra o Baskonia en Basauri (Biscaia), o Bergantiños acadaría un meritorio empate a un gol e Pea, saíndo de inicio, deixaba a súa carta de presentación disputando os seus primeiros 45 minutos na categoría.

   Durante o resto daquela tempada 88/89, o futbolista de Caión ía alternar as súas actuacións entre o Bergantiños “B” e o primeiro equipo, co que ía acabar xogando ata un total de oito partidos máis na Segunda División B3, o último deles disputado no Carballiño contra o Arenteiro, enfrontamento que o once de Carballo, xa matematicamente descendido á Terceira División, ía perder por 2-0.

   Despois dun ano vestindo a camiseta do Compostela, Quico regresa a Carballo para xogar na Terceira División co Bergantiños, onde permanece ata o remate da tempada 1990/91, que foi cando fichou no Laracha para facer de xogador-adestrador, conseguindo en 1992 a primeira Copa da Coruña para o equipo da súa localidade natal. Tras o periplo no Laracha, Quico íase facer cargo da dirección técnica do Compostela “B” na campaña 93/94, que foi a derradeira na que estivo vinculado ao mundo do fútbol para dedicarse única e exclusivamente á súa actividade profesional no mundo da medicina, actividade que o levaría a converterse en xerente do CHUAC4. 

Imaxe da tempada 1989/90 do Bergantiños. Quico é o primeiro pola dereita da fila superior e Pea o segundo pola esquerda da inferior (Xan Fraga. Bergantiños F.C. 75 anos de historia. Bergantiños F.C., 1998)

   Pola súa banda, Pea continuou xogando no Bergantiños ata finalizar a campaña 94/95, na cal o cadro de Carballo puxo fin, despois de formar parte durante sete tempadas da Terceira División e dúas da Segunda B, á súa etapa máis exitosa ao descender á Rexional Preferente, categoría que o futbolista de Caión disputou co Laracha baixo as ordes do adestrador Pedro Vila. Na tempada 2000/01 volve xogar na Terceira División formando parte do plantel do Malpica. Posteriormente, unha curta etapa de catro meses no Camariñas daría paso á súa fichaxe no Racing Vilalbés, que foi o club onde José Manuel Lema Prieto, coñecido durante a súa traxectoria futbolística co alcume de Pea, colgou as botas aos 33 anos. 

   Por se é do voso interese, as biografías de Quico e Pea, e a de outros futbolistas do municipio, forma parte de 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha, libro que contou coa colaboración dos dous concellos.

 

______

1 Con José M. Ferreiro como enviado especial, o encontro transmitiuse en directo pola que naquel entón era Antena 3 Bergantiños e hoxe Radio Voz.

2 Partido correspondente á 10ª xornada de Liga do Grupo I da 2ª B da tempada 1988/89.

3 Xornada 16ª, Bergantiños-Lugo: 0-5; 19ª, Lalín-Bergantiños: 0-0; 21ª, Bergantiños-Santoña: 0-0; 22ª, Pontevedra-Bergantiños: 2-0; 23ª, Bergantiños-Ponferradina: 1-2; 25ª, Bergantiños-Baracaldo: 0-1; 36ª, Bergantiños-Lemona: 0-0; e 37ª, Arenteiro-Bergantiños: 2-0.

4 Complexo Hospitalario Universitario A Coruña.

mércores, 1 de decembro de 2021

CLAUDIO WILLIMAN, O CAIONÉS QUE FOI PRESIDENTE DE URUGUAI ENTRE 1907 E 1911

 O protagonismo das Crónicas da Laracha desta semana é para un dos fillos da emigración máis ilustres: o avogado e físico Claudio Williman, que foi presidente da República do Uruguai entre 1907 e 1911. Un persoeiro que, malia ao seu apelido tan pouco bergantiñán, ten as súas orixes en Caión. 

Claudio Williman (bibliotecadigital.bibna.gub.uy)

   Varios artigos publicados na prensa de Montevideo nos primeiros anos do século XX en torno á nacionalidade dos proxenitores de Williman suscitaran, no seu momento, non poucas discusións entre os xornalistas charrúas. Uns afirmaban que eran de orixe alemá, outros inglesa e os menos galega. Por riba, ningún dos contendentes aportaba probas satisfactorias aos seus contrincantes da pluma. Mais aquela incógnita ía quedar resolta coa información que publicaba, baixo a sinatura de Pedro Dubra Brandón, o xornal coruñés El Noroeste o día 20 de xuño de 1910:  

  "(…) publicamos a continuación la partida de matrimonio que los autores de la existencia de aquel, aunque joven, esclarecido gobernante. Los padres del presidente Williman, como los del presidente Gabriel Antonio Pereira y los del presidente Lorenzo Latorre, que también gobernaron aquel país en épocas no muy lejanas, nacieron en esta provincia de la Coruña, y en ella nació también el primer europeo que cruzó la América de oriente a occidente, Núñez de Balboa, para ofrecerle al mundo civilizado, con un nombre simpático (símbolo de la paz) el océano más extenso entre los que cubren la superficie de nuestro globo. La partida a que nos referimos dice así

Don Domingo Carballo Antelo, cura párroco de Santa María del Socorro de la Villa y puerto de Cayón, distrito municipal de Laracha, provincia de la Coruña.
Certifico: que en el folio sesenta y nueve vuelto, del libro tercero de casamientos de esta de mi cargo se halla la partida siguiente:
En la capilla de San Roque que hace de parroquial de Santa María del Socorro de la villa y puerto de Cayón, a veintidos días del mes de Febrero, año de mil ochocientos cuarenta: Yo D. José Cambón, presbítero, teniente cura de la misma, con licencia expresa del P. P. Fr. Domingo Eujo, vicario cura de ella en propiedad, precedidas las tres canónicas moniciones en tres días festivos tanto en esta, como en la de Santiago de Arteijo, y no haber resultado impedimento alguno, según más bien consta de la certificación dada por D. Manuel Rodríguez Cambón, cura rector propio de la de Arteijo; asistí al matrimonio que por palabras de presente y mutuos consentimientos exteriormente sensibilizados contrajo José Williman, soltero natural de San Cosme de Mayanca y vecino de la referida de Arteijo, hijo legítimo de Claudio Williman, natural de la Saboya de Francia y de su mujer Caetana Lugrís, natural y vecinos que viviendo fueron de la de Moyanca; con Antonia González, también soltera, hija legítima de de Manuel González, ahora difunto, natural de Santa Justa de Moraña, y de su mujer Josefa de Otoño, natural y vecinos de este puerto; se observó lo prevenido en las Sinodales de este arzobispado y reales pragmáticas de S.M., en el mismo recibieron las bendiciones de la iglesia y se hallaron presentes Antonio Paz, Pedro de Otoño y D. Mariano García, todos vecinos de esta villa y puerto; y para que conste lo firmo al día, mes y año ut supra. José Cambón.”

   Así pois, grazas a esta partida de matrimonio publicada en El Noroeste en 1910, ían quedar esclarecidas as orixes dos pais do noso homenaxeado: ata o momento de darse o “si quero”, José Williman Lugrís residía en Arteixo e Antonia González de Otoño en Caión. A parella non ía tardar en facer a maleta da emigración para empezar unha nova vida en Montevideo, onde montan un estabelecemento de ultramarinos na rúa de Andes, esquina coa rúa Mercedes. Segundo un xornal da época, na trastenda deste negocio, Claudio, que nacera na capital charrúa o 10 de outubro de 1861 … “estudiaba sus lecciones y algunas veces cosquilleaba en el humor de su buenísima madre, que le reprendía en gallego, dando lugar sus travesuras a que el severo D. José le advirtiese que era hora ya de que se fuese a clase, obedeciendo Claudio, no sin dejar de vocear y de dar saltos porque era un diablejo rubio y de ojos azules, tan travieso como avispado e inteligente”. 

   Claudio, que era sobriño de Mariano G. Williman, coñecido republicano federal da capital uruguaia, comeza a súa carreira universitaria aos 19 anos. Os seus méritos académicos ían ser extraordinarios, gañando a cátedra de Física da Universidade da República en 1885. Dende moi novo tivo claro que quería estudar enxeñería, un soño difícil de cumprir xa que por aqueles días non había ningún centro de estudo especializado no Uruguai. O caionés por vía materna principia, entón, a carreira de Dereito que compaxina coa política, actividade que xa levaba certo tempo chamando á súa porta. 

   Militante do Partido Colorado, no ano 1886 participa no departamento de Paysandú na rebelión do legalismo contra o militarismo, na coñecida como a Revolución do Quebracho. Nese mesmo ano, nesa época de radical oposición entre os “blancos” e os “colorados”, o noso protagonista, a quen os amigos e compañeiros coñecían polo alcume do Inglés, obtén a Licenciatura en Dereito.

   Nos anos inmediatos o uruguaio-larachés alterna a labor docente coa súa actividade política e impulsa a fundación da Facultade de Matemáticas (1887), da que foi catedrático honorario, exercendo ademais de profesor na “Academia General Militar”. Moi popular na capital charrúa pola súa bonhomía e a súa singular intelixencia, en 1889 sería elexido edil por Montevideo. Maiztegui, historiador, profesor e xornalista falecido en 2015, definía a Williman como merecedor de grandes virtudes, pola súa “espléndida actividad docente, su cultura amplísima, su recia personalidad de revolucionario del Quebracho y hasta su carácter de eximio componedor, de nexo de entendimiento entre los hombres, tarea de la que hizo un arte basado en la serenidad de temperamento y el sentido del humor”.

   En 1895, catro anos despois de converterse no Decano da Facultade de “Enseñanza Secundaria y Preparatoria”, Claudio casa con Carmen Pastora Martínez Santos, sendo froito do matrimonio José Claudio, Horacio Alberto, Osvaldo Alfredo e Enrique Guillermo.

   Tres anos máis tarde do casamento, ao producirse o golpe de estado de Juan Lindolfo Cuestas, Williman ía ser nomeado membro do Consello de Estado. Malia ao seu notorio rexeitamento do formalismo militar, en 1904 combate na Guerra Civil o levantamento “blanco” para defender a constitucionalidade ameazada polo alzamento encabezado por Aparicio Saravia, sendo xefe do 4º Batallón de Infantería.

   Rematada a Guerra Civil, José Batlle y Ordóñez desígnao ministro de Goberno nun tempo no que xa era unha das figuras máis populares do coloradismo, prestixio que conduciría a Batlle a decantarse polo persoeiro de orixe caionesa como o seu candidato para sucedelo na presidencia da República. E así, o día 1 de marzo de 1907 o Dr. Claudio Williman era elexido polo Parlamento presidente do Uruguai (70 votos de 79).

Claudio Williman (https://es.wikipedia.org)

   O seu goberno íase caracterizar polo grande interese en reforzar o sistema xudicial e a promoción dun estado constitucional sólido. Entre as accións máis destacadas da súa xestión, hai que resaltar a abolición da pena de morte, a creación do Ministerio de Industria e o Ministerio de Obras Públicas, ademais da aprobación da Lei do Divorcio e a creación da Corte Suprema. Outro dos aspectos que melloraron considerablemente durante o goberno de Williman, foi o desenvolvemento económico do país fundamentado na gandería, na agricultura e no comercio, sector no que nacionalizou o porto de Montevideo e a rede telegráfica, instalando tamén a rede telefónica estatal que ía competir coas dúas privadas preexistentes.

     Por outra banda, durante o seu goberno tamén se ían dar cambios importantes na educación, como a eliminación do ensino relixioso dos colexios públicos e a creación de centos de escolas distribuidas en toda a xeografía uruguaia, especialmente nas áreas rurais. En canto ao sector político, a convivencia entre os dous partidos maioritarios como o Partido Nacional e o Colorado, foi totalmente positiva e armónica, uns partidos que durante ese periodo 1907-1911 mantiveron unha disposición ao diálogo con tendencia moderada. En canto á xestión internacional, o goberno do caionés por vía materna tivo unha acertada visión negociadora que alcanzou a realización de acordos en termos fronteirizos cos gobernos arxentino e brasileño.

Fotografía tomada sobre o ano 1911 na que vemos sentados, de esquerda a dereita, a Claudio Williman, Diego Pons e José Batlle y Ordoñez (Escaneada do libro Mi Tierra Uruguay, El Observador, Montevideo, 1997)

    Finalizada a súa presidencia, Williman viaxou a Europa e a volta, en 1912, ocupou por segunda vez o reitorado da Universidade. Posteriormente, entre 1916 e 1924, apartado xa das loitas políticas, foi presidente do Banco de la República. O seu neto e biógrafo describíao así: “de aspecto sajón, delgado y erguido, pareciendo por ello de más altura que la real, de cabellos lacios, finos y rubios, ojos azules claros, con un gesto de seriedad que disimulaba de manera desconcertante su temperamento afectivo, afectuoso y a veces bromista”. 

   O noso homenaxeado falecería en Montevideo o 9 de febreiro de 1934. Camiño dos noventa anos do seu pasamento, no Uruguai aínda hai quen pensa que ten pendente un máis que merecido recoñecemento polos constantes esforzos realizados pola paz e pola súa importante obra reformista. Como esas brisas que de cando en vez atravesan as mañás soleadas, aquel fillo de José Williman e da caionesa Antonia González, pasou pola historia da súa patria de forma case desapercibida, mais iso si, regando a terra de fecundas sementes que floreceron anos despois nunha realidade superior.


FONTES:

-GARRIDO RIAL, SANTIAGO (2020): Claudio Williman: abogado y físico, presidente de Uruguay en 1907 y natural de Caión, La Voz de Galicia, 10 de outubro.

-MAIZTEGUI CASAS, LINCOLN RAÚL. Uruguay-Recortes de Historia. El hombre que fue paréntesis. Blogdiario.com