mércores, 1 de abril de 2026

O SERRADOIRO DA BERIA (1ª parte)

   Nas Crónicas da Laracha desta semana (e tamén nas da próxima) viaxamos ata A Beria, un dos lugares que conforman a parroquia de Golmar. Bañada polas augas do Acheiro, río que atravesa a freguesía creando un fermoso val, precisamente, segundo o mestre e escritor Fernando Cabeza Quiles, A Beria “debe chamarse así por estar na beira ou na zona inmediata ao río Acheiro. A forma Beria debeu sufrir unha metátese, cun cambio de lugar das vocais, e de Beira pasouse a Beria”.

  Para desprazarnos ata alí temos que ir pola DP-2404, a estrada provincial que une a capital municipal coa Silva, en Cerceda. Saímos da Laracha e, tras ir deixando atrás O Pino, O Formigueiro, Bustelo, A Fonte da Canle e As Brañas da Viña chegamos ata O Igrexario, centro espiritual da parroquia no que está a igrexa de San Bieito de Golmar e a antiga casa reitoral hoxe convertida no Centro de Interpretación dos Muíños da Costa da Morte, verdadeira referencia sobre esta temática no norte de Galicia.

  A continuación, a menos dun quilómetro do lugar do Igrexario, xa está A Beria. Un pouco máis adiante do sinal que indica o nome do lugar, á man dereita da DP-2404 podemos ver as instalacións do Club de Tiro Olímpico O Pinar. Ao outro lado, á man esquerda, é onde están a maioría das casas que conforman o núcleo de poboación e, tamén, onde ten o seu acomodo a empresa Carpintería Rodríguez e Hijos S.L., que se dedican a realizar todo tipo de traballos en madeira, mobles a medida, mobles de cociña e baño, restauración etc. Pois ben, xusto aquí, ao carón desta carpintería, é onde estaba o serradoiro do que falamos nestas Crónicas da Laracha, un negocio sobre o que obtivemos valiosa información grazas ao testemuño de Maruja Pombo Rey, falecida a finais de 2025.

Panorámica actual da DP-2404 e do lugar da Beria. O serradoiro estaba na parte posterior da casa vermella da imaxe (Xabier Maceiras)

  Temos que recoñecer que nas entrevistas que realizamos habitualmente para os nosos respectivos proxectos, na meirande parte das ocasións, as persoas coas que conversamos e nos permiten pasear pola súa memoria, sempre nos agasallan con verdadeiros tesouriños sobre o noso pasado máis recente. Por non perder o costume, iso foi o que nos aconteceu coa señora Maruja, muller afable, de boa memoria e de conversa amena que en xaneiro de 2025 tivo a ben recibirnos no seu domicilio de San Cristovo (Golmar) na compaña dos seus fillos Isabel e Eladio para contarnos a historia do serradoiro que abriran na Beria en 1940 seu avó Silvestre Rey Rodríguez, seu tío Florencio Rey Queijo e seu pai Felicísimo Pombo Souto.

  Felicísimo, máis coñecido polo diminutivo de Felis, era un dos dez fillos que tiveron Segundo Pombo e Carmen Souto, el natural de Golán (Soandres) e carpinteiro de profesión, e ela nativa de Cumiáns (Montemaior), que foi o lugar onde naceu Felis en 1913. Carmen era filla de Juan Souto Dubra e Magdalena Vázquez Rabuñal, os donos da “fábrica”, que era como lle chamaba todo o mundo naquela altura ao curtidoiro de Cumiáns. Polo que nos contou Suso Souto, actual propietario deste curtidoiro (hoxe convertido en casa rural), súa bisavoa Magdalena enviuvou moi nova, con trinta e poucos anos, mais, con todo, sería quen de sacar adiante a súa ampla prole ela soa grazas á gran rendibilidade que tiña a industria do coiro naquel tempo. “Mira se era rendible que lle comprou un lugar a cada un dos nove fillos que tivo do primeiro matrimonio”, recordaba Suso. No caso concreto de Carmen, Magdalena mercoulle á súa filla un lugar en Folgueiros (Golmar), que foi onde estableceron o seu domicilio os Pombo Souto cando Felis tiña 8 ou 9 anos.

  Moi cerca de alí, en Fragoso, vivían Silvestre Rey e Ramona Queijo cos seus seis fillos: Gerardo, Santiago, Florencio, Obdulia, Pedro e Carmen. Silvestre, que era natural de Sofán (Carballo), traballaba no campo para gañar o sustento familiar ou, en todo caso, facía o propio desempeñando os seus oficios de ebanista e carpinteiro, profesións que tamén ían aprender os seus fillos varóns.

Silvestre Rey Rodríguez (Cortesía da familia Pombo Rey)

   Nesa altura, Golmar era unha das potencias económicas do municipio, que, malia a carecer das vías de comunicación necesarias, mesmo chegara a contar cunha feira moi concorrida que se realizaba nuns terreos existentes entre os lugares de Lamas e O Igrexario. Inaugurada en novembro de 1916, ao principio celebrábase o primeiro día de cada mes. Posteriormente, dada a multitude de xente que alí se daba cita, houbo necesidade de que se celebrase dúas veces ao mes, trasladándoa para o primeiro e terceiro mércores. A feira de Golmar ía dar pulo á creación na parroquia de “abacerías, barberías, carpinterías, un colegio particular, fábricas de curtidos, estanco, exportadores de ganado, panaderías, sindicato agrario católico, tabernas y zapaterías”1. Mais a actividade comercial e as transaccións gandeiras irían decaendo paulatinamente, feito que ía propiciar que a feira, despois de algo máis dunha década de vida, deixase de celebrarse sobre o ano 1927 ou 1928. Golmar, terra de zoqueiros, de curtidores e de carpinteiros, quedaba sen a súa feira, si, pero non sen o espírito comercial que forxara durante aquel tempo. Un espírito que ía quedar impregnado nas mentes abertas de moitos dos veciños da freguesía que acudiran a ela o primeiro e terceiro mércores de cada mes, entre eles Silvestre e os seus fillos. E tamén aquel rapaz de Folgueiros ao que chamaban Felis, que naquela hora, cando se deixara de celebrar a feira, era un adolescente de 14 ou 15 anos que estaba aprendendo o oficio de carpinteiro con seu pai Segundo e con Silvestre, o seu futuro sogro.

  Disque o roce fai o cariño e efectivamente, tal e como afirma o refrán, a chispa do amor foi prendendo paulatinamente no obradoiro de Silvestre Rey, ao que acudía Felis acotío para labrar un futuro no oficio. O rapaz non perdía detalle das ensinanzas do seu mestre e mentor, pero tampouco lle quitaba ollo a Obdulia, a maior das fillas de Silvestre e Ramona, un ano menor ca el. As frechas de Cupido non tardaron en facer efecto entre os dous mozos, que se darían o “si quero” despois de que el fixese o servizo militar en África.

Postal que Felis lle enviou a Obdulia cando fixo o servizo militar en África (Cortesía da familia Pombo Rey)

  Ao principio, ao non dispoñeren de casa de seu, Felis e Obdulia viviron en Fragoso cos pais dela xunto a Pedro e Carmen, os máis novos dos Rey Queijo. Aqueles eran tempos nos que xa empezaban a retumbar no horizonte os tambores da Guerra na que tería que combater o noso protagonista. Como a maioría dos mozos da súa quinta, o pobre case xuntou o servizo militar obrigatorio cos anos na fronte en provincias como Teruel ou Madrid. No medio daquel inferno, unha alegría: en 1937 ía nacer María Elida, a primoxénita dos Pombo Rey, que vén sendo a nosa querida señora Maruja.

  Ao rematar a Guerra Civil, Silvestre Rey Rodríguez, o seu fillo Florencio e o seu xenro Felis deciden crear unha sociedade para aventurarse no sector madeireiro, tan en auxe naquel momento. É aí cando empezan a construír o serradoiro do lugar da Beria, que levantan nunha veiga aínda virxe de edificación ningunha, que era propiedade de Silvestre e da súa muller Ramona. O cabeza de familia entrara nesta empresa como socio capitalista pensando no futuro de Pedro, o seu fillo varón máis novo, naquela hora aínda menor de idade. A idea non era outra que cederlle a súa parte na fábrica ao rapaz para que este, unha vez finalizados os seus estudos, tivese un sitio no que gañar o pan. Mais o destino, ás veces tan macabro, impediu que se chegase a realizar o seu propósito xa que unha besta acabaría coa vida de Pedro con 20 anos acabados de facer.

Foto do voo americano de 1956. Na parte superior da imaxe apréciase perfectamente a vexetación do leito do río Acheiro. Na parte inferior podemos intuír a casa da familia Pombo Rey e o serradoiro (https://mapas.xunta.gal)

  Naquel ambiente escuro e de amargura pola repentina perda sufrida, en 1940 a fábrica xa estaba lista para comezar a súa actividade. Só faltaba que o elemento esencial, o motor, comezase a funcionar. Naqueles tempos atreverse a soñar coa corrente eléctrica era unha verdadeira utopía, un anhelo que aínda tardaría anos en facerse realidade. Por tal motivo, os tres socios -pai, fillo e xenro- compraran un pequeno motor a gasolina para realizar o traballo forte do serradoiro. Aínda se choraba a morte de Pedro cando outra crueldade do destino levou por diante o patriarca da familia. “Xusto o día que viñeran probar o motor para ver como funcionaba no aserradero disque meu abuelo Silvestre morreu alí”, recordaba a señora Maruja con emoción e tristura.

(...CONTINUARÁ)

__________________

1 Vid. El Ideal Gallego, A Coruña, 12 de marzo de 1930, p. 4.