venres, 26 de setembro de 2025

A TELLEIRA DOS DE PATIÑO NA BARREIRA (3ª parte e fin)

 Logo da etapa dos irmáns Carballeiras, os seguintes telleiros baixomiñotos que traballaron na de Patiño foron Manuel Álvarez Vicente, irmán de Anselmo e cuñado de Ferreira, e Ricardo Valentino Sobrino Fernández, Tino, quen, tal e como xa contamos nas outras partes desta serie, xa estivera na de Patiño de neno con seu pai José María. Con referencia a esta segunda etapa, Tino contounos que “cando acabei de facer o servizo militar estaba sen traballo. Falei con Manuel e marchamos para A Laracha para traballar como socios na de Patiño. Nesa época os domingos íamos ao salón de Paiosaco, que era salón e cine”. Tino ía casar con Blanca Portela. O pai dela, Juan, traballou sete ou oito anos en Maceda (Ourense), onde coincidiu co noso prezado Pepe 'O Buraco'1. José Manuel Álvarez Martínez, fillo de Manuel, recorda que “meu pai e Tino marcharon de aquí eles dous e sen xente suficiente. Ao chegar á Laracha contrataron a un tal Antonio Fuentes, que creo que era de Estramil e sabía traballar ben no barro. Tamén buscaron a un rapaz da zona que lles fixera de tendedor e contrataron a un tal ‘Colón’, que era o alcume polo que o coñecía a xente de alí. Meu pai e Tino eran socios da telleira. Estaban arrendados. Deberon traballar xuntos dúas ou tres temporadas”.

De esquerda a dereita, Antonio Fuentes, Manuel Álvarez e Tino Sobrino na telleira de Patiño (Cortesía de José Manuel Álvarez Martínez)

  Na de Patiño fabricábase tella e ladrillo macizo e oco, este último coa churrera” da que nos falou Manolo Verdía, unha máquina da que seguramente se recorde ben seu irmán Eladio xa que colleu os dedos nela cando era cativo e quedoulle unha uña desfigurada. O material vendíase pola bisbarra, boa parte del na zona de Cerceda, e tamén na propia telleira, a onde ían os labradores buscalo no carro do país ou en zorras. Anos despois xa se empezaría a transportar en camións. Eran os tempos nos que a cidade da Coruña medraba a pasos axigantados. De feito, nunha das fotos que nos cedeu José Manuel Álvarez Martínez, na que aparece seu pai Manuel, Tino Sobrino e Antonio Fuentes, na parte traseira pódese ler: “Los 3 héroes en el medio del desierto fabricando tejas para los rascacielos coruñeses”.

Manuel Álvarez e Tino Sobrino na telleira de Patiño co cabalo e o carro, medio de transporte imprescindible nunha telleira. Ao fondo as dependencias e o forno (Cortesía de José Manuel Álvarez Martínez)

   Para cocer o material no forno traían toxo da Teixoeira e do Coto de Monteagudo. “Viñan carros e carros de toxo e, no medio, algunha cóbregha”, recordaba Pura Verdía, que tamén nos dixo que “o noso forno estaba pegado aos alpendres, que era onde estaban a máquina de facer o ladrillo (“a churrera”) a mais a amasadora, que andaba un cabalo darredor dela. A nosa telleira chegaba ata o final da pista e o forno estaba ao carón da carretera de Paiosaco”. Seu irmán Manuel tamén nos recordou que seu pai Cesáreo “vendía moito ladrillo curvo para os fornos do pan das casas para facelos redondos. Vendían moitos para a parte de Soandres e de Meirama para os fornos do pan. Eu recordo que meu pai sempre ía á feira do pan de Meirama. O forno noso funcionaba con toxo. Non tiña cheminea. Era cadrado e bastante grandecho. Os de Pontevedra facíanlle desde abaixo unha arcación. Poñían o ladrillo macizo arqueado e, enriba, acumulaban moitas filas de tellas postas de pé. Debaixo, o forno tiña a boca para tizar, e polo medio deixaban algún espazo que permitía ter bo tiro. Os telleiros sabían se estaba o material cocido segundo o que baixaba. Sabíano polo que mermaba o material. Cando terminaban de encañar cerraban o forno botando barro por riba e despois, unha vez cocido, deixaban enfríar 2 ou 3 días”.

Manuel Álvarez e Tino Sobrino na telleira de Patiño posando diante do forno e do material cocido nunha fornada (Cortesía de José Manuel Álvarez Martínez)

   Tras un tempo traballando xuntos, Tino Sobrino e Manuel Álvarez collerían camiños distintos, aínda que Manuel ía seguir fabricando tella e ladrillo na de Patiño durante varias temporadas máis na compaña de seu irmán Ramón. Pepe 'Buraco' recorda que “no ano 1955, cando eu estaba no Cancelo, os irmáns de Anselmo, Manuel e Ramón Álvarez Vicente, eran os que traballaban na telleira de Patiño. Tiñan de criados a Manuel Martínez Rodríguez e a Joaquín López González, os dous do Rosal. Joaquín recordo que tamén estivo traballando na telleira dos Trintas en Guillarei, concello de Tui. Manuel e Ramón, se non daban vendido o material durante a temporada de verán, vendíallo seu cuñado Ferreira no inverno. Nese momento Ferreira xa tiña a familia na Laracha. Levara a muller, aos fillos e a sogra, a tía Florinda, que daquela xa estaba viúva do tío Generoso”.

Manuel Álvarez e Tino Sobrino fabricando material na telleira de Patiño (Cortesía da familia Sobrino Portela)

  Desta etapa de Manuel e Ramón na de Patiño acórdase ben Manuel Verdía, que nos dixo que “na nosa telleira tamén estiveron Manuel e Ramón, que eran irmáns de Flora, a muller de Ferreira. Ramón era o que levaba as contas do negocio. Era un home moi intelixente que, nos seus ratos libres, facía de mestre cos nenos da Barreira e de Estramil. Ensinounos moito. A min dérame un dicionario que aínda o conservo hoxe coma o ouro”. Neses anos 50, a eira da telleira de Patiño tamén era zona de xogo da rapazada da zona, mozos e mozas hoxe xubilados que aínda se acordan de xogar alí á pelota.

Nenos xogando na eira da telleira dos de Patiño. De esquerda a dereita, Gelasio de Chandreja, Eladio Verdía, Pepe do Rapelo, Murillo e Manolo do Rapelo (Cortesía da familia Verdía Varela)

   Cando Manuel e Ramón Álvarez Vicente deixaron a telleira dos de Patiño foron, tamén de alugueiro, para a de Antonio Fuentes, que estaba en Estramil xusto en fronte da taberna dos Cuatro Vientos. Precisamente, un irmán de Antonio, Manolo Fuentes, traballou unha temporada na de Patiño cando Manuel e Ramón deixaron esta telleira. Ao pouco de rematar a temporada Manolo Fuentes marchou para Asturias, onde xa estivera traballando de mozo. E aí se acabou a historia, despois de tantos anos de actividade, dunha das industrias máis lonxevas da Laracha: a telleira dos de Patiño.

   Con todo, durante algún tempo, aínda se pensou que a telleira seguiría funcionando como tal, xa que a raíz da morte de Consuelo Castiñeiras Esmorís, acontecida a mediados dos anos 60, os herdeiros puxérona á venda por se había algún industrial interesado na fábrica e no barreiro. Mais, ante a falta de ofertas, o terreo íase partir finalmente en parcelas que se foron vendendo pouco a pouco, parcelas nas que se edificaron as vivendas que podemos ver na actualidade.

La Voz de Galicia, 14 de marzo de 1967

________

1 Juan Portela traballou en Maceda na telleira 'dos das Peras' do Rosal, que eran da zona de Pancenteo, e Pepe 'O Buraco' estaba noutra cabaqueira formando parte da cuadrilla de Pepe 'O Rubio'. Posteriormente Pepe traballou durante varios anos cun amo de alí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario