mércores, 18 de xuño de 2025

A FEIRA DE PAIOSACO E OS PRIMEIROS EDIFICIOS DO LUGAR (1ª parte)

   O enclave xeográfico que ocupa Paiosaco (Peisaco para a maioría dos seus habitantes) foi, probablemente, o principal motivo polo que se creou alí a súa popular feira, un dos mercados públicos máis sobresaíntes da provincia da Coruña.

   Porta de entrada á Costa da Morte, situada a cabalo entre a cidade da Coruña e a vila de Carballo, Paiosaco é dende tempos pretéritos un importante eixe de comunicación e lugar de paso das xentes das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira, Xallas ou de Fisterra… un ir e vir en torno ao cal se asentaron no lugar os primeiros comerciantes.

   Segundo o prezado e admirado Fernando Cabeza Quiles, un dos principais investigadores e divulgadores da toponimia galega, o nome de Peisaco ou Paiosaco “alude a un antigo personaxe chamado Paio (en castelán Pelayo) e apelidado Saco, que antigamente tería aquí asento e facenda. O tal Paio Saco, que na Idade Media se chamaría Pelagius ou Pelagio Saccus, debeu ser unha persoa importante e/ou popular, que puido vivir no actual lugar de Paiosaco ou ter aquí posesións territoriais o suficientemente extensas e valiosas como para que o seu nome se fixese coñecido ata o punto de se perpetuar como topónimo a partir da forma Pelagius Saccus, nas fastadas calendas do latín medieval, cando o personaxe así chamado administraría rendas e influencias entre os seus contenporáneos, a partir dos cales o nome de Pelagius Soccus ou Pelagio Saccu iría derivando no tempo, coas pronunciacións fonéticas de diferentes épocas, cara os Pei-saco e Paio-saco actuais, non sen antes pasar por estadios intermedios, como poden ser, na primeira parte do topónimo, as formas *Pelaio e *Paaio e, finalmente Paio e Pei, ás que cómpre engadir, na segunda parte, o apelido ou sobrenombre Saccus, hoxe, pola devandita evolución fonética, convertido en Saco1 ”.

    Con relación aos primeiros edificios e habitantes de Paiosaco sabemos que o mesmo Ares Pardo das Mariñas, Señor de Cillobre e meiriño2 dos reis casteláns Enrique III e Juan II na terra de Bergantiños, ”tuvo varios juzgados, y entre ellos los de Payo Saco y Puente de Barcia, estos últimos, en virtud de R.C. expedida en Madrid a 8 de Febrero de 15303.

   Nas Memorias del Arzobispado de Santiago, escritas polo cardeal Jerónimo del Hoyo entre 1603 e 1620, informáse que Lestón tiene treinta y tres feligreses”, polo que é evidente que Paiosaco, un dos lugares pertencentes a esta parroquia, naquela altura era unha entidade de poboación menor.

   Un século máis tarde, o Padre Sarmiento realiza unha viaxe dende Madrid a Galicia na que vai escribindo unha serie de apuntamentos de todo o que vía e escoitaba. Nesas anotacións, que ían formar o libro Viaxe a Galicia, fai mención de Paiosaco pero sen facer alusión de feira algunha. O relixioso pasa a xornada do 12 de agosto de 1745 no mosteiro de Soandres e fai a seguinte anotación: “Detívenme un día en Suandres e saín o día venres para o priorato de Cándoas. V.g.; a Coiro. A Paysaco, unha legua”.

   Tampouco aparece información algunha da feira de Paiosaco no Catastro do Marqués de Ensenada do ano 1752. Cando se pregunta polos lindes coa freguesía de Lestón, no interrogatorio realizado en Larín dise que… “principiando su demarcación en un marco que se halla junto a la casa de Thomas da Ayra, lugar de Payosaco (…) y va dando la vuelta al marco de Payo, donde principió su demarcación.” E no interrogatorio de Lestón dise que a demarcación desta freguesíatiene principio en un marco de pizarra que se halla en el campo de Payosaco y sigue por el Petón de la Torre de Paragudela (...)

   No devandito Catastro de Ensenada tamén se informa que naquela altura en Lestón había uns 55 veciños cabeza de familia e que existían en toda a freguesía corenta e seis casas habitables e oito arruinadas.

    Na Descripción del Reino de Galicia, publicada en 1804 por José Lucas Labrada, faise referencia da primeira información escrita (non descartamos que haxa outros documentos máis antigos) da que se ten constancia sobre a Feira de Paiosaco:

En Payo-saco se celebra feria en el primer Domingo del mes, y se lleva á ella ganado bacuno, pan cocido, linos, telas de lienzo del país, y otras menudencias. En Santa María de Rus hay otra el segundo Domingo del mes, concurre á ella ganado bacuno, cerdos, y granos. La hay asimismo el quarto Domingo en el lugar de Verdillo, ó San Jorge de Artes, á donde se lleva ganado bacuno, y caballar, carneros, gallinas , pollos, granos, pan cocido lino, lienzos del pais, y paños; y algunas veces se repite de allí á ocho dias la misma feria , que entonces llaman Feyrón4.

Grazas a un informe que localizamos sobre a conduta observada polo intendente interino de Galicia, don Pedro García Diego, e demais empregados de Rendas Reais no levantamento do xeneral Porlier contra o réxime absolutista do Borbón Fernando VII, que rexeitara a Constitución de Cádiz de 1812, sabemos que por aqueles primeiros anos do século XIX o “oficial de la contaduría principal” da Coruña, don Gabriel Santos Pérez, tiña propiedades en Paiosaco:

Se dirigió (refírese ao intendente interino Pedro García Diego), por caminos no frecuentados a pié, a la jurisdición de Bergantiños y quinta denominada de Payo saco, propia de don Gabriel Santos Pérez, oficial de la contaduría principal, donde encontró todo el asilo y recibimiento que podía necesitar en tan crítico lance5.

   Outro dos persoeiros que tiña casas e terreos en Paiosaco nos albores do século XIX era o militar José Montes Salazar, xefe das escolas militares dos departamentos de Cartaxena (1806) e da Coruña (1807) e, Mariscal na Guerra da Independencia (1808-1814) contra as tropas de Napoleón:

DON REMIGIO SALOMÓN, socio de número de la Sociedad económica de Amigos del país de Valencia, corresponsal de la Academia española de arqueología, Caballero de la Real orden Americana de Isabel la Católica por acción de guerra, Secretario honorario de S.M. y Juez de Hacienda de la provincia y de primera instancia del partido á que da nombre esta capital, etc.
Hago notorio: que por el Procurador D. Ramón de Castro, á nombre de D. Manuel Coto y Montes, vecino de San Pedro de Sardoma, dueño y poseedor de la casa del Couto en la misma parroquia, y Doña Josefa Coto y Montes, su hermana, que lo es de la ciudad de Vigo, se ocurrió a este Juzgado, exhibiendo copia del testamento otorgado por los Excmos señores D. José Montes Salazar, Teniente general de los Reales ejércitos, y su esposa Doña María Reguera Villamil en la ciudad de Salamanca en veinte y seis de Junio de mil ochocientos veinte y siete ante el escribano Don Martín Sánchez Tomé, y manifestando que según del mismo constaba estos habían legado a Doña María Jacoba Reguera y Zapata, hija de D. Manuel Reguera y Doña Rosa Zapata, su sobrina, que se hallaba soltera y en su compañía, dos casas que poseían en esta capital, una en la calle de las Panaderas y la otra en la de los Hornos, y las que tambien poseían en la parroquia de San Martín de Lestón y campo de Payosaco, con todos los bienes raices que le eran anejos, sitos como a tres leguas de distancia de esta referida capital, camino de Bergantiños (...)6.

   Nesa década dos anos vinte do Século XIX, entre 1826 e 1829, Sebastián Miñano y Bedoya publica o Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal, unha magna obra composta por once volumes na que ofrece algunhas pinceladas sobre a parroquia de Lestón e o lugar de Paiosaco e a súa Feira:

LESTÓN.- (...) En la citada aldea de Payosaco, se celebra una feria todos los primeros domingos de cada mes, cuyo tráfico principal es de ganado vacuno, frutos, legumbres y utensilios de cocina, siendo muy concurrida de las gentes del país. En el hermoso campo donde se celebra esta feria que da vista al mar Cantábrico, había una casa de audiencia correspondiente a la jurisdicción real de Bergantiños, la cual se ha arruinado enteramente por incuria y negligencia (...)
PAYOSACO.- Aldea Real de España en Galicia, provincia de la Coruña, jurisdicción de Bergantiños, arzobispado de Santiago. Es una de las que componen la parroquia de San Martín de Lestón (Véase). Hay un mesón, y celebra feria el primer domingo de cada mes7.

   Nesa época, en 1832, a Sociedade de Literatos de Barcelona publica o Diccionario Geográfico Universal, no cal se informa que en Paiosaco se “celebra feria el primer domingo de cada mes”.

   Por aqueles días tamén se estaba elaborando a Carta Xeométrica de Galicia, un mapa físico de Galicia que foi o primeiro realizado en España con medicións matemáticas, obra de Domingo Fontán. Para a realización desta carta, Fontán ía investir dezasete anos da súa vida (1817-1834) e tivo que percorrer a pé e a cabalo cada recuncho da nosa xeografía. Nela aparecen localizadas as 4.000 igrexas das parroquias galegas e todos os accidentes xeográficos importantes, alcanzando un nivel de detalle que non foi superado ata a aparición da fotogrametría aérea. Pois ben, na devandita Carta Xeométrica tamén aparece Paiosaco e a súa feira (Fa.).

Mapa de Domingo Fontán

Mapa de Domingo Fontán

(...CONTINUARÁ)


__________________

1 Vid. Manuel Rodríguez López & Manuel Pazos Crespo (2011): Paiosaco en Imaxes: dos corenta aos setenta, Concello da Laracha, páx. 17.

2 Xuíz con ampla xurisdición para gobernar un territorio.

3 César Vaamonde Lores (1916): Gómez Pérez das Mariñas y sus descendientes (Apuntes históricos y genealógicos), Boletín da Real Academia Galega nº 104, Tomo IX, páx. 181.

4 Vid. José Lucas Labrada (1804): Descripción económica del Reino de Galicia, por la Junta de Gobierno del Real Consulado de La Coruña / su redactor, Don Jose Lucas Labrada, Imprenta de Don Lorenzo José Riesgo Montero, Ferrol, páx. 40.

5 Vid. El Constitucional (1820): “Conducta observada por el intendente interino de provincia de Galicia don Pedro García Diego y demas empleados de rentas Reales en la sublevación intentada por el ex general don Juan Díaz Porlier en la plaza de la Coruña el día 19 de septiembre de 1815”, páx. 1, 21 de decembro.

6 Vid. Boletín oficial de la provincia de La Coruña: Número 22 - 1857 xaneiro 26, páx 4

7 Vid. Sebastián Miñano y Bedoya (1826-1829): Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal, Tomo VI, páx. 456, Madrid.

Ningún comentario:

Publicar un comentario