xoves, 3 de abril de 2025

A TELLEIRA DAS RAÑEIRAS DE JOSÉ MANUEL FERREIRA

  As Rañeiras é un dos núcleos de poboación que conforman a parroquia de Lestón. Pasamos por este lugar cando transitamos co noso vehículo pola estrada AC-552, ou mesmo cando imos ao Igrexario a algún acto relixioso que se oficia na igrexa de San Martiño. Nos 40, cando se ideou a construción dun aeroporto na Laracha, pouco faltou para que as leiras da aldea, as da Agra de Lestón, as da zona dos Mondelos e doutros moitos terreos das parroquias de Torás e Lestón quedasen debaixo do cemento das hipotéticas pistas de aterraxe, unha obra que finalmente se ía executar en Alvedro (Culleredo).

Panorámica actual do terreo onde estaba a telleira das Rañeiras (Xabier Maceiras)

   Naquela época o lugar de xuntanza nas Rañeiras era a taberna de Tuset, que rexentaban Eladio e Carmiña ao carón da estrada de Carballo, xusto na entrada do camiño que vai á igrexa de Lestón. A súa filla Mela, nena nos 50-60, escoitou alí algunha das historias que tivo a ben transmitirnos e que, nalgún caso, xa publicamos nestas Crónicas da Laracha. Mela Tuset tamén foi das primeiras persoas que nos falou da existencia dunha telleira nas Rañeiras, que estaba nuns terreos que hai á marxe dereita da AC-552 en dirección á Laracha, xusto despois da gasolineira de Paiosaco: “Nesa telleira disque traballou Ferreira pero iso tivo que ser moito antes de 1955, que foi o ano no que nacín. Eu non cheguei a vela funcionar, pero o que si recordo son os furados de onde sacaban o barro, que ás veces os rapaces íamos xogar alí. Algún destes buratos tiña pedra darredor, que se cadra, vai ti a saber, era onde cocían a tella. O terreo onde estaba a telleira chámase A Braña1, A Braña das Rañeiras, e era dos de Lamalonga de Coiro, que eran tres ou catro irmáns que tiñan moitas propiedades por media Laracha”.

Carmiña de Sinda, Maruja do Rei e Obdulia de Morales en 1954 diante da taberna das Rañeiras (Foto do libro Paiosaco en imaxes: dos Corenta aos Setenta)

Mela Tuset de nena, diante da taberna que rexentaban nas Rañeiras seus pais Eladio e Carmiña (Cortesía de Mela Tuset)

    Outra das persoas que nos falou da telleira das Rañeiras foi José María Montes, que naceu neste lugar en 1945: “Alí traballou Ferreira; eu aínda acordo os buratos dos barreiros e o chamizo no que vivían os telleiros, que tiña as paredes feitas con terróns. Tamén recordo o forno. Era un tanto alargado, como duns catro metros de largo e un metro e medio de alto. Polo centro e pola parte de arriba tiña como unha boca ou unha especie de cheminea para o lume. Tamén tiña unha entrada, que era por donde debían meter as tellas que anteriormente secaran ao sol. Cando tiñan o material dentro do forno para cocer tapiaban a entrada con terróns. Meu pai, José Montes Bértoa, era barbeiro e traballou un verán alí con Ferreira. Penso que foi no 39 ou no 40. Cando contaba os contos desa época, papá recordaba a calor que pasara na telleira, e dicía que lle caía a pel coma os lagartos cando cocían a tella no forno”.

   Pois efectivamente, tal e como nos contou Mela Tuset e José María Montes, nas Rañeiras estivo durante algún tempo José Manuel Ferreira Penedo, industrial de orixe portuguesa que empezara de moi noviño a traballar nas telleiras da Laracha.

   José Manuel viñera ao mundo en 1908 na freguesía de Martim, no municipio de Barcelos (distrito de Braga). Era fillo da señora Rosa Ferreira, que tivera de solteira dous rapaces, a Antonio e ao propio José Manuel. A señora Rosa ía casar posteriormente con Manuel Rodríguez, nacendo deste matrimonio Virginia Rodríguez Ferreira en 1920. Como as dificultades para subsistir en Martim eran moi grandes, Antonio, que era tres anos maior que José Manuel, abandonou o fogar sendo un mociño. Dirixiuse ao norte, atravesou o Miño, e atopou traballo coma criado en San Miguel de Tabagón (O Rosal), na casa de Antonio Pallares. Pasan os meses e mesmo algún ano. A señora Rosa non recibe noticia ningunha do seu fillo maior en todo este tempo. A vida da angustiada nai convértese nun verdadeiro suplicio.

   - Ai meu Deus, o que será do meu filho? Onde você está, Antônio?

  Ante o sufrimento e preocupación da proxenitora, que non tardou en enviuvar, José Manuel decide cruzar tamén o Miño coa idea de localizar a seu irmán Antonio. Tería que pasar un ano para que un día se encontrasen de xeito casual na feira de San Gregorio de Pías, no Rosal. O certo é que non estaban moi lonxe o un do outro. José Manuel traballaba en Novás (O Rosal) na casa de Antonio Lomba, onde coidaba unha meniña deste señor que case non podía andar, e seu irmán maior seguía gañando o pan coma criado duns labradores de Tabagón.

   Pasado certo tempo, José Manuel volve a Portugal coa intención de traer a súa nai e a súa irmá a Galicia, mais, ao chegar a Martim coñece de que marcharan ao Porto a servir na casa dunha familia podente. A comunicación daqueles tempos era a que era e, en moitas ocasións, provocaba situacións coma esta. José Manuel emprende camiño cara ao Porto onde, á fin, localiza as dúas mulleres e intenta convencer a súa nai de que fosen vivir con el ao Baixo Miño. Dentro da escaseza daqueles tempos, a señora Rosa tiña unha situación privilexiada na cidade do Douro. Os señores tratábana ben e alí podíalle ofrecer un futuro a Virginia. Ao principio parecía remisa coa idea de abandonar Porto, mais finalmente, pensando que podía vivir cerca dos tres fillos e ver de novo a Antonio, accede á petición de José Manuel e establecen o seu domicilio na Guarda, nunha modesta casa do lugar de Pintán, na parroquia de Salcidos. A vida sería moi inxusta con ela. Poucos anos despois de establecerse na Guarda, unha fatalidade do destino quixo que a pobre señora Rosa morrese en 1933, aos 47 anos de idade, a causa dun traumatismo cranial, tras caer nas rochas da praia da Area Grande cando apañaba argazo con outras mulleres para o estraren despois polas leiras. 

Mulleres recollendo argazo na Guarda a principios do século pasado (Cortesía de Antonio Fontenla)

   Precisamente, do lugar de Pintán tamén era José María Sobrino, buxa que se desprazaba cada verán á Laracha a traballar de alugueiro na telleira que os de Patiño tiñan no lugar da Barreira. José Manuel Ferreira ía formar parte da cuadrilla de Sobrino durante algunha temporada, e sería con el cando pisou A Laracha por primeira vez. Non imaxinaba, nin por asomo, o que lle depararía o futuro neste municipio.

    Naqueles primeiros anos da aprendizaxe do oficio, Ferreira tamén traballou algún tempo con Antonio 'da Cresta', buxa portugués da Guarda que tiña telleira en Nigrán. Segundo o seu sobriño José Manuel Álvarez, posteriormente retornou á Laracha, onde formou parte da cuadrilla de José María Fernández, veciño tamén de Pintán que fabricaba tella e ladrillo na Barreira. Polo que nos contou a súa nora Carmiña Peniza, seica nunha ocasión, unha vez rematada a temporada de verán na de José María (non sabemos se era na época na que estivo con Sobrino ou con Fernández), José Manuel Ferreira non regresou cos seus compañeiros ao Baixo Miño e pasou o inverno aquí traballando de criado dos Puga no Pazo de Anzobre, onde o recordo de Picadillo, falecido en 1918, aínda estaba moi presente.

Imaxe antiga do Pazo de Anzobre, lugar no que traballou José Manuel Ferreira na súa xuventude

    Anos máis tarde o noso protagonista empeza a traballar con Generoso Álvarez, buxa do lugar da Proba (Salcidos, A Guarda) que durante a década dos vinte ou nos primeiros trinta explotou a telleira da Matosa, en Coiro. Antes de arrendala, Generoso estivera varios anos indo e vindo do Brasil, onde fabricou cerámica con Anselmo e Ramón, os dous fillos máis vellos. A frecha de Cupido debeu atravesar tellas e ladrillos macizos, e se cadra algunha maldición, xa que José Manuel Ferreira acabouse convertendo en xenro do tío Generoso, logo de casar coa súa filla Flora Álvarez Vicente en marzo de 1937. José Manuel tiña naquel momento 28 anos e Flora 23.

    Despois de botar unha temporada con seus cuñados na Matosa, Ferreira decide establecerse pola súa conta. Sobre o ano 1939, ou se cadra algo antes, fai sociedade con Ricardo 'da Pousa', un veciño do Rosal co que chega á Laracha para probar fortuna nunha telleira das Rañeiras que descoñecemos se xa existía previamente ou se foron eles quen a empezaron a explotar. Grazas ao rosaleiro Pepe 'O Buraco', colaborador infatigable dun servidor, sabemos que Jesús e Manuel Rodríguez Gabino, irmáns da zona de Couselo (parroquia e concello do Rosal) que eran coñecidos polo alcume 'os do Pino', tamén estiveron nas Rañeiras formando parte da cuadrilla dos dous socios. “Manuel2 era un dos mellores oficiais do Baixo Miño”, díxonos Pepe.

Imaxe tomada nas Rañeiras nos anos 60 na que vemos a Eladio Tuset, Arsilia e Bautista de Centulle. Obsérvese Paiosaco ao fondo e, detrás deles, a zona na que tivera a telleira José Manuel Ferreira (Cortesía de Mela Tuset)

   Mais a diverxencia de criterios sobre o xeito de xestionar a telleira ía romper a sociedade antes de que acabase a temporada. Ricardo 'da Pousa', que era o socio capitalista, regresou ao Rosal tras recibir o diñeiro investido nas Rañeiras. Ferreira puidera liquidar a contía que lle correspondía a Ricardo grazas á axuda dunha benfeitora da Laracha que lle prestou as 3.000 pesetas que necesitaba, que naqueles tempos eran moitos cartos do Noso Señor.

   Ferreira continuou traballando cos irmáns 'dos do Pino' nas Rañeiras, onde probablemente estivo ata o verán de 1940. Nesa época, e unha vez retirado seu sogro do mundo da cerámica, dous dos seus cuñados, Ramón e Manuel, seguían fabricando na Matosa. Anselmo, o outro cuñado, asociárase con Marcelino Esmorís, que tiña telleira propia no Cancelo.

   Os furados dos barreiros que abrira José Manuel Ferreira nas brañas das Rañeiras ían quedar sen reencher e así, dando a impresión dunha estampa bélica, botaron moitos anos. José María Montes, que andando no tempo traballaría como contable para Ferreira en Cerámica La Perfección, recorda que durante a súa infancia e xuventude “nos furados había moito anfibio”.

   Segundo nos contou Mela Tuset, parece ser que foi sobre o ano 1972 cando se achanzou todo: “Ata ese momento o terreo estaba como o deixara Ferreira anos antes. Tan pronto viñeron os tractores quen puido comprou un. Os de Lamalonga tíñanlle arrendado este terreo aos de Domingo, un familiar noso que tiña granxa, e foi precisamente este home o que tapou os buratos co seu tractor e converteu o terreo nunha leira agrícola”.

Panorámica actual do terreo onde estaba a telleira das Rañeiras (Xabier Maceiras)

   Tras a experiencia nas Rañeiras, José Manuel Ferreira asina un contrato de alugueiro cos de Xan para explotar na Barreira a telleira na que estivera ata o verán anterior Jesús Ríos, unha telleira da que falaremos ao longo das próximas semanas nestas Crónicas da Laracha.

 

FONTES:

Maceiras Rodríguez, Xabier (2024): As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño, Edita: Deputación da Coruña; Coedita: Concello da Laracha; Colabora: Xunta de Galicia.

_________

1 Tamén hai xente que lle chama As Brañas.

2 Manuel Rodríguez Gabino falecería en 1947 no municipio madrileño de Canillas, lindeiro con Hortaleza, patria chica do lendario futbolista e adestrador Luís Aragonés, que curiosamente traballaba na telleira familiar antes de dedicarse profesionalmente ao fútbol. Canillas e Hortaleza serían anexionados á capital en 1949.

Ningún comentario:

Publicar un comentario