martes, 24 de decembro de 2024

100 ANIVERSARIO DA CONFRARÍA DE PESCADORES DE CAIÓN

  A Confraría de pescadores de Caión conmemorou onte, 23 de decembro de 2024, o seu centenario de vida cun acto central celebrado no Centro Sociocomunitario da vila mariñeira que reuniu a representantes do sector pesqueiro, autoridades locais e autonómicas, e a veciños e veciñas de Caión e da bisbarra.

  A xornada comezou coa inauguración dunha nova grúa portuaria que busca mellorar as condicións laborais dos pescadores e reforzar a operatividade do porto.

   Acto seguido celebrouse no auditorio do Centro Sociocomunitario unha mesa redonda moderada por Adrián Viña Menéndez, responsable de comunicación do Concello da Laracha, na que interviron Héctor Morgade, presidente da Confraría; Marcos Amado, historiador local; Carmen Bazán, atadora xubilada; Carmen Cotelo, percebeira; José Manuel López Varela, alcalde da Laracha; e Alfonso Villares, conselleiro do Mar.

 

Cortesía do Concello da Laracha

    No coloquio, que contou co acompañamento musical da A.C. Arume de Caión, os ponentes recordaron o legado da Confraría, fundada o 5 de xuño de 1924 baixo o nome de “Pósito de Pescadores de la Villa de Cayón”. Entre as anécdotas alí contadas, as persoas asistentes ao acto tiveron a sorte de ver, ademais, unha peciña audiovisual dos anos 60, un verdadeiro tesouro etnográfico que probablemente sexa a gravación máis antiga realizada en Caión.

   Unha vez finalizado o coloquio, os asistentes participaron na inauguración da exposición ‘100 anos de historia da Confraría de Caión’, composta por paneis informativos e fotografías que percorren o pasado e presente do porto e da súa comunidade. A mostra estará aberta ata o 31 de xaneiro en horario de 17.00 a 20.00 horas., ofrecendo a veciños e visitantes a oportunidade de coñeceris sobre a traxectoria da Confraría e o seu impacto na vida local. Unha entidade que é a máis antiga das existentes no Concello da Laracha e que desde os seus inicios non só se dedicou a defender os intereses dos mariñeiros, senón que tamén impulsou melloras en infraestructuras e servizos públicos esenciais para Caión, como a cesión dos terreos para construír o colexio ou o acordo co Concello  da Laracha en relación aos terreos para edificar o Centro Sociocomunitario.

    100 anos non se cumpren todos os días! Moitos moitos parabéns por este centenario e vaia desde aquí un recordo tamén para todas as persoas que xa hai anos que non non están con nós e que o fixeron posible. Honrando a súa memoria, rescatamos o seguinte artigo publicado no xornal El Ideal Gallego o 16 de setembro de 1924 no que se da conta da inauguración, hai agora 100 anos, do “Pósito de Pescadores”:

Cayón
Coincidiendo con las fiestas en honor a la Virgen de los Milagros, tuvo lugar la inauguración del Pósito de Pescadores, el cuarto de los que, merced al celo y extraordinaria actividad que en favor de la creación de esta clase de instituciones viene demostrando el señor ayudante de Marina del distrito D. Antonio Núñez, van establecidos en los puertos que comprende su jurisdicción.
El acto fue presidido por la autoridad de Marina, con asistencia de la Junta de gobierno en pleno y varios vocales de la inspectora, entre ellos el señor cura párroco de Cayón, del señor delegado gubernativo del partido de Carballo D. Juan Soto Acosta, alcalde de Laracha D. Pedro García y el ilustre canónigo de Santiago doctor don Emilio González Vila, que fué el encargado de predicar el sermón de la Virgen en estas fiestas, y dió comienzo con la bendición del local y bandera.
Hecha la presentación de rúbrica por el citado señor presidente y ante numerosa concurrencia de socios, se pronunciaron discursos alusivos al acto, y analteciendo las ventajas y beneficios que pueden reportar los Pósitos a la sufrida clase de pescadores, los señores ayudante de Marina y delegado gubernativo, que prometió apoyar cerca del Directorio las justas aspiraciones de este pueblo.
También habló muy elocuentemente el señor González Vila, pronunciando un breve y atinado discurso.
Terminó el acto dándose vivas a los Pósitos de pescadores y al creador de los mismos D. Alfredo Caralegui, siendo obsequiados espléndidamente los invitados por los señores de la Junta de gobierno.
Por último, en el amplio salón de actos del Pósito, se celebró una animada fiesta de sociedad.
Reina gran entusiasmo por el progreso de la naciente institución.1

______________________

1 Vid. El Ideal Gallego, 16 de setembro de 1924, páx. 3.

venres, 20 de decembro de 2024

A ESCOLA DE ERBOEDO

  Nas Crónicas da Laracha desta semana recordamos a antiga escola de Erboedo, un edificio que se edificou nos anos corenta do século pasado e que estivo en pé ata finais da década de 1980.

Panorámica dos anos anos 80 da escola de Erboedo (La Voz de Galicia)

   Antes da edificación deste centro educativo, segundo nos contou don Manuel Mallo Mallo, párroco de Soandres (e doutras parroquias) nacido en 1934 en Paredes (Erboedo), a escola nesta freguesía impartíase na chamada casa grande do Igrexario, lugar no que deron clase Fidelina Seco Filgueiras, Manuel Barbeito Ramos ou, entre outras e outros, Perfecto Collazo Amado, mestre nacido no lugar da Pereira (Erboedo) en 1913 sobre o que falaremos máis polo miúdo ao longo das próximas semanas.

   Unha vez construído o edificio, o colexio de Erboedo dividiuse en dúas escolas separando aos nenos das nenas, tal e como marcaba o sistema educativo franquista. Anos despois pasou a ser unha escola unitaria mixta.

    A finais dos anos oitenta, catro décadas despois da súa construción, o local íase derrubar tras considerar os técnicos que era máis rendible construír un novo centro que reparar o xa existente, tal e como estaba previsto inicialmente.

   A Deputación da Coruña, dentro do plan de mellora das instalacións de ensino preescolar, ía destinar a este inmoble unha subvención de 958.051 pesetas, aportando o Concello da Laracha a cantidade restante ata completar o presuposto inicial de 1.965.000 pesetas.

   Na súa edición do 5 de outubro de 1988, La Voz de Galicia publicaba a seguinte información:

Hasta el momento no está estipulada la cuantía exacta de la inversión a realizar en esta escuela, a la que asisten una veintena de niños, puesto que el proyecto inicial era sólo de reforma. Estos días dichos alumnos están recibiendo las clases en un local cedido por un vecino de la localidad.1
La Voz de Galicia, 5 de outubro de 1988, páx. 27.

    O novo centro educativo, construído nas proximidades do antigo, poucos cursos ía funcionar como tal. O declive demográfico ía ser a causa do seu peche definitivo converténdose posteriormente no Centro Sociocultural da parroquia. Neste ano 2024 o edificio foi obxecto dunha rehabilitación integral, interior e exterior, executada polo obradoiro de emprego A Laracha VIII.

 

Panorámica actual do Centro Sociocultural de Erboedo

_______

1 Vid. La Voz de Galicia, 5 de outubro de 1988, Bergantiños, páx. 27.

venres, 13 de decembro de 2024

AS AMAS DE CRÍA

  O protagonismo das Crónicas da Laracha desta semana é para as amas de cría, aquelas mulleres que no pasado criaban e daban de mamar a unha criatura allea.

Amas de cría nun orfanato en 1905 (www.flickr.com)

   Pois si, amigos e amigas, unha ama de cría , tamén coñecida como ama de leite ou nutríz era unha muller que aleitaba a un lactante que non era o seu fillo, un emprego hoxe en desuso na meirande parte de Occidente pero que foi moi común desde a antiga Roma ata as primeiras décadas do século XX para alimentar a nenos cuxas nais non podían ou non desexaban facelo.

    Desde o dereito romano elaborouse un contrato de amatiatum, polo cal se fixaban as condicións que debían ter as amas de cría respecto a súa saúde e ascendencia, así como as contraprestaciós que debían ter e a duración do contrato. Durante o dereito común a regulación fíxose especialmente rigurosa, fixando salarios (que eran diferentes segundo os lugares) e excluíndo do aleitado de nenos cristiáns a xudías e mouras.1

   Co transcorrer dos séculos, a elección da nutríz para aleitar aos príncipes e infantes das cortes europeas quedaba en mans da raíña con supervisión do rei. Na casa real española, a partir do reinado de Fernando VII, mulleres das montañas cántabras de Vega de Pas, Villacarriedo, Selaya, Valle de Toranzo ou Valle de Trasmiera surtiron coa súa maternal leite aos futuros monarcas. Unha destas nutrices cántabras foi María Gómez Martínez, nacida un 29 de setembro de 1831 en Vega de Pas e ama de cría do Príncipe de Asturias que andando no tempo reinaría co nome de Alfonso XII. Acorde ao informe que se custodia no Palacio Real de Madrid, María Gómez «...tiene edad de veinticinco años y es mujer del labrador Juan Mantecón, con leche de ocho días por tercer parto...» para finalizar engadindo que «... es un tipo verdaderamente aldeano montañés». 2

O futuro Luis XIV coa súa ama de cría  (https://es.wikipedia.org)

   Mais desgraciadamente non foi sempre ben vista a muller da aldea que alimentaba ás criaturas das clases podentes. Consentíanse como un mal necesario, e en moitos casos quenes solicitaban e precisaban dos seus servizos non dubidaban en difamala e criticala. “Cien groseras aldeanas del Valle de Pas” di Mesonero Romanos; “humana vaca”, di dunha Perez Galdós 3; e nas cancións de “corro y comba” os nenos da época cantaban:

Piensan las amas de cría,

piensan y no piensan bien,

piensan que son señoritas

y son burras de alquiler. 4

   O recurso dunha ama de cría tamén podía estar motivado por razóns físicas, coma no caso de produción insuficiente de leite, en partos múltiples nos que unha soa muller non podía satisfacer os requisitos da lactación; sociais; polo elevado índice de mortalidade maternal (na España de 1910 falecía unha muller por cada 200 partos); ou mesmo por mor do abandono infantil por diferentes causas que foi moi numeroso desde o século XIX ata mediados do XX.

   Neste último caso, as amas de cría en España eran imprescindibles para a supervivencia dos meniños abandonados nos orfanatos e “casas cuna”. Ante a imposibilidade de lactación en moitos destos centros de acollida, optouse por un sistema retributivo a amas de cría externas que acollían ao bebé no seu fogar. O prototipo da nutríz externa a finais do século XIX era unha labrega casada de entre 25 e 40 anos, con fillos e cunha notable necesidade económica. Nunha terceira parte dos casos, estas mulleres sufriran o falecemento dun fillo lactante. 

   Para ser nutríz esixíase un certificado de saúde e boas costumes que expedían o médico e o alcalde do lugar de residencia. Estas persoas, xunto cos párrocos, encargábanse de supervisar o coidado ao neno xa que non eran desdeñables os casos de malos tratos ou cativos descoidados ao longo do século XIX e nas primeiras décadas do XX. O seguiente texto describe algunhas condicións que debía ter unha ama de cría externa a finais do século XIX: «Art. 26. Las nodrizas á quienes las Juntas entregaren los niños expósitos, serán de matrimonio, asegurándose previamente de su robustez, suficiencia de jugo lácteo, moralidad y demás circunstancias que se requieren para la buena crianza y educación de los mismos expósitos».5

   Por outra banda, a profesionalización da lactación, en termos sociolóxicos, foi un dos medios que permitiu ás mulleres adiñeiradas liberarse do rol de coidado doméstico e dedicarse a outras ocupacións. Consultando a hemeroteca da época atopamos numerosas ama de cría na seccións de anuncios da prensa de finais do século XIX e de principios do XX, entre elas algunha veciña da Laracha:

El Ideal Gallego, 2 de agosto de 1934

El Ideal Gallego, 14 de xullo de 1934

   Andando no tempo, a creación de fórmulas máis completas de leite en po, adaptado ao aparello dixestivo do neno, levou á desaparición da figura da ama de cría nos países desenvolvidos.

_________

1Vid. José Manuel Fraile Gil ( ) Amas de cría, campesinas en la urbe -Ordenamiento de menestrales y posturas, al arzobispado de Toledo, en las Cortes de Valladolid de 1351, ley 17-, (https://www.cervantesvirtual.com/obra-visor/amas-de-cria-campesinas-en-la-urbe/html/)

2Vid. José Javier Gómez Arroyo (2019): La nodriza de Su Majestad, El diario montañés, 23 de agosto.

3Vid. José Manuel Fraile Gil ( ) Amas de cría, campesinas en la urbe -Ordenamiento de menestrales y posturas, al arzobispado de Toledo, en las Cortes de Valladolid de 1351, ley 17-, (https://www.cervantesvirtual.com/obra-visor/amas-de-cria-campesinas-en-la-urbe/html/)

4Vid. R. Montalban.: El corro de las niñas. Canciones populares infantiles. Piano, n.° 49 "En la calle de Toledo". José Manuel Fraile Gil apunta que “La copla satírica alude a las burras de leche que pasaban diariamente por Madrid ofreciendo su mercancía, que se ordeñaba en el momento, para enfermos y embarazadas. En el lenguaje coloquial madrileño ha quedado el giro que ya han pasado las burras de leche para cuando alguien sigue en la cama avanzada la mañana”.

5Vid. Carlos Alustiza Martínez ( ) Nodrizas en Gipuzkoa, Auñamendi Eusko Entziklopedia, Fondo Bernardo Estornés Lasa (https://aunamendi.eusko-ikaskuntza.eus/es/nodrizas)