xoves, 14 de novembro de 2024

AS TORRES DE CILLOBRE (5ª parte e fin)

   Para recordar os tempos de esplendor de Cillobre falamos con algunhas persoas da Laracha, entre elas Marisa Aldao Liste, veciña deste lugar da Laracha que nos recibiu coa maior das amabilidades no seu domicilio en xullo de 2024. Meu pai dicía -recordaba Marisa- que aquí en Cillobre había unha muller que lle chamaban a señora da Torre, que eu penso que debía ser a administradora dos condes de Camarasa, e era esa muller a que se encargaba de cobrar as rendas dos foros. Disque había días nos que a caravana de carros cargados de ferrados de trigo, fabas ou millo chegaba ata San Román, porque claro, todo esto era dos marqueses de Camarasa. A fortaleza eran dúas torres cadradas e, no medio delas había un espazo rectangular (tipoloxía prerrenancentista, como as Torres do Allo1). A torre da dereita era o celeiro onde se gardaba o cereal que traían estos carros. Esta torre foi desfeita, e coas súas pedras fíxose a ponte do Formigueiro a finais dos 50 ou principios dos 60. A outra torre, a da esquerda, que é a que quedou, tiña habitacións e na parte de abaixo penso que houbo cárcere porque eu acordo de ver uns ferros que parecían os grillóns dos presos. Papá tamén contaba que aí na entrada de Cillobre, ao carón da carretera, estaba A Portería e a xente de aquí disque que quedou moi contenta cando a desmontaron e a levaron para o Pazo de Oca. Era unha entrada moi estreita. Os de Patiño, os de García e os da nosa casa non podían pasar cos carros de toxo porque era unha entrada moi reducida. Cargaban os carros todo o que podían e claro, despois non podían pasar. Por iso quedaron moi contentos cando a desmontaron e a levaron para o Pazo de Oca.”

Imaxe actual do que aínda se mantén en pé da chamada torre da esquerda

   Marisa ten unha relación abofé que ben curiosa coa Portería da que estamos a falar,  unha relación da que prometemos falar no futuro nestas Crónicas da Laracha.

   Isabel Verdía tamén nos contou algunhas lembranzas da súa infancia e díxonos que “os últimos propietarios das Torres de Cillobre foron o señor Gelasio e a señora Jesusa. Tiñan tres fillos e eu, de pequena, ía moito a xogar alí e a darlle de comer ás galiñas cos pitiños e a un can que se chamaba Zoco. Das torres soamente me acordo de unha e de que venderon as pedras para facer outras casas. Tamén me gustaría dicir que a capela de San Roque, hoxe restaurada, estivo en ruínas durante moito tempo, pero os veciños fixemos unha colecta na Laracha e restaurouse nos anos 90 cos cartos que xuntamos. Actualmente, cada 16 de agosto, celébrase unha misa e procesión na honra de san Roque. Nos tempos nos que a capela estivo en ruínas non se facía nada, e por iso os veciños unímonos para restaurala porque era unha romaría moi bonita, hoxe vida a menos, pero polo menos faise unha misa ao ano”.

Cillobre, anos 50 (https://mapas.xunta.gal/visores/basico/)

Cillobre na actualidade (https://mapas.xunta.gal/visores/basico/)

  Susa de García, veciña de Cillobre, aínda garda na súa memoria o seguinte cantar:

Dende A Coruña a Carballo

non hai lugar coma Cillobre,

porque din que teñen dentro

as Torres do señor Conde

   E, por último, José Antonio Castro Mallo tamén nos deixou enriba da mesa unha serie de datos e informacións moi interesantes sobre as Torres de Cillobre e de elementos como un hórreo que se retirou de alí e se trasladou a outro lugar, neste caso non tan lonxe como o portalón, un hórreo que dende hai anos está nunha casa particular do lugar do Cruceiro, en Lestón. “Este hórreo é de granito e ten pés, unha tipoloxía que pouco se ve na Laracha. En Zas si que hai moitos”, contounos José Antonio. Esta fonte oral tamén nos dixo que Cillobre aparece no pleito Tabera-Fonseca: “Eu lin o libro hai moito tempo. Era a transcrición do manuscrito pero non me acordo de todo, soamente de algo. Se non recordo mal, menciónase a destrución dunha das torres. A construción que queda é unha torre rebaixada, a torre da esquerda, e foi convertida en vivenda. Ten parladoiros ou ventás de asento e porta elevada. Este tipo de portas parece ser que tamén se denominan portóns normandos. O edificio aínda conserva un par de seteiras2, por certo, unha delas está debaixo do portón. Moita da pedra acabou en casas que construíron os labradores alí, en Cillobre. No antigo muíño de Vioño, ao lado da casa de García, aínda hoxe se ve pedra que procede da torre da esquerda, segundo me dixo xente moi maior que non vive e que escoitaran estos contos cando eran pequenos.”

Imaxe  actual do que aínda se mantén en pé da chamada torre da esquerda

    José Antonio tamén nos falou dunha curiosa estrutura circular existente en Cillobre e doutras informacións que foi recompilando ao longo dos anos. “Do castro para o lado de atrás hai unha especie de foso onde está o río de lavar. Nunha leira onde o hórreo de García, fóra da muralla, hai unha estrutura circular feita de grandes pedras e outras máis pequenas que fan un semicírculo ben feito. A muralla perimetral está detrás. Paréceme o resto dun forno de cocer o pan, pero habería que mirar moito mellor. Tamén hai pedras montadas nunha corte dentro da muralla perimetral, e aínda hai solo empedrado e un piar de granito, moi ben labrado por certo. Tiñan xardín francés e daba moi boas peras e mazáns. Por outra banda, o dato que di que o pazo tiña paredes de máis de dous metros de grosor creo que non era o pazo. O que as tiña, segundo me dixeron hai tempo, era a torre da dereita, que era onde gardaban o trigo dos pagos dos foros. As pedras desta torre son as que están na ponte do Formigueiro xunto coas do pazo. E para que muros dese grosor? Pode ser para os ataques con pólvora, penso. Senón, que explicación ten ese grosor.” 

Construción da ponte do Formigueiro nos anos 50-60 coas pedras dunha das torres de Cillobre (Cortesía de Jesús Manuel Carracedo)

    José Antonio conclúe a súa argumentación comentando que “ao lado das torres, que están enriba dun castro, non o olvidemos, pasa a actual estrada. A esa altura o paso chámase A Brea e ao outro lado da estrada está o castro de Gabenlle. Existe aínda a casa da Brea, topónimo importante que indica lugar de paso, de aí que o camiño vello pasara por As Calzadas preto do castro de Montes Claros, onde apareceu un miliario na igrexa. Todo estába ben conectado desde a Idade do Ferro, e mesmo o megalitismo. Non olvidemos tampouco que no lugar de Fofelle hai unha mámoa, segundo a carta arqueolóxica. En definitiva, no medio do castro de Cillobre, rodeada do seu arruinado peche perimetral, rebaixada en altura e convertida en vivenda, érguese con gallardía a torre da esquerda, símbolo vetusto do pasado do pobo e parte do seu futuro, presente no seu insigne escudo”.

Imaxe actual do que aínda se mantén en pé da chamada torre da esquerda

    Din que as pedras gardan miles de secretos e que, se prestamos a debida atención, mesmo falan con nós de historias de vida, de acontecementos históricos, de pensamentos, de costumes, de historias de amor e de odio, de relixión… pedras como as que aínda quedan en Cillobre, que de seguro foron testemuñas dos amores e desamores de Constanza das Mariñas e mesmo viron botar fume polas orellas a seu pai, Gómez Pérez das Mariñas. Continuando coa liña de recuperación de bens como o Castro de Montes Claros ou o Marco da Anta (o menhir de Erboedo) en marzo de 2023 o Concello da Laracha, con 54.000 euros de remanente de tesourería, decidiu afrontar a compra de todos os terreos vinculados ao conxunto arquitectónico das Torres de Cillobre, icona do seu escudo e catalogados no Plan Especial de Patrimonio Cultural co obxectivo, por parte do consistorio, de garantir a súa máxima protección. A ver logo, se as súa pedras volven falar!

FIN

______________

1 José Antonio Andrade Figueiras/ Fernando Cabeza Quiles/ Evaristo Domínguez Rial/ Xan X. Fernández Carrera/ Antón García Losada/ Luís A. Giadás Álvarez (2016): Andando por Bergantiños n.º 17. Parroquias de Cabovilaño, Torás e Vilaño, Instituto de Estudos Bergantiñáns, pp. 30-31.

2 Unha seteira e unha ventá estreita e alongada dunha torre ou fortificación por onde se disparaban setas ou frechas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario