xoves, 29 de maio de 2025

A CHEGADA DA LUZ ELÉCTRICA Á LARACHA EN 1936

  Hai xustamente un mes vivimos unha estraña sensación cando todos os fogares quedaron sen electricidade a causa do maior apagón da historia recente de España. O acontecido aquel 28 de abril foi unha experiencia difícil de esquecer coa cal moitos dos nosos maiores recordaron os tempos da luz do candil da súa infancia, tempos nos que pasaban a escuras boa parte da súas vidas cotidiás. Pola súa banda, os non tan maiores recordamos que nas décadas dos 60-70 tamén había cortes continuos do suministro eléctrico (polo menos no domicilio dun servidor) cando facía algo de vento. E por último, os nenos viviron o apagón como algo extraordinario, e mesmo sabemos dalgún cativo que lle preguntou a seus pais cando volvía haber outro apagón.

Pois si amigos e amigas, o feito de estar sen luz era o día a día dos nosos devanceiros que, antes da chegada da rede eléctrica, polas noites só podían ver no interior dos seus domicilios co lume da lareira e co candil, unha especie de lámpada primitiva que se colgaba nas paredes e que servía para alumar por medio dunha torcida, que ardía alimentada polo aceite que ía nun recipiente.

Con todo, na Laracha había varios saltos de luz en diversas parroquias do municipio. Estos saltos, dos que prometemos falar máis polo miúdo no futuro, xeraban electricidade e, con ela, houbo casas que empezaron a ter un par de bombillas, toda unha novidade da época.

Nun destos saltos, no situado no lugar da Ribela, na parroquia de Vilaño, estaba a central hidroeléctrica “Marvaz”. Propiedade de Luis Martínez Vázquez, “Marvaz”, xerme da actual Hidroeléctrica Laracha (HL), foi a encargada de levar a luz á capital municipal, a onde chegou o 22 de maio de 1936, feito histórico que o vindeiro ano cumprirá o seu 90 aniversario. O xornal La Voz de Galicia facíase eco de tan magnífica nova no seguinte artigo:

Cadro da autoría de Luis Martínez no que vemos como era o salto da Ribela nos anos 30 (Cortesía da familia Martínez)

Laracha
¡LA LUZ ELÉCTRICA!
Al estruendo de las bombas de palenque y charanga musical, se inauguró en este pueblo el 22 del actual, la tan deseada luz eléctrica. De una gran intensidad lumínica, causó este acontecimiento la mayor alegría desbordante al compás de la música y del baile clásico del país.
Nuestro sincero aplauso por sus vigilias y desvelos al incansable propietario don Luis Martínez, que de su peculio particular abordó la empresa de traer a este pueblo desde las parroquias de Vilaño y Golmar el salto que la produce. Tres focos en el pueblo y uno en la Areosa dan el encanto de una iluminación fantástica que estos vecinos nunca pudieron soñar, y así no es extraño que casi en su totalidad hayan tomado en aforo la luz de sus casas.
Ahora solo falta que nuestro Ayuntamiento, y así creeemos que lo hará, implante desde este pueblo al inmediato de Payosaco unos veinte focos de luz para satisfacción de vecinos y transeuntes.-CORRESPONSAL1.

___________________

1 Vid. La Voz de Galicia, 31 de maio de 1936. p. 10.

xoves, 22 de maio de 2025

O PINO MACHO DE MONTES CLAROS E OUTROS REMEDIOS PARA A TOSFERINA

  Ata non hai moito, cando o instrumental e os medios non eran os actuais, os nosos devanceiros recorrían aos remedios caseiros e ás crenzas populares para curar enfermidades como a tosferina ou tose ferina, doenza infecciosa e moi contaxiosa producida nas vías respiratorias que causaba terror nas nais de antano.

   Esta doenza combátese dende hai décadas coa chamada vacina da tosferina ou pertusis, que aos bebés se lles aplica dentro da vacina hexavalente, administrada aos 2, 4 e 6 meses para protexelos ante seis enfermidades: o tétano, a difteria, a poliomielite, o Haemophilus influenzae tipo B, a hepatitis B e a devandita tosferina. Aos 18 meses se lles administra dentro da vacina pentavalente, que serve para previr cinco enfermidades, que son as mesmas que a hexavalente mais sen a dose de hepatitis B. E logo, dos 4 a 6 anos, adminístrase dentro da vacina trivalente, xunto ao tétano e a a difteria. Mais un momentiño, despois de deixar estos datos enriba da mesa, viaxemos do presente ao pasado para saber o que facían as nosas avoas para atallar a tosferina e que remedios utilizaban para combatela.

   Unha das crenzas máis arraigadas naqueles tempos era a que dicía que os enfermos curaban levándoos xunto a un Pinus pinea, que é o que da os piñóns (pinea) e ténselle moita estima en toda a xeografía galega. Tamén coñecido como “pino macho” ou “pino manso”, é a árbore das Casas grandes e dos Pazos de Galicia.

   Este tipo de piñeiro, que ten as características de que aparece illado, sen formar bosques e que habitualmente conta cunha copa moi ampla, ten asociados diversos poderes para curar a tosferina dando nove voltas (e unha sen contare) ao seu arredor recitando oracións ou frases como esta:

Tos ferina,

vaite ao piñeiro de resina!

   Seica en cada volta os doentes tiñan que escupir a un punto fixo que tivera resina e, feito o remedio inicial, había quen levaba un anaco da casca do piñeiro macho para os seus respectivos domicilios e continuar alí coa “segunda fase” do proceso.

   Na Laracha don Manuel Mallo Mallo, párroco de Soandres, recorda que no lugar da Tenda (Coiro) había “un pino macho que non crecía para arriba; pero non sei para que se aplicaba. Nós chamabamoslle así, o pino macho, e viamolo desde a nosa casa”.

   Na parroquia de Vilaño existe o chamado “pino macho” de Montes Claros, onde non hai moito aínda se celebraba un rito para curar a tosferina do que mesmo foi testemuña a arqueóloga Puri Soto. “Unha veciña da zona de que aínda está viva veu a Montes Claros a facer un rito para curar a tosferina cando estabamos coa escavación do castro. Aquí antigamente viña a xente e facían un ritual cun salmo. Daban 9 voltas, e unha sen contar, arredor do pino macho e dicían:

Tosferina:

apéghate á resina

pola graza de Dios

e da Virgen María”

Muller dando volta arredor do pino macho de Montes Claros (Cortesía de Puri Soto)

Muller dando voltas arredor do pino macho de Montes Claros (Cortesía de Puri Soto)

   Puri Soto tamén nos dixo que o devandito pino macho non é o primeiro que houbo en Montes Claros. “O primeiro estaba no terreo do castro. Era o que tiña o poderío, é dicir, hai determinados ritos e liturxias que aínda as conserva o castro, o que quere dicir que indudablemente foi un centro non só de habitación, senón tamén espiritual durante moitísimo tempo. Este pino macho é fillo do que estaba no interior do castro de Montes Claros”.

Pino macho de Montes Claros (Xabier Maceiras)

  Polo que nos contou a señora Peruca de Orxeira, veciña da Baiuca (Arteixo) que residiu boa parte da súa vida no lugar de Laxobre, en Vilarrodís había un pino macho ao que acudía cando era nena. Levábanme meus tíos para que me pasara a tosferina. O pino estaba na aldea vella de Vilarrodís nun terreo dos do Americano. Eu era moi nena e recordo que había que dar voltas arredor del mentres unha señora, que creo era dos do Americano, rezaba un Padre Nuestro ou outra oración. Despois de facer o remedio, os tíos collían un cacho de casca do pino e levábano para Laxobre, onde o colgaban na porta do hórreo. Dicían que tiña que estar onde lle dera o aire do mar. Eu, tose que tose, miraba para a casca e respiraba ese aire.

   Na parroquia de Montemaior, concretamente no lugar de Cumiáns, Suso Souto contounos algúns remedios que lle facían a el de cativo cando tiña tose. “Había algún que outro remedio para cura a tos, a tos forte dos rapaces. Eses remedios facíanse con remolacha, con nabo ou cunha pataca, só con eses bulbos. Se non había un, pois utilizábase outro. O caso é que cortaban as rodaxas e poñíanas a sudar nun prato nun sitio fresco. Iso ía soltando melaza, un zumo coma o xarabe, e tomabamos ese líquido. A tos, esa tos rebelde que non che deixaba facer nada, non sei se pasaba porque tiña que pasar, pero o remedio era recorrente”.

   Visitación Fraga, veciña do Xestal, tamén en Montemaior, recorda que para curar a tos “sendo eu nena, na nosa casa asaban unha cebola no lume. Asábana no lume con leña de toxo e despois desfacíana nun plato e botábanlle azúcar e con aquel remedio pasaba a tos brava”.

   Outro dos remedios que se facían na Laracha para curar a tose é o que nos contou a señora María Rumbo, veciña de Mantiñán (Soandres). “Cando eu era pequena as medicinas facíanse todas con herbas porque ao médico non se podía ir, non había cartos para paghar. Cando había unha tos forte ou catarros collían unhas raices ou nabos de ortigha e logho botábase nunha pota con augha cun pouco de romero e cousas así, se cadra unha pina ou dúas dos piñeiros, destas pequeniñas que van nacendo, e despois ferviase todo ben fervido. Eu aínda me acordo de tomar esa augha para os catarros e para a tos”.

   Marisa Roibal, veciña de Mins, parroquia de Loureda (Arteixo), que casou en Uxes hai máis de sesenta anos, falounos doutro remedio que se facía antigamente para atallar a tosferina. “En Loureda aos nenos mandábannos ao monte a recoller follas dunha planta que lle chamaban codeso. Traiamos unha bolsa delas e despois os maiores machacábanas ben machacadas. Logo espremían nun trapo o líquido que ía soltando as follas. Os cativos tiñamos que beber ese zume, que sabía a pestes, para que nos pasara a tosferina”.

   Outro remedio para atallar este mal foi o que nos contou en Santa Icía, na parroquia de Morás (Arteixo), Alejandro Castro Román, que nos dixo que antigamente, segundo lle escoitou aos maiores do lugar, para curar a tosferina seica levaban aos pequenos á ponte por onde pasaba o tren para respirar o fume que botaba a locomotora. ¿Farían o mesmo no túnel de Vista Alegre? Se tedes algunha información sobre este particular contactade con nós, por favor.

   Tamén nos falaron da semente do toxo e da chorima, as flores desta planta que tinguen de amarelo os nosos montes, como remedio para combater a doenza da que estamos a falar. As chorimas secábanse e despois fervíanse para tomar en infusión. As sementes, que seica é onde está a maior concentración de cistina, parece ser que eran aptas para elevar o ton cardíaco para combater a tosferina, a asma e a dor de cabeza.

   Xabier Monteiro Graña conta na revista cultural Columba que “para curar a tosferina dábase de beber auga de fungo; nun frasco de boca ancha botábase un fungo que, ao cabo dun tempo, ía medrando ata ter a forma dunha medusa. A auga que se formaba dese fungo era a que se bebía1para sandar a tosferina.

   Na procura de remedios para curar a enfermidade, tamén sabemos que os nosos avós recorrían ás propiedades curativas das augas do mesmo xeito que o facemos hoxe. Eu non sei vós, pero un servidor, cando non ten o ánimo que debe ter, unha ollada dirixida ás augas resulta ser de natureza benfeitora. E neste sentido cómpre sinalar, como así nolo conta Vítor Vaqueiro na súa marabillosa obra Mitoloxía de Galizaque ver a roda dun muíño en canto moe, ou o fluír dun río ou regato, son bos remedios para curar a tose ferina. Igualmente, xa no medievo as augas considerábanse elementos eficaces para sandar a sarna2.

   E falando de augas, en Caión a señora Luisa Vázquez díxonos que “a augha do mar é moi boa para a tos e o catarro. Respiras para arriba e límpache todo”. O señor Constante Caamaño é da mesma opinión que Luisa e díxonos “que as praias de Caión sempre acumularon moito gholfe, que ten moito iodo. Vas alí, respiras profundamente e saes limpo. Isto xa se facía sendo eu neno cando tiñas catarro, tos ou ao mellor se andabas algo obstruído. Respirabas e saías novo e eso era polo iodo do gholfe”.

   A medicina popular tradicional está recoñecida pola OMS (Organización Mundial da Saúde), entidade que a ten definida como “a suma total de prácticas, coñecementos e habilidades baseadas nas crenzas, teorías e experiencias indíxenas das diferentes culturas, destinadas ao mantemento da saúde, prevención, diagnóstico, mellora e tratamento das enfermidades físicas e mentais”. Tamén é coñecida por “etnomedicina”, é dicir, a medicina tradicional dos pobos, unha medicina da que seguiremos falando no futuro nestas Crónicas da Laracha!


FONTES:

FILGUEIRAS REY, ANA & RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ, TOMÁS (2000): Estudio Antropolóxico na Área do Xacemento Castrexo de Elviña, A Coruña. Programa Elviña. Estudios Plan Director. Plan Director del Castro de Elviña. LAFC/GIArPa, IIT, USC.

GARCÍA QUINTÁNS, MODESTO (2008): El Ayuntamiento de Dumbría. Historia, tradiciones y costumbres. Deputación da Coruña.

MONTEIRO GRAÑA, XABIER (2017): Medicina e sabiduría popular tradicional na antiga Terra de Serantes. Cultura Espiritual. Etnografía. Columba Revista Cultural, nº 17. Asociación Cultural Columba, Cobas, Ferrol.

SÁNCHEZ, LUISA (2021): El "toxo" y sus propiedades curativas. La Región, 15 de febreiro.

VAQUEIRO, VÍTOR (2011): Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Guías A Z. Editorial Galaxia, Vigo.


____________________

1 Xabier Monteiro Graña (2017): Medicina e sabiduría popular tradicional na antiga Terra de Serantes. Cultura Espiritual. Etnografía. Columba Revista Cultural, nº 17. Asociación Cultural Columba, , Cobas, Ferrol. Páx. 9.

2 Vid. Vítor Vaqueiro (2011): Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Guías A Z. Editorial Galaxia, Vigo. Páx. 64.

mércores, 14 de maio de 2025

A PARROQUIA DE MONTEMAIOR NA XEOGRAFÍA XERAL DO REINO PUBLICADA POR CARRÉ ALDAO EN 1928

   Nado na Coruña en 1859, Uxío Carré Aldao foi un libreiro e escritor en lingua galega e castelá. No ano 1891 faise cargo da libraría de Andrés Martínez Salazar e da imprenta de Domingo Puga, onde tiña lugar unha tertulia galeguista, coñecida como A Cova Céltica, da que Carré era o principal animador.

    Na súa imprenta ían aparecer gran parte dos libros dos autores galegos da época. Foi membro da Liga Galega (1897) e de Solidaridade Galega (1907), ademais de ser un dos fundadores da Real Academia Galega, así como membro da Real Academia da Historia.

    Carré casou con Purificación Alvarellos Pena, con quen tivo once fillos, aos que lles inculcou as súas inclinacións literarias. Algún deles, Uxío, Leandro e Lois Carré Alvarellos foron escritores, así como as súas netas May Carré e María del Pilar Carré, que se dedicaron á novela rosa.

    Algunha das súas obras foron Brétemas (1896); Raiolas (1898); Apuntes para la historia de la imprenta y el periodismo (1901); La literatura gallega en el siglo XIX (1903); Influencia de los catalanes en el progreso de la industria pesquera en Galicia (1904); Idioma y literatura de Galicia (1908); Guerra de la Independencia en Galicia. El Alzamiento contra los franceses (1908); Influencias de la literatura gallega en la castellana (1915); Contos de forxa (1919) ou, A terra chama (1925).

   En 1928, catro anos antes da súa morte, publica o tomo dedicado á provincia da Coruña da Geografía General del Reino de Galicia, unha auténtica xoia, unha obra sublime na que Carré dá un paseo polo máis profundo de cada unha das parroquias dos concellos coruñeses debullando a súa xeografía, historia, lendas, etnografía...

    Con relación á parroquia de Montemaior, isto foi o que publicou na devandita obra:

Santa María Magdalena de Montemaor, parroquia de entrada.- Es su terreno, aun cuando montuoso, pues se extiende en la parte occidental de la sierra de Montemaor, en su límite con el ayuntamiento de Cerceda (partido de Ordenes), de muy buena calidad, y sus grandes llanos y laderas son excelentes para el cultivo.

Al SE. de la capital de su municipio, distante 6 kilómetros y a la vez su cartería, está en el S. de su ayuntamiento, lindando, como decimos ya, con el de Cerceda. Hállase a 12 kilómetros de la cabeza de su partido. Por el O. limita con Carballo, río Rosende en medio.

Es de clima frío, pero ventilado, y la producción del suelo consiste en trigo, centeno, maíz, patatas, legumbres, hortalizas y pastos, criándose en estos últimos ganado, sobre todo vacuno. Hay caza y pesca en sus aguas, que son varios arroyos que forman el río Troyán, origen o nacimiento de otro brazo del Anllóns, en las vertientes de la sierra, en la que se destaca en su extremo N. el Pico de Pedrouzos, de 517 metros sobre el nivel del mar.

Tiene tan sólo tres aldeas: Raño, Santa Margarida (Margarita), la mayor, con 87 habitantes, y en la que en una altura hay la ermita de esta advocación, que celebra romería el 20 de Julio y 21 de Septiembre, de gran concurrencia y nombradía por los ofrecimientos de ciertas enfermedades que parece encuentran alivio en la famosa fuente de agua fría que hay en ese lugar, y Viso, cuyas antiguas torres son hoy casa señorial con torres rectángulas. En cambio son numerosísimos sus grupos menores, que ascienden a 48 y reúnen entre todos 902 habitantes. Los que componen el total de la parroquia son 1.074 de hecho y 1.079 de derecho, ocupando 295 viviendas, 228 de un piso y 67 de dos, y existen 12 albergues.

Panorámica do lugar do Igrexario. Ao fondo a igrexa de Santa María Madalena

Corresponde la presentación del curato a la Corona: tiene escuela nacional de niños, y hay Sindicato Agrícola y Caja rural.

mércores, 7 de maio de 2025

A CAPELA DE SAN CRISTOVO E O RITUAL PARA CURAR A UN NENO HERNIADO

    San Cristovo é un dos lugares que conforman a parroquia de Golmar. Alí vive a señora Maruja Pombo Rey, que xa vos podemos adiantar que será unha das persoas protagonistas do libro “Os serradoiros da Laracha” no que xa levamos varios meses traballando baixo o patrocinio do Concello da Laracha.

   Muller afable, de boa memoria e de conversa amena, hai uns meses a señora Maruja tivo a ben recibirnos no seu domicilio na compaña dos seus fillos Isabel a Eladio para contarnos a historia do serradoiro que abriran na Beria (Golmar) en 1940 seu avó Silvestre, seu tío Florencio e seu pai Felicísimo, Felis para os seus amigos.

   Nas entrevistas que realizamos para os nosos respectivos proxectos temos que recoñecer que, na meirande parte das ocasións, as persoas coas que conversamos sempre nos agasallan con verdadeiros tesouriños sobre o noso pasado máis recente. E como non podía ser doutro xeito, iso foi o que tamén nos pasou con Maruja Pombo quen, á parte de ofrecernos numerosas pinceladas sobre o antigo negocio familiar que debullaremos nun futuro próximo, tamén nos falou dunha antiga capela que había a poucos metros do seu domicilio, entre San Cristovo e O  Ramallal, da fonte deste pequeno templo... e mesmo de como se curaba algunha que outra hernia neste lugar.

Na parte inferior da imaxe, terreos onde estaba a fonte e a capela de San Bieito que había en San Cristovo, que é o lugar que se observa ao fondo

    Segundo o testemuño da nosa protagonista, a devandita capela tiña advocación a San Bieito, curiosamente o patrón da parroquia de Golmar. “Disque estaba aí abaixo nunha leira nosa. A leira colle un pouco dun terreo doutro veciño e efectivamente chámase A Capilla pero, como se fixeron dúas trenzas diso, actualmente non colle todo. Eu o único que acordo é que alí había unhas pedras e moi cerca delas había unha fonte, que dicían que esa era a fonte da capilla de san Benito. As pedras estaban labradas e algunhas aínda se aproveitaron para as casas. A fonte debía estar a uns 30 metros desas pedras, e alí facíase un ritual para curar a un neno pequeno que estaba herniado”.

(https://www1.sedecatastro.gob.es)

-Iso vino eu- dixo Isabel antes de que súa nai nos falara con máis detalle sobre este rito:

Alí había uns carballos pequeniños e un deses carballos abríano ao medio. Por alí, polo medio da vara ou da póla, dúas mulleres pasaban ao neno. Tiñan que ser dúas Marías. Unha María era a que o daba e outra María era o que o recollía. Eu fun unha vez, que me chamara outra María. E ela dicíame:

-Toma, María.

-Ti que me das?

-Douche un herniado

-Dios o reciba sano e salvo e coa gracia de Dios e da Virgen María, un Padre Nuestro e un Ave María.

Pólas dun carballo

    A señora Maruja volvía a facer fincapé de que “o carballo tiña que ser unha vara para podelo abrir ao medio porque, se era grande, xa non se podía separar unha parte da outra. Unha vez que pasaba o neno polo medio, volvían a enxertar o carballo. Se o carballo vivía, o neno curaba. E se o carballo secaba, o neno non curaba. Este remedio facíase alí cando a leira era enteira e non as dúas trenzas da actualidade”.

A señora Maruja Pombo Rey no seu domicilio de San Cristovo

    Antes de que anoitecera, visitamos o lugar con Eladio e comprobamos que o sitio onde estivera a capela e a fonte do que nos falara súa nai minutos antes xa hai anos que modificou a súa fisionomía. “En Golmar e en Soutullo -díxonos Eladio- houbera unha concentración parcelaria e con ela poidéranse facer fincas máis grandes. Aquí era o sitio onde estaba a fonte de San Benito. Chamábase ou A Capilla ou Susantos. Un pouco máis arriba, hai anos había un camiño que cruzaba por aquí polo medio”.

Zona na que estaba a capela e a fonte de San Bieito

Lugar aproximado no que estaba a fonte de San Bieito

   Como ben di o prezado e admirado Miguel Sande, a memoria é o tesouro que cada quen ten gardado de seu e que nos configura como seres, como persoas, coas nosas vivencias; é o noso “chip” particular. Vaia dende aquí o noso agradecemento á señora Maruja (grazas tamén Isabel e Eladio) e a todas as persoas que habitualmente comparten con nós as súas vivencias permitíndonos pasear pola súa memoria.

   Ata a semana que vén!