Tras a experiencia nas Rañeiras, da cal falamos nestas Crónicas da Laracha a semana pasada (podes ver a crónica aquí: http://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2025/04/a-telleira-das-raneiras-de-jose-manuel.html), José Manuel Ferreira asina un contrato de alugueiro cos de Xan para explotar no lugar da Barreira a telleira na que estivera ata o verán anterior Jesús Ríos, quen, segundo os datos de Facenda que localizamos no Arquivo do Reino de Galicia, causara baixa como industrial da cerámica en xaneiro de 1941.
Ferreira coñecía o lugar como a palma da súa man pois, como queda dito, xa traballara alí de mociño nos primeiros anos vinte do século pasado, que foi cando empezou a vir á Laracha cos seus veciños de Pintán (Salcidos, A Guarda). O noso protagonista ía comezar a súa andaina na Barreira no verán de 1941, en tempos do alcalde José Astray-Labarta Hermida. Seu irmán Antonio foi un dos integrantes das primeiras cuadrillas das que tamén formou parte, nalgún momento desta década dos corenta, o seu sobriño José Ferreira Groba, fillo de Antonio nacido en 1931 en San Xoán de Tabagón (O Rosal). Sobre aqueles inicios resulta de interese o testemuño de Antonio Fuentes Varela, que nos dixo que “o forno daquela vella telleira era de botella. Acordo de velo cando era neno e xa soamente quedaban en pé as paredes laterais, pero apreciábase que era de botella”.
Cando alugou na Barreira José Manuel xa era pai de Rogelio, que nacera a finais de setembro de 1937, e de Moncho, que veu ao mundo en decembro de 1939. Durante os cinco meses que botaba aquí fabricando tella e ladrillo cos obreiros do Baixo Miño, a súa muller Flora quedaba na Guarda atendendo a casa, os rapaces e a seus pais, Generoso Álvarez Martínez e Florinda Vicente Portela. Entre as idas e voltas de Ferreira á Laracha, a familia ía aumentar con Celeste e Generoso, nacidos respectivamente en 1944 e 1949.
José Manuel construíra na propia telleira unha pequena chabola na que durmía e comía cos operarios da súa cuadrilla, entre eles os fillos maiores Rogelio e Moncho, quen, a medida que ían tendo idade suficiente para traballar, facían cada temporada a viaxe en tren co pai para fabricar con el na Laracha. Carmiña Peniza, muller de Moncho, contounos que “o meu home era o cociñeiro (risas); disque metía moito toxo para atizar o lume e moitas veces desfacía o caldo e non lles quedaba nada para comer”.
Se os corenta foron anos duros, a partir dos primeiros 50 a situación empezou a mellorar grazas ao gran desenvolvemento que houbo no sector da construción na Coruña, en Carballo... A forte demanda de material que recibía acotío, ía animar a Ferreira a ampliar a súa pequena industria instalando algunha maquinaria para aumentar a produción. Mais, con todo, o proceso continuaba sendo principalmente artesanal, contratando en cada temporada artesáns de Pontevedra. A memoria de Pepe 'Buraco' recorda que algún dos baixomiñotos que traballaron na de Ferreira naqueles anos 50 foron, entre outros moitos, Joaquín López González, pieiro e carretilleiro natural do lugar de Martín (parroquia e municipio do Rosal) que estivo na Laracha por mediación de Virginia, a irmá de Ferreira, ou Juan Martínez Fernández 'Caghillas', natural tamén de Martín. Este home traballaba na cortadora e era xenro de Ricardo ‘da Pousa’, o antigo socio de Ferreira na telleira das Rañeiras.
Naquel momento tiña dous fornos de pozo e, á parte dos telleiros do Baixo Miño, tamén precisaba moita man de obra para extraer o barro do barreiro, transportalo etc. Para realizar estes traballos foise nutrindo, principalmente, con xente da Barreira e de Estramil. Un dos empregados que traballou na de Ferreira naquela época foi José López Caamaño, 'Pepe o Labrador', veciño de Estramil nacido neste lugar en 1942, que nos contou que “cando Ferreira empezou na Barreira non tiña electricidade. Utilizaba un motor de gasoil como o das máquinas de mallar, que aínda nunha ocasión envolveuno a polea e rompeulle as pernas. Despois trouxo a corrente desde Cillobre, que fora Eliseo Pena o que lle montara a electricidade, e a partir de aí foi cando empezaron a facer as naves. Pero como alí estaba arrendado, os propietarios apretárono e tiveron que facer novos arrendos para poder obrar. Despois, a medida que lle ían ben as cousas, xa lle comprou aos de Xan o terreo da telleira. Cando empecei alí de rapaz traballábase a pico e pala. Para o transporte do material viñan cargar camións de fóra. Había obras ás que transportaban o ladrillo xente coma 'O Cubano' de Loureda, que cando comprou o primeiro camión, un Leyland, facía moito porte por aquí. Viña 'o Cubano' e con el ían dous ou tres obreiros de Ferreira, os que collían na cabina, para levar o ladrillo ás obras ou aos almacéns nos que deixaba o material en depósito, como por exemplo en Oseiro (Arteixo), no salón de Figueroa. Aí íamos tres obreiros para descargar dentro do salón. Tiñan taberna e salón e todas as semanas levábanse dous ou tres viaxes de material, que se descargaba dentro do salón, na pista. E despois alí, os veciños dos arredores que precisaban un cento ou dous de ladrillos pois ían buscalos alí no carro de bois, que daquela non había tanto camión como hai hoxe”.
![]() |
Primeiros camións do transportista de Loureda (Arteixo) Antonio García Viñán 'O Cubano' (Cortesía do seu fillo Paco García Fernández 'O Cubabo' |
Nesta época da que estamos a falar xa tiña corrente na telleira e o ladrillo oco fabricábase a través dunha máquina movida por un motor eléctrico. Ademais, tamén seguía facendo á man tella e ladrillo macizo. Unha vez que remataba a temporada de verán na Barreira, José Manuel Ferreira regresaba á Guarda para pasar o inverno coa súa familia… e seis meses despois, volta a empezar. A súa vida era, ao igual que a inmensa maioría de cabaqueiros do Baixo Miño, unha verdadeira noria que non paraba de subir e baixar. Ferreira estaba farto destes desprazamentos estacionais. Naqueles primeiros anos 50 o negocio empezaba a irlle ben. Foi aí, nesa altura, cando decidiu facer unha casa un pouco máis grande e trouxo definitivamente a Flora e aos catro fillos para A Barreira. Tamén viñera con eles a tía Florinda1, que naquela hora estaba viúva do tío Generoso, falecido en 1947 aos 66 anos de idade.
![]() |
Flora, a tía Florinda e Celeste (Cortesía de Elena Cividanes) |
Nos anos seguintes Ferreira continúa comprando terreos adxacentes á telleira e realizando novas prospeccións. Daquel momento de expansión do seu negocio dan fe as seguintes informacións que localizamos no Boletín Oficial do Estado:
DISTRITOS MINEROS2
LA
CORUÑA
Se
hace público que por el excelentísimo señor Ministro de Industria
ha sido otorgado, con fecha 12 de marzo de 1955, el permiso de
investigación que sigue:
“Generoso”,
número 3.440, de 56 pertenencias de caolín y otros, sito en el
término municipal de Laracha, provincia de La Coruña, a favor de
doña Flora Álvarez Vicente.
Lo
que se anuncia para general conocimiento en virtud de lo dispuesto en
el articulo 65 del Reglamento General de la Minería, de 9 de agosto
de 1946.
La
Coruña. 26 de marzo de 1955.—El Ingeniero Jefe, Faustino Hervada.
2.095—0.
DELEGACIONES DE INDUSTRIA3
LA
CORUÑA
Ampliación
de industria
Peticionario:
Don José Manuel Ferreira Penedo.
Objeto
de la petición: Legalizar la ampliación efectuada en su industria
de fabricación de tejas y
ladrillos establecida en Torás
(Laracha).
Capital:
65.000 pesetas.
Producción:
500.000 piezas por temporada.
Esta
industria emplea maquinaria y materias primas nacionales.
Lo que se hace público a efectos de le dispuesto en la norma segunda de la Orden ministerial de 12 de septiembre de 1939.
La
Coruña, 25 de agosto de 1956.—El Ingeniero Jefe, H. Manrique.
4.746.—O.
(... CONTINUARÁ)
_________
1 Florinda Vicente Portela, faleceu na Barreira en marzo de 1971 aos 88 anos de idade. Está enterrada no cemiterio de Torás.
2 Vid. Boletín Oficial del Estado, Madrid, 8 de maio de 1955, Núm. 128, p. 1.531.
3 Vid. Boletín Oficial del Estado, Madrid, 28 de setembro de 1956, Núm. 272, p. 3.393.