mércores, 23 de xullo de 2025

OS PRIMEIROS SERRADOIROS DA LARACHA (2ª parte e fin)

  Naquela altura, durante aqueles anos 20 do século pasado, o libreiro, editor e escritor coruñes Uxío Carré Aldao andaba pateando toda a provincia da Coruña para documentar e escribir a súa Geografía General del Reino de Galicia, obra que finalmente se ía publicar en 1928. Carré viu, con certeza, fumegar algunha que outra cheminea dos serradoiros da Laracha. Cando describe a parroquia de Vilaño, dinos o seguinte:

Los lugares de Formigueiro, Bostelo y Quintáns, en la parte alta son muy frondosos, con muchos castaños y arbolado fértil: estas aldeas son como la parte media de la feligresía, en la que existen nueve molinos, el más importante con tres piedras, en la Areosa, y un aserradero mecánico en Vilán1.
Panorámica do lugar de Quintáns (Xabier Maceiras)

   Na devandita obra, e con relación á foresta e a industria da Laracha, o autor herculino tamén conta que naquela hora no municipio larachés non escaseaba “el arbolado, especialmente el pino del país2e que a industria “es casi nula, y el comercio, fuera de los productos agrícolas y ganaderos y sus derivados, está concretado a las necesidades locales3”.

    Nesa mesma época, segundo os datos do Anuario industrial y artístico de España correspondentes ao ano 1929, sabemos que na Laracha tiñan cadanseu serradoiro Pedro Añón, José Caamaño, José Esmorís, José Gómez, Pedro Iglesias, Juan Insua, Pedro Longueira e José Rodríguez. Estos oito empresarios seguen aparecendo como propietarios de serradoiros nos primeiros anos da década dos 30 mais, desgraciadamente, o devandito anuario non especifica o lugar concreto do municipio no que estos industriais tiñan o seu respectivo negocio. Hai certa contradición cos datos que nos ofrece o Anuario regional descriptivo, informativo y seleccionado de la industria, comercio, agricultura, profesiones, arte y turismo del norte de España correspondente ao ano 1932, onde aparecen como propietarios de “serrarías mecánicas” José Caamaño Pallas y Compañía, José Rey Suárez y Compañía, José Rodríguez Fernández e José V. Gómez. No devandito anuario tamén aparecen Eliseo Barreiro, José Caamaño Pallas, Pedro Iglesias Graña e José Rodriguez Fernández no apartado titulado “maderas”.

    Grazas ao señor José Freire “Lecos” sabemos que entre finais dos anos 20 e principios dos 40 houbo outro serradoiro no lugar da Telleira (Cabovilaño), situado a poucos metros do negocio deles. “Naqueles tempos seica había outra fábrica de madeira na Laracha e disque lle chamaban a de Gisán, que creo que era un señor da Coruña. Ese aserradero estaba despois do noso, na curva, indo para A Laracha á man esquerda, no que hoxe é a casa de Varela.” 

Panorámica actual do lugar da Telleira, na parroquia de Cabovilaño, no que estaba a fábrica de Santiago Guisán (Xabier Maceiras)

    Tras o paseo que nos permitiu realizar o señor José pola súa memoria, nada máis chegar á casa, acudimos á Web para consultar os anuarios industriais dos primeiros anos do século pasado co obxectivo de localizar a este empresario. E, efectivamente, atopamos a un tal Santiago Guisán, que tiña almacén de madeiras na rúa herculina García Prieto, rúa que ata fai pouco era a Avenida General Sanjurjo e na actualidade é a Avenida de Oza.

    Á parte da de Guisán, en 1929 na cidade da Coruña había outra ducia de fábricas de madeira, entre elas a de Ricardo Alonso Criado, que tiña o almacén no Camiño da Estación; Antonio Jaspe Dans, con fábrica tamén no Camiño da Estación; Hijos de Emilio Ceroagán, na rúa do Socorro; Ricardo Molesmi, no Camiño Novo; Ricardo Molezún, en Juan Flórez; Hijos de Aquilino Santeco, na Palloza; Viuda de Antonio Wais, na Gaiteira; Pastor Varela, na rúa José Lombardero; Domingo Zamaola, no Corralón da Gaiteira; Elvira Zapata Dono, na rúa Cordonería; e o xa nomeado Enrique Calviño Cambón, empresario que, ao igual que facía Santiago Guisán, abastecía o seu almacén na Explanada do Orzán con madeira da Laracha.

Tarifa de prezos de venda ao público de madeira de piñeiro nun serradoiro galego en 1929

   É posible que Guisán tivera establecida sociedade con algún dos oito empresarios madeireiros que naquela hora existían na Laracha e que, por tal motivo, non figura na listaxe do anuario de industria entre os anos 1929 e 1934. Polo que sospeita o señor José Freire “Lecos”, parece ser que a fábrica que Guisán tiña na Telleira (Cabovilaño) deixou de funcionar na época da Guerra Civil ou durante os primeiros anos da posguerra.Eu nacín no 1932. A fábrica de Gisán xa non traballaba cando eu era rapaz pero acórdome de ver as paredes”, díxonos o señor José. Ao fío do seu testemuño, deixamos enriba da mesa o anuncio breve que localizamos na edición do 4 de maio de 1941 do xornal La Voz de Galicia: “VENDO fábrica de aserrar maderas en La Laracha. Informarán Franja, 10, 2º. De 2 a 44.¿Sería a fábrica de Santiago Guisán?

   Á parte dos serradoiros propiamente ditos, tamén temos constancia da instalación, entre os últimos anos vinte e primeiros trinta, de outro modelo de serra nalgún muíño da Laracha:

AUTORIZACIONES
Las industrias en la provincia
En la “Gazeta” del 16 se publica la concesión de numerosas autorizaciones para ampliar industrias y maquinaria, en que las cuales figuran las siguientes para esta provincia:
(...) A don José Viña, de Laracha, para instalar en su molino harinero, y para ser movido por el mismo motor que éste, un aparato de sierra de cinta de cien centímetros de diámetro de volante (...)5.”

   Cabe a posibilidade de que este José Viña sexa o mesmo José Viña Gómez da familia Vioño do que falamos no libro Os bailes dos avós. Música e salóns da Laracha de antano, propietario dun salón de baile en Cillobre nos anos 20-30. Polo que nos contou o seu neto Manuel Viña Parada, José converteu o salón en muíño con motor de gasóleo e, posteriormente, eléctrico. O neto tamén nos dixo que seu avó tivera serradoiro en Larín (Arteixo), pero con relación á serra de cinta da que se fai alusión na prensa de 1930 dixo non saber nada.

   Esa serra de cinta de José Viña (que ben poderíase ser outro veciño de calquera parroquia) tamén podería tratarse do modelo que era accionado pola auga dun curso fluvial, que facía virar unha roda a partir da cal se convertía o movemento circular nun movemento rectilíneo alternativo por medio do mecanismo coñecido como biela manivela6. Quen sabe, se cadra na actualidade, agochada no medio da espesura da maleza na que se sobreviven moitos dos nosos muíños, aínda se conserva algunha destas serras hidráulicas. Se sabedes da existencia de algunha na Laracha, contactade con nós por favor.

Interior do serradoiro e muíño do Pighorro, O Rosal, Pontevedra (Xabier Maceiras)

   Esos primeiros serradoiros hidráulicos, que tamén cumprían a labor de muíño, tiñan unha serra simple, e os máis complexos dispoñían ademais de serras, tornos e cepilladoras, accionados tamén hidraulicamente combinando rodas e correas de transmisión. Precisamente, en outubro de 2024, horas antes da presentación no Rosal do libro As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño, tivemos a sorte de visitar un destos tesouriños etnográficos que aínda manteñen viva a nosa cultura tradicional. Trátase da serra do Pighorro, serradoiro e muíño que data de finais do século XIX e que se acciona pola auga do regato Padrón, sito no lugar do Cardal, xuradía de Marzán, parroquia e concello do Rosal. Estivemos alí na compaña de varios membros da corporación do Rosal, entre eles a alcaldesa Ánxela Fernández Callís, do propietario da serra e do prezado e admirado José Álvarez Alonso, 'Pepe o Buraco', artífice da visita que tivo a ben explicarnos aos alí presentes o funcionamento da maquinaria. Tarde inesquecible, abofé!

Panorámica do serradoiro e muíño do Pighorro, O Rosal, Pontevedra (Xabier Maceiras)

   Chegamos xa anos anos corenta, época na que na Laracha traballaban a un tempo case unha decena de serradoiros dos que fai mención Salvador Parga Pondal na súa tese doutoral Comarca natural de Bergantiños7. Nacido do seo dunha estirpe de destacados investigadores e literatos, Parga Pondal doutourouse en filosofía e letras coa devandita tese, da que escribía o último folio o 1 de xaneiro de 1950. Neste traballo compilou textos, láminas e fotografías para conformar un magnífico orixinal de dous tomos nos que amosaba toda a sabedoría dunha vida como investigador. Con relación aos serradoiros laracheses ofrece unha serie de datos de notable interese para a nosa investigación. Segundo as súas informacións, a parroquia de Cabovilaño era a potencia madeireira do municipio xa que naqueles anos corenta contaba cun total de cinco serradoiros, o de Pedro Iglesias Graña, no que traballaban 18 obreiros, o de José Rodríguez Fernández, que tiña 9 operarios, o de Jesús Pallas Rabuñal con 8, o de Jesús Ramos Calviño con 7, e o de Ramón Esmorís García con 6. Salvador Parga Pondal nomea dous serradoiros na parroquia de Lemaio, o de José Rodríguez Gayoso8, no que gañaban o pan 7 persoas, e o de José Insua González, que tiña 6 operarios. E, finalmente, fai mención de dous serradoiros máis, o que tiña Florencio Rey Queijo na parroquia de Torás (estaba situado na actual Avenida Doutor López Astray) e do de Felicísimo Pombo Souto na de Golmar, negocios nos que traballaban 5 operarios en ámbolos dous.

    De todos estos serradoiros, e dos que empezaron a funcionar posteriormente, falaremos de xeito pormenorizado no futuro nestas Crónicas da Laracha.

__________

1 Uxío Carreo Aldao (1980): Geografía General del Reino de Galicia, dirigida por F. Carreras y Candi, Volumen VI, La Coruña, Tomo 3º, Ediciones Gallegas, S.A., A Coruña, páx. 184.

2 Ibídem, páx. 173.

3 Ibídem, páx. 174..

4 La Voz de Galicia, 4 de maio de 1941, páx. 7.

5 El Orzán, 18 de xaneiro de 1930, páx. 2.

6 Peza de certos mecanismos, en forma de barra, articulada con dúas pezas móbiles nos extremos, entre as que transmite un movemento, que pode transformar de rectilíneo alternativo en circular, ou viceversa.

7 Salvador Parga Pondal (2010): Comarca natural de Bergantiños, Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Bergantiños, A Camposa, Buño, Malpica de Bergantiños, A Coruña.

8 Parga Pondal trabucouse nun apelido xa que na realidade era José Regueira Gayoso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario