Pouco
faltou para que o que hoxe é o aeroporto de Alvedro se situase en
terreos das parroquias de Lestón e de Torás pois, antes de acordar que o aeródromo da Coruña se construíra
finalmente no municipio de Culleredo, realizáranse outros
anteproxectos con outras alternativas: Arteixo, a ría do Burgo,
Betanzos, as marismas de Baldaio e… A Laracha. Mais
finalmente, nun Consello de Ministros celebrado o 11 de setembro de
1953 no Pazo de Meirás, en Sada, o goberno de Franco escollería
Alvedro dándolle luz verde definitiva ao anteproxecto deste
aeroporto.
|
Zona da Laracha na que se realizou un estudo para o emprazamento do aeroporto da Coruña
|
O
historiador Manuel Fiaño Sánchez relata as crónicas das xestións,
proxectos e trámites realizados para que a cidade herculina
conseguise o tan ansiado aeroporto, no artigo “El
aeropuerto de Alvedro: crónica de una aspiración coruñesa”,
publicado no 2012 no volume 35 do prestixioso Anuario Brigantino e
no que Fiaño lembra, entre outros detalles de interese que as
primeiras aterraxes de avións na Coruña producíronse en
xullo de 1926 na praia de Santa Cristina: nove avións militares de
escuadrillas en prácticas Yokker
e Havillard, un deles
pilotado polo coruñés Félix Bermúdez de Castro, e
que posteriormente, en espera dun aeroporto terrestre, tamén
aterrizaba de cando en vez algún hidroavión no porto coruñés.
Os
primeiros pasos para que A Coruña tivese o seu aeroporto dábanse a
finais de 1930. O departamento de arquitectura do concello
herculino, co arquitecto Pedro Mariño á fronte, daba o seu visto e
prace a un “Plano
de las inmediaciones de Arteijo para estudio de un campo de
aviación”,
que era unha obra elaborada
por especialistas do “Cuerpo
de E.M. del Ejército” e
estaba asinado polo tenente coronel de E.M. da comisión geográfica
de Galicia.
O lugar escollido do municipio arteixán para levar a cabo o proxecto
era a situación
actual do Polígono Industrial
de Sabón, proxecto que finalmente non se desenvolvería, se cadra
polo falecemento de Pedro Mariño, morto en 1931.
|
Plano do proxecto para construir un campo de aviación en Arteixo (Revista La Coruña, Historia y Turismo, 2006)
|
Paralelamente
ás aspiracións herculinas do seu aeródromo, en 1932 creábase na
urbe coruñesa o Club de Vuelos sin Motor, posteriormente
denominado Aero Popular
Coruña, que eran un grupo de apaixoados do voo que construían eles
mesmos
os seus propios aparatos nun local situado fronte ao antigo campo de
Riazor. Certo tempo despois,
a Dirección General de Aeronáutica Civil doaría un planeador e o
clube realizaría voos duns segundos na
praia de Alba, en Arteixo, preto
da zona donde estivera proxectado o primeiro aeroporto da Coruña.
En
1936 a Cámara do Comercio solicitáballe ao goberno local un
aeroporto e envíalle un proxecto do enxeñeiro municipal
da Coruña, Eduardo Vila
Fano, que tiña en mente
crear un aeródromo en plena
ría coruñesa, entre a ponte do
Burgo e a
Ponte Pasaxe, proxecto para o que era necesario desecar os terreos
pantanosos situados ao
borde da ría. O plan presentárase na Dirección General del Aire e
o xeneral xefe informaría favorablemente, aínda que dicía que era
apto para o tráfico civil mais que tiña “deficiencias” para o
uso militar. Chegaríase a andar na procura dos titulares dos terreos
e ata se pensara nunha subscrición
popular, mais logo houbera posturas en
contra, xa que había quen
propoñía a ría de Betanzos como alternativa e, finalmente, o plan
sería desbotado.
Unha
vez rematada a Guerra Civil, a aspiración coruñesa de poder contar
cun aeroporto empezaría a dar pequenos pasos para a súa
consecución. Para tal fin, a
corporación herculina, presidida naquela hora polo
alcalde José Perez-Ardá,
aprobaba en sesión
plenaria
celebrada o día 6 de decembro de 1943, un orzamento
extraordinario
no que se contemplaban partidas de gastos por un importe de tres
millóns das antigas pesetas, destinados a obras e adquisición de
terreos para o ansiado campo de aviación. Sería
aí cando unha comisión de
técnicos do concello coruñés
entre os que se atopaba Vila Fano, o autor do proxecto na ría do
Burgo e que ascendera a alto
cargo franquista coma conselleiro inspector do Corpo de Enxeñeiros
de Camiños, Canles e Portos, empezaría
a realizar estudos de
posibles emprazamentos, estudos
que darían como resultado final a proposición de tres localizacións
para o futuro aeroporto: A
Laracha, Alvedro e
Baldaio.
Uns
meses despois, o 22 de marzo de 1945, o alcalde da Coruña, Eduardo
Ozores, convocaba en María
Pita unha xuntanza coas autoridades e forzas representativas
coruñesas co fin de tratar o tema da construción do tan demandado
aeródromo. Á
devandita
xuntanza, presidida polo gobernador
civil,
asistirían, ademais do propio alcalde,
o presidente
da Deputación; o presidente
da Cámara da Propiedade; representantes da Jefatura Provincial del
Movimiento; Cámara do Comercio; Sociedades de Recreo e diversos
concelleiros, entre outras autoridades. A xuntanza tiña como fin
saber a contía
das achegas
que cada
organismo ou entidade estaría disposto a conceder para afrontar a
construción, xa que o Concello da Coruña, a pesar de consignar tres
millóns de pesetas nun orzamento
extraordinario, non podía facer fronte por si só ao proxecto.
Os
responsables municipais herculinos consideraban idóneo o
emprazamento da Laracha,
a 22 quilómetros da capital, argumentando que as características do
terreo farían menor o custe do proxecto. O Concello coruñés
obtivera autorización para que o enxeñeiro
do Servizo
de Obras da Rexión Aérea Atlántica, destacado en Santiago, Jaime
Rosselló, fixera o anteproxecto sobre os datos topográficos obtidos
polo persoal municipal. O plano elaborado prevía a construcción de
catro pistas: unha de 2.000 metros de longo por 300 de ancho; outra
de 1.700 metros por 250; outra de 1.250 por 300; e a cuarta de 1.350
metros de longo por 300 metros de ancho. A
superficie total das pistas era de 122 ha e
o total a expropiar aproximadamente, de 180 ha. O movemento
de terras que supoñía o dito emprazamento da Laracha andaba
preto
de 1.400.000 m³, e só o orzamento
necesario para este movemento de terras acadaría a cifra de 30
millóns de pesetas. O xornal
El Ideal Gallego
comentaba na súa edición do
23 de marzo de 1945 que “(…)
la pista principal tiene las dimensiones mayores que se exigen para
que sea de interés nacional, aunque algo más pequeñas para que se
le considere de interés intercontinental. Desde luego, dadas sus
dimensiones, sería el Aeropuerto de mayor importancia de Galicia
(...)”.
|
Panorámica actual de Lestón, unha das zonas de emprezamento do aeroporto da Laracha
|
En
xuño de 1945 o anteproxecto, redactado nas oficinas do destacamento
do Servizo
de Obras de Lavacolla,
sería remitido á Xefatura da Rexión Aérea Atlántica de
Valladolid. Eran os primeiros pasos do aeroporto da Coruña:
atopárase o lugar adecuado para as instalacións, conseguírase a
tramitación do anteproxecto e consignárase nos orzamentos
municipais unha cantidade que permitiría principiar as obras na
Laracha.
Deste xeito, o alcalde coruñés non tardaría en recibir en María
Pita o Ministro do Aire, Eduardo
González Gallarza, a quen
lle pediría garantías de
que se incluiría o proxecto do aeródromo herculino dentro do Plan
Nacional de Aeropuertos do réxime franquista. Mais, o 24 de xullo de
1946, o ministro, acompañado polo alcalde, varios técnicos e
responsables ministeriais, realizaban unha visita aos terreos
escollidos na Laracha, nas
parroquias de Torás (zona do campo de fútbol, Vilasuso, Mirón, etc.) e Lestón,
e
concluíron
que estes
non eran axeitados para instalar neles o aeroporto, á vista dos
movementos de terra que era preciso realizar e o elevado custe da
explanación necesaria, así como polos prexuízos aos habitantes
laracheses coas expropiacións, ademais da distancia de 22
quilómetros
que o separaba da Coruña.
|
El Progreso, 25 de xullo de 1946 |
|
|
|
|
|
|
La Voz de Galicia, 25 de xullo de 1946
|
|
Na imaxe central vemos ao Ministro do Aire na Laracha (La Voz de Galicia, 25 de xullo de 1946)
|
Coa
chegada á Alcaldía de Alfonso Molina en 1947, a
vella aspiración de que A Coruña contara cun aeroporto ía adquirir
un empurrón considerable. En xaneiro do 1948
a Dirección General de Aeropuertos ordena
a redacción do anteproxecto de aeroporto na zona de Alvedro, a nove
quilómetros da urbe coruñesa, a instancias do concello, quen se
ofrece a realizar o levantamento topográfico para o seu estudo e
redacción. Os topógrafos Lino Martínez-Ordóñez Calvo e o seu
fillo Lino Martínez-Ordóñez Buján, serían os encargados de
confeccionar un levantamento taquimétrico da zona. O encargado da
redacción do anteproxecto sería José Farias Márquez, comandante
do Cuerpo de Armamento y Construcción, destinado na Coruña e que
tamén colaboraba co concello coruñés nos traballos de urbanización
da cidade. O anteproxecto sería remitido á Dirección General de
Aeropuertos en outubro de 1950, despois de sucesivas modificacións
na redacción primitiva, anteproxecto no que se consideraban dúas
bandas de pista: unha de 1.025 metros de lonxitude e 300 metros de
anchura e, outra de 780 metros de lonxitude e 150 metros de ancho. O
seu orzamento
superaba os 37 millóns de pesetas.
Tamén,
en xaneiro de 1948, o litoral
do Concello de Carballo entraría en escena ao ordearse a redacción
do anteproxecto de aeroporto nas marismas de Baldaio. José
Farias, que tamén sería o
enxeñeiro aeronáutico encargado da súa redacción, estudaba varias
solucións con diversas variantes: unha primeira con dúas pistas e
numerosas solucións parciais, e outra segunda coa construción dunha
única pista situada sobre as marismas. As pistas serían en
dirección E-O e NE-SO, e
proxectábanse
para elas as dimensións seguintes: 1.800 e 1.500 metros, de
lonxitude respectivamente, con 250 metros de anchura en ambas. O
orzamento
acadaba os 125 millóns de pesetas na solución das dúas pistas e 60
millóns na solución dunha soa pista.
De
todos os emprazamentos estudados, en María Pita defendían ante o
Ministerio o de Alvedro por ser máis alcanzable
a unha inmediata realización e, desde o punto de vista comercial,
máis interesante. Nunha carta que Alfonso Molina dirixe ao Ministro
do Aire, o alcalde herculino decántase claramente pola localización
en Alvedro argumentando que (...)
el lugar de Baldayo, si bien dista 27 Kms. de
esta ciudad de La Coruña y la construcción del aeropuerto sería en
él un tanto elevada, tiene la ventaja de su proximidad al mar, y el
lugar de emplazamiento (playa de seis kms. de longitud)
proporcionaría condiciones excepcionales para los vuelos
transoceánicos, constituyendo un aeropuerto de costa inmejorable,
sin nieblas de altura, tan frecuentes en Galicia. Sus obras, aunque
de elevada cuantía como las de todos los aeródromos, son
técnicamente posibles y ventajosas en el plan económico (…).
El aeropuerto de Alvedro, que se situaría a cinco kms. de La Coruña
(…)
cuyas características, de menor importancia que el de Baldayo, daba
un coste que no llegaba a 30.000.000 de pesetas. Es más asequible a
una inmediata realización, y desde el punto de vista comercial más
interesante a esta ciudad de la Coruña (…).
Mais
o xefe
do
Servizo
de Obras do
Sector Aéreo de Galicia, Francisco Iglesias Brage, un
famoso aviador
ferrolán que tiña
conseguido grandes marcas de voos de longa distancia,
afirmaba que o anteproxecto de Alvedro (…)
demuestra que ese
emplazamiento y los propios terrenos señalados por el propio
Alcalde, es inservible como aeropuerto (…).
El movimiento de tierras llega casi al millón de metros cúbicos con
un 40% de roca, y el presupuesto correspondiente alcanza según
Farias, 27 millones de pesetas, pero hay que calcular bastantes más
pues el precio que ha puesto el metro cúbico de desmonte (21
pesetas) está muy por lo bajo de la realidad con esa proporción de
roca, debiendo aumentarse hasta 27. De dicho presupuesto casi 10
millones se los llevaría la expropiación y pago de las casas que
había que derribar. Todo esto para obtener solamente dos pistas, una
de 900 metros y otra de 650. Creo que con estos datos a la vista
puede desecharse de
antemano este lugar como posible aeropuerto (…).
Iglesias
Brage seguía considerando como lugar idóneo para a futura
instalación aeroportuaria a praia de Baldaio, mais Alfonso Molina, o
alcalde herculino, xa se decantara por Alvedro e iniciaría xestións
directamente co Ministerio do Aire, feito polo que Iglesias Brage
queixábase nos medios afirmando que (…)
el alcalde de La Coruña, que en este asunto hace lo que le parece y
pretende saltarse a esta Jefatura, ha ido a Madrid con uno de los
ejemplares que le entregó Farias (que trabajaba a sus órdenes en el
Ayuntamiento como ingeniero contratado), y supongo lleva la
pretensión de entregarlo personalmente al Ministro para conseguir
una decisión favorable, que en este caso sería, a mi juicio,
improcedente (…).
Pola
súa banda, o enxeñeiro Vila Fano, redactor do primeiro proxecto de
aeroporto na Ría do Burgo, sostiña que A
Laracha era o único
emprazamento viable para o aeródromo coruñés, e
defendía o anteproxecto
redactado en 1945 polo enxeñeiro Jaime Roselló.
|
Revista "Empresa". A Coruña, 1950, nº 23.
|
Naqueles
momentos,
anos duros
anos de posguerra, as prioridades do Estado eran rematar os
aeródromos que se atopaban en construción, sobre todo os nacionais
e internacionais. Ademais o Ministerio consideraba que o aeroporto de
Santiago de Compostela xunto cos aeródromos de Lugo e Guitiriz, o de
Vigo (en construción) e o acondicionamento dunha zona da Lanzada (A
Toxa), como alternativa aos anteriores en casos de mal tempo,
resolvían o problema das comunicacións aéreas en
Galicia nunha primeira fase.
Aínda así, os responsables ministeriais
apuntaban que (…)
si los organismos y entidades de esa Capital cuentan con recursos
suficientes para llevar a cabo desde ahora la construcción por su
cuenta de un aeropuerto próximo a la misma, este Ministerio les
prestaría toda la ayuda técnica necesaria (…).
Dende
María Pita chégase á convicción
de que se o Estado non
pode acometer a construción do aeroporto, a cidade tería que chegar
a el
polos seus propios medios. Insístese na preferencia polo lugar de
Alvedro para o seu emprazamento e solicítase ao Ministerio que emita
un informe ao respecto como paso
previo a fixar as achegas
que poderían facer os distintos organismos e entidades locais. Como
consecuencia disto, a finais de 1950 o alcalde Alfonso Molina dá
conta á Comisión Permanente do informe favorable emitido polo
Ministerio respecto aos estudos realizados para a construción do
aeroporto en Alvedro. Mais a Comisión, dada a trascendencia da obra,
consideraba que sería conveniente que antes de escoller o seu
emprazamento definitivo se estudaran do mesmo xeito que se fixera con
Alvedro os datos relativos aos da
Laracha
e Baldaio, para ver cal deles conviña máis aos intereses da cidade
herculina.
En
febreiro de 1951 reuníanse no Goberno Civil, a Xunta de Autoridades,
presidida polo gobernador,
Rafael Hierro
Martínez, na que o enxeñeiro Iglesias Brage, o gran defensor da
opción de Baldaio, realiza unha exposición sobre as posibilidades e
dificultades que ofrecía cada un dos emprazamentos estudados.
Posteriormente habería unha nova xuntanza, á que serían convocados
o alcalde herculino, o presidente da Deputación provincial, o da
Cámara de Comercio, o da Xunta de Obras do Porto, o delegado
provincial de sindicatos
e representacións da banca privada e dos sindicatos
de hostalería
e de transportes,
para decidir finalmente o lugar para a localización
do aeroporto, tendo en conta a distancia que os separaba da Coruña,
dimensións das posibles pistas e custe da súa construción. Nesta
xuntanza tamén se determinarían
as cantidades con que cada organismo ía subvencionar o proxecto, co
fin de cooperar co Ministerio do Aire na
súa realización.
Pois
ben, naquela xuntanza, determinaríase que as marismas de Baldaio era
o lugar menos apropiado para a
situación do ansiado
aeroporto. Había que decidirse entre
A Laracha e Alvedro. É
aí cando entra
en escena o enxeñeiro coruñés Luciano Yordi de
Carricarte, que defendía
publicamente Alvedro por estar só a oito quilómetros da Coruña
fronte aos vintetrés da Laracha
e por ser “una
zona sin nieblas” que
facilitaría as operacións, aínda que admitía que tería un custe
maior por mor das expropiacións. Yordi
de Carricarte ía máis aló nas súas consideracións e aventurábase
en sinalar un prazo de execución de vintecatro meses e un orzamento
total de 26 millóns de pesetas, e
defendía
a construción dun aeroporto de tipo medio, ao estilo dos existentes
en Brunswick (Xeorxia,
Estados Unidos) ou o 17 de Octubre de Buenos
Aires.
Fronte
á problemática da situación
definitiva na Laracha
ou en Alvedro, desataríase unha defensa pública do emprazamento en
Culleredo
non só por parte de Luciano
Yordi de Carricarte e de Alfonso Molina, senón tamén do xornal La
Voz de Galicia, que se
convirtiría no motor principal desa defensa ao
levar durante varios días ás
súas páxinas diversas entrevistas con distintas personalidades da
vida pública coruñesa. Baixo o epígrafe “El aeródromo coruñés.
Opinan diversas personalidades”, o xornal dera voz a persoeiros
como o vicepresidente
de Obras do Porto, o presidente
da Zona Industrial, o presidente
do Gremio de Armadores de Pesca ou, entre outros, o xefe
da Delegación de Industria, persoeiros que consideraban de vital
importancia a construción do aeroporto e que estaban convencidos de
que o emprazamento en Alvedro, dada a súa proximidade xeográfica á
cidade coruñesa, era fundamental.
Yordi
de Carricarte e o arquitecto Jacobo Rodríguez-Losada
Trulock, redactarían o proxecto de aeroporto para Alvedro en 1952 ao
gobernador
civil
e logo o Ministerio do Aire daríalle luz verde, e
aprobaríase definitivamente
no Consello de Ministros que o Goberno de Franco celebrara no Pazo de
Meirás o 11 de setembro de 1953, Consello que ademais de dar o seu
visto e prace
ao anteproxecto, aceptaba as achegas
realizadas pola Deputación,
Concello, Cámara do Comercio, Goberno Civil e banca privada,
entidades que
serían quen de xuntar
catorce millóns de pesetas para iniciar as obras.
En
xullo de 1954, entrarían as primeiras máquinas en Alvedro,
maquinaría que botaría case
nove anos traballando na súa construción
e, unha vez rematadas as
obras, o aeroporto abriríase
ao tráfico aéreo civil estatal o 25 de maio dese ano 63, día da
súa inauguración oficial e
no que chegaba o primeiro avión comercial desde Madrid, primeiro voo
que operara a compañía Aviaco. O
alcalde Alfonso Molina non chegou a ver o aeroporto rematado, xa que
finaría en Río de Janeiro en 1958.
|
Aeroporto de Alvedro na década de 1960, unha imaxe que pouco faltou para poder vela na Laracha
|
|
Inauguración do aeroporto de Alvedro (Alberto Martí Villardefrancos)
|
Así
pois, pouco lle faltou á
Laracha para ter o seu
aeroporto!
FONTES:
FIAÑO
SÁNCHEZ, MANUEL (2012): "El aeropuerto de Alvedro: Crónica de
una aspiración coruñesa". Anuario Brigantino 2012, nº 35.
MACEIRAS
RODRÍGUEZ, XABIER (2027): Contos mariños de Carballo, “O
aeroporto das Marismas”, Concello de Carballo.
PADÍN
PANIZO, ÁNGEL (2006): "Hace setenta y cinco años A Coruña
presentó su primer proyecto para construír un aeropuerto en
Arteixo". Revista "La Coruña, historia y turismo".
2006
______