martes, 28 de febreiro de 2023

MONCHO DE BELLO, O GAITEIRO DA GANDUMA

  A Ganduma, na parroquia de Lestón, foi o lugar no que veu ao mundo en 1936 Ramón Bello Cotelo, 'Moncho de Bello', un dos gaiteiros que amenizou coa súa música algún que outro baile da Laracha de antano. 

   O noso protagonista tiña dúas irmás, Hermelinda, falecida en 2017 aos 92 anos de idade, e Chucha, que non lembra o momento no que Moncho empezou a tocar a gaita. “Só recordo que ía moito pola zona de Golmar”, dixo.

   Precisamente en Golmar foi onde o gaiteiro da Ganduma coñeceu a súa futura dona, Élida Puente García, unha muller coa que conversamos en febreiro de 2023. Na compaña de súa filla Mari Carmen e ao carón do lume da lareira do seu domicilio de Fofelle, Élida rememoraba con humor, e con certa retranca, a primeira vez que viu a Moncho. “Xa non recordo ben se foi na Rocha ou en Fragoso. Cando o coñecín xa era gaiteiro, xa tocaba… e aínda tocaba máis se poidera (risas). En Fragoso tocaba de cando en vez na casa de Aurelia. Recordo que nunha ocasión dixérame unha veciña:

-Élida, ves ao baile?

A nai desta amiga sempre ía con ela, nunca a deixaba ir soa. Eu adoecía por ir bailar e pregunteille a miña avoa, que foi quen me criou, se me deixaba ir.

-Non te deixo ir, non. Aínda non che caeu a casca do cu-, dixo ela.

Eu choraba como unha descosida, chorei sete chorares. As outras mozas foron ao baile e eu quedei na casa”.

 

Moncho de Bello e a súa muller Élida Puente (Cortesía da familia)

    A señora Élida tamén nos falou doutra ocasión na que fora a un baile, desta volta co permiso de súa avoa, no que tocaba Moncho. “Nós aínda non nos coñeciamos. Eu ía bailar como todas as mozas e aquel creu que foi o día no que me empezou a gustar (risas)… bueno, ese ou outro día, xa non recordo ben (risas). O caso é que o baile facíase nun alpendre dos de Nieves de Mendes1, no lugar da Rocha, raiando coa parroquia de Soutullo. Eran grandes labradores e o alpendre tíñano arrendado. Alí xuntábase a xente nas fiadas do liño e rifábanse roscas, laranxas… e cos cartos das rifas facíase baile co gaiteiro da Ganduma, que viña dende aló a través dos montes. Aquilo debeu ser sobre o ano 1953, e ao pouco o gaiteiro a máis eu (risas) empezamos a mocear. Falamos durante nove anos, ata que nos casamos en 1962”.

    Durante o noivado, ao tempo que Élida facía uns pesiños na de Dubra de Golmar, onde traballou como criada durante dezaseis anos, ata a véspera do día do seu casamento, Moncho cumpre o servizo militar en África e, unha vez licenciado, empeza a gañar a vida como tratante de gando.

    A gaita foi a súa inseparable compañeira durante toda a súa xuventude, tocando muiñeiras e xotas en Golmar, Soutullo ou en lugares como na casa da Trapeira de Gabenlle, onde de seguro que coincidiu non poucas veces con Segismundo Regueira, 'Segís', grande músico do lugar do que xa temos falado neste espazo. Xosé Collazo, sobriño de Segismundo, contounos que “a Trapeira chamábase Generosa. Era xornaleira e tiña unha tenda na casa, algo de ultramarinos. O seu home, Jesús “O Trapeiro”, oriundo da aldea de A Viña, na parroquia de Vilaño, era comprador de madeira e seica era un fenómeno cubicando”.

    Outro dos lugares nos que tamén tocaba Moncho nesa época era na taberna de Tuset das Rañeiras que rexentaban Eladio e Carmiña ao carón da estrada de Carballo, xusto na entrada do camiño que vai á igrexa de Lestón. A súa filla Mela, nena nos anos 50, recorda que polo fin de ano na nosa taberna xuntábase moita xente e viña sempre Moncho de Bello, que tocaba moi ben a gaita”.

    E así chegamos a 1962, ano no que casaron Moncho e Élida. Tras darse o “si quero”, a parella vive durante un tempo na Ganduma coa avoa de Moncho, ata que uns anos despois deciden comprarlle a Pepe de Morales unha casa en Fofelle, que se ía converter no niño familiar e o lugar no que ían nacer Mari Carmen e Francisco Bello Puente, os dous fillos do matrimonio.

    Como a gaita pouco ou nada daba de comer, ao casar, Moncho de Bello deixa de tocar nos lugares do municipio onde o fixera habitualmente de solteiro. A partir desta época, xa só bota unhas pezas polo Antroido en Fofelle, cando a veciñanza aínda se disfrazaba, polo San Xoán, ou nas xuntanzas familiares nas que Moncho, festixeiro coma poucos, era moi feliz vendo a súa casa chea de xente.

    Facía un pouco de todo. Era matachín e mesmo fora barbeiro no servizo militar. Mais a vida gañábaa nunha das profesións da época, a de tratante de gando, que eran uns profesionais que se encargaban de ir polas casas para comprar animais vacúns, especialmente cuxos, cos que despois negociaban. En Paiosaco, cando se levaba o gando a vender á feira había moitos tratantes, un deles Moncho de Bello, “que eran doados de identificar polas súas características: home falador e bo conservador, fumador (máis de farias), con mandilón de dril gris ou negro, boina ou sombreiro, bastón… e coa carteira chea de billetes… Antes os tratantes eran case como hoxe un avogado. Ademais, tiñan a fama de que eran ricos aínda que non tivesen nada...2

 

Moncho e Élida co gando en Fofelle (Cortesía da familia)

    Mari Carmen, a filla de Moncho, recordaba que “co tema do gando, o oficio de meu pai de tratante levábao ás veces a Asturias, a León ou a Santiago, a onde ía todos os xoves. O seu traballo non lle daba moitos cartos pero era do que vivía. Antes de xubilarse, como non tiña o suficiente cotizado, traballou na construción cun curmán durante seis o sete meses”.

    Polo que nos contou a súa familia, seica a gaita coa que tocara na súa xuventude regaloulla a un sobriño xa falecido. Despois comprou outra, que era coa que amenizaba as ruadas de Fofelle e que lle acabou vendendo a un paisano da parroquia de Lestón.

    Ramón Bello Cotelo, o popular Moncho de Bello, faleceu o 30 de novembro de 2012 aos 76 anos de idade. O seu espíritu, abofé que segue estando moi presente en todo o municipio da Laracha.

    Bótalle unha dende o alén, Moncho!

  ______________

1 Curiosamente, Nieves de Mendes era a avoa de José María, o home de Mari Carmen, a filla maior de Moncho e Élida.

2 Vid. Manuel Rodríguez López & Manuel 'Coque' Pazos Crespo (2011): Paiosaco en imaxes: dos corenta aos setenta. Concello da Laracha, páx. 167.

mércores, 22 de febreiro de 2023

CARLOS VARELA, UN LARACHÉS NA CHAMPIONS LEAGUE

  Eusebio e Amparo foron unha das miles de parellas galegas que, naqueles “tempos incestuosos”, como dicía o poeta Manuel María, víronse na obriga de facer a maleta da emigración para mellorar a súa economía doméstica. O matrimonio abandonaba o seu domicilio da Laracha nos primeiros anos 70 para principiar unha nova vida na cidade suíza de Xenebra, onde, o 15 de setembro de 1977, nacía o seu fillo Carlos.

  Pegado sempre a unha pelota dende moi cativo, o rapaz non tardou en demostrar que tiña unhas condicións innatas para a práctica do fútbol, que o levarían a ingresar, aos 12 anos, nas categorías inferiores do Servette.

    Un lustro máis tarde, con 17 anos e sendo aínda xuvenil, Carlos Varela asina o seu primeiro contrato profesional ao pasar ao primeiro equipo, no cal milita ata 1998. Unha cesión de seis meses no Basilea daría paso a unha nova tempada co Servette de Xenebra e, posteriormente, volve defender a camiseta azulgrana do Basilea, cores que ao parecer foron as que inspiraron a Joan Gamper, o fundador do F.C. Barcelona, á hora de escoller uniforme para o conxunto catalán.

    Con este conxunto helvético o fillo de Eusebio e de Amparo proclámase campión da Superliga suíza na tempada 2001/02 e tamén das edicións da Copa dos anos 2002 e 2003 e, ademais, participa na Champions League 2002/03, na que o Basilea fora unha das grandes sorpresas da fase inicial da competición continental ao clasificarse para a seguinte rolda como subcampión do seu grupo, detrás do Valencia e por diante do Liverpool e do Spartak de Moscova. Na segunda fase de grupos, os helvéticos quedaron emparellados co Manchester United, Juventus e o equipo da terra de seus pais: o R.C. Deportivo da Coruña. Herculinos e suízos ían ser os conxuntos eliminados daquel grupo no que, para o recordo de Carlos, vai quedar sempre gravado o emotivo enfrontamento que disputou co seu equipo no estadio de Riazor o día 25 de febreiro de 2003. 

 

Carlos Varela na súa etapa no Basilea (gallery.fcb.ch)

   Horas antes daquel choque, o larachés admitía na rolda de prensa que vou sentir a emoción máis grande da miña vida na miña terra e ante a miña familia”. Rematada a comparecencia ante os medios de comunicación, o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, entregáballe a Carlos unha placa que o recoñecía como o primeiro fillo de emigrantes do municipio que participaba na Champions, un futbolista que ao día seguinte xogaba de volante dereito contra o equipo dos seus amores, no estadio que máis quería e, por riba, marcou ao seu ídolo Fran nun partido que o cadro local se impuxo por 1-0, gol de Diego Tristán.

 

Deporte Campeón, 25 de febreiro de 2003

    Na súa estadía no Basilea, o larachés tamén tivo a oportunidade de debutar coa selección helvética, mais, como admitiría como paso dos anos: ”Nunca me fixo ilusión xogar coa camiseta suíza”, algo que por exemplo si faría Ricardo Cabanas, familiar dos propietarios da “Parrillada Cabanas” de Larín, que estivo presente co conxunto centroeuropeo no Mundial de Alemaña de 2006, ou Loris Benito Souto, futbolista de Pastoriza (Arteixo) que disputou con Suíza a Eurocopa de 2021.

    Centrocampista rápido e talentoso, Varela era coñecido naquela altura polas súas explosións emocionais derivadas do seu forte carácter nos terreos de xogo, razón polo que recibiría o alcume de “l´enfant terrible do fútbol suízo”. O noso protagonista finaliza o seu vínculo co Basilea ao final da campaña 2002/03 e, posteriormente, xoga dúas tempadas no F.C. Aarau, catro no Young Boys de Berna e unha no Neuchatel Xamax. Despois de 15 anos xogando en todos os campionatos: Liga de Campións, UEFA, Intertoto, a Copa de Suíza e a Súper Liga suíza, chégalle a oportunidade de cambiar de aires e de continente, e decide cruzar o charco para disputar a MLS estadounidense formando parte do plantel do DC United de Washington, club no que permanece dende setembro ata decembro de 2010. A curta etapa americana daría paso á volta ao equipo no que iniciara a súa carreira, o Servette, que naquela hora estaba na Segunda pelexando por regresar á categoría de honra do fútbol helvético, obxectivo que ía lograr ao final da tempada coa axuda de Carlos Varela.

    Dun xeito un tanto surrealista, porque aínda tiña contrato por dous anos máis coa entidade de Xenebra, e a pesar de que o presidente quería que continuase, confiándolle incluso a dirección das categorías de base cun contrato a moi longo prazo, as discrepancias co adestrador do Servette levan ao larachés a rescindir o contrato co equipo no que se convertera en futbolista profesional case que dúas décadas antes. Tomada a decisión, Carlos recibe ofertas para continuar a súa carreira noutros lares, ofertas que lle chegan dende a propia Suíza, dos Estados Unidos, de Dubai e tamén de España. Esta última opción era a preferida para el e para a súa muller, outra filla da emigración, oriúnda da Coruña, xa que así podía estar cerca de seu pai Eusebio (a nai había unha década que falecera), que, despois de regresar da emigración, establecera de novo o seu domicilio na Laracha.

    Mais, finalmente, Varela optou pola oferta máis próxima, a do F.C. Wohlen, club da Segunda División suíza, co que asina por un ano, ata o final da tempada 2011/12. A súa estadía alí vai ser efémera, xa que as diferenzas co adestrador íano levar a rachar o contrato en outubro, só tres meses despois de estampar nel a súa sinatura. Uns días máis tarde, Carlos fichaba no F.C. Köniz, club do cantón de Berna da Promoción Liga 1, categoría equivalente á Segunda B española, no que permanece ata a campaña 2015/16, que foi cando puxo fin á súa carreira deportiva con 39 anos.

    Por se é do voso interese, a biografía de Carlos Varela, e a de outros futbolistas do municipio, forma parte de 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha, libro que contou coa colaboración dos dous concellos e que tedes ao voso dispor nas librarías da bisbarra. 

 

 
 
FONTES:
 
GARRIDO RIAL, SANTIAGO (2011): "Carlos Varela deja atrás 16 años en la élite suiza", La Voz de Galicia, 12 de agosto.

mércores, 15 de febreiro de 2023

LEMBRANZAS DA SEÑORA CELIA DE ESTRAMIL SOBRE A MATANZA DO PORCO


O que nunca tivo un porco,

e agora ten un porquiño,

anda sempre detrás del chamándolle

'Quino, Quino, Quino' ”

 

   Desde a punta do rabo ata o fociño, do porco aproveitase todo. O rendemento destos animais é enorme. Ata non hai moito, en cada casa da bisbarra había un ou dous cochos que se cebaban durante todo o ano, segundo as posibilidades de cada familia, ata a hora da matanza. De aqueles tempos falamos recentemente coa señora Celia de Estramil, nacida en Lendo en 1934, unha muller que nos atendeu no seu domicilio de Torás coa maior das amabilidades na compaña da súa familia.

   Antano, parte da carne deste animal comíase fresca, mentres que as pezas restantes curábanse ou almaceábanse conservadas en sal, nos chamados baños ou bañóns de sal, para consumir durante todo o ano.

   A señora Celia de Estramil recorda que no noso lugar o cocho matábase polo Antroido, porque claro, era a mellor época do ano para salar a carne xa que antes non había conxeladores nin neveiras… non había nada. O cocho se cadra xa se compraba pouco antes de matar o máis vello, e se non era así, comprábase ao domingo seguinte que houbera feira en Peisaco despois da matanza. O cocho criábase todo o ano, e cando se mataba pesaba dous centos quilos, ou dous centos e pico, e podía medir trece cuartas de largo. A matanza xa se organizaba días antes. Poñíase tal ou cal día, por exemplo o sábado do Antroido e na mesma semana mataban en todas as casas. E se podían matar todos nun día, pois xa aproveitaban”.

 

A señora Celia de Estramil ao carón da lareira (Cortesía da súa familia)

   Nos días máis fríos do ano, tal e como recorda a señora Celia, chegaba, pois, o tempo dunha das faenas máis agardadas do calendario agrícola: a matanza. Cun cento de tarefas asociadas, nenos e maiores participaban nese ritual extraordinariamente arraigado en toda a xeografía galega. Familiares, veciños e amigos xuntábanse para participar na labor, que se convertía prácticamente nunha festa.

  O día de San Martiño (11 de novembro) simboliza en certo modo a entrada do inverno, e marcaba o inicio da época de matanzas, xa que o frío favorecía a conservación da carne. Os nosos avós escollían a data de acordo cos influxos da Lúa. A tradición estimaba que no cuarto crecente, a carne aumentaba, mentres que no minguante disminuía. Tampouco se escollía un martes para a matanza, costume que recolle o noso refraneiro popular:

O martes non te cases, nin te embarques,

nin o teu porquiño mates”

   O encargado de dar morte ao animal era o matachín. Veciño experimentado no oficio, na aldea tiña case carácter de especialista, e en todas as parroquias alomenos había un. Os quefaceres comezaban coas primeiras horas do día, cando o grupo se xuntaba na casa para ultimar o dispositivo necesario e tomar o oportuno “tóspiro” de caña que permitía empezar con ímpeto a dura xornada. A señora Celia recorda que “se xuntaban catro homes para termar do cocho a máis o matachín, e habitualmente había unha muller para remexer o sangue no caldeiro. Para que non callara, había que remexelo ata que enfriara para facer despois as morcillas. Ese era un dos traballos das mulleres.”

   Morto o animal, queimábase a pelaxe (ao principio con palla e co andar dos anos cun soprete) e posteriomente botábase auga fervendo antes de que o matachín procedera a abrir o abdome do porco. Traballos posteriores eran o desentretiñado e o lavado de tripas, que acostumaban a realizar as mulleres no río. “As tripas gordas -recorda a señora Celia- eran para as morcillas. Había que lavalas ben, quitarlle ben toda a porquería de dentro e despois había que viralas do revés. Lavábanse nun río onde houbera boa corrente para encher as tripas de auga e limpalas ben. Nós iamos a un río que había aquí vindo para O Escurido, o río Bordel. Na nosa casa, se non se utilizaban para morcillas, facíase con elas un guiso de tripas. Coas outras, as delgadas, facíanse os chourizos. Habíaas que lavar tamén moi ben e logo viralas do revés. Despois collías a tripa envoltiña e cortábala en anacos para encher os chourizos. Antes disto, o que se facía era pasarlle unha variña de vime dobrada para limpar outra vez. Esto facíase porque se non quedaba como outra pelexa por dentro. E cando a pel de fora da tripa quedaba coma un papel de fumar, pois xa era cando enchiamos os chourizos”.

 

Imaxe dunha matanza realizada nos anos 70 no domicilio do autor desta crónica

    Realizado o desentretiñado, o cocho permanecía colgado dunha viga do pendello durante toda unha noite. Ao día seguinte, na segunda xornada da matanza, pola mañán procedíase ao despece do animal para distribuír cada parte. As menos xa se consumían de forma inmediata, mentres que gran parte salgábase no bañón para ser provisión durante o resto do ano. Ese día, era tradición cociñar o fígado encebolado e os primeiros filetes de raxo.

   Pola tarde, chegaba o momento de salgar os xamóns, os lacóns, as soás ou espiñazo, as costelas e a cachola. Quilos e quilos de sal ocultaban na artesa a carne do porco, que se introducía adobado cun prebe de auga e allos. Vinte e un días máis tarde, parte das pezas retirábanse do bañón de sal para que se curaran ao aire.

   Mentres tanto, as mulleres encargábanse de elaborar a zorza (carne picada e adubada fundamentalmente con pemento doce e pemento picante, allo e sal), que se botaba nunha barreña para ir collendo o sabor dos condimentos. Este amoado constituía o primeiro paso para elaborar produtos de chacinaría como o chourizo, que as mulleres embutían nas tripas cando a zorza levaba un mínimo de catro días repousando.

   Despois, as restras colgábanse na lareira, onde se lles facía lume para que as secara e curara o fume. Outros embutidos caseiros eran a androlla, o butelo ou as morcillas. Durante ese día tamén se elaboraban os rixóns, ou roxóns, con distintas partes graxentas do porco.

   Da elaboración destos produtos a señora Celia recordaba que “as morcillas facíanse coa miga de barra ou pan duro; desfacíala ben e facíase unha masa coa sangue do porco e despois botabamos figos picados e uvas. A continuación enchíase a morcilla, pero claro, non a podías encher de todo porque a masa cocía e inchaba. Por iso había que encher unha pota grande con auga e poñíala a ferver cun pau enriba para colgar as morcillas. Ías mirando, e cando estaban cocidas, sacabas unhas e metías outras. E os chourizos… pois mira, cando desfacían o cocho, para salar quitábanselle os perniles, a pala, o raxo, os raxetes… os raxetes normalmente xa se picaban para a carne dos chourizos, os touciños… o touciño está por fora, pero despois por dentro teñen máis carne, que son as frebas dos rexóns; a mellor freba quitábase para os chourizos. Ademais, aínda se lle botaba algún touciño picado polo medio. E logo había que curalos na cheminea. Os chourizos daban moito moito choio. Primeiro facíase a masa coa carne ben picadiña, pemento picante, pemento doce, allo ben picado… e esa masa tíñase nove días nunha bañeira. Había que remexela e amasala todos os días. Despois dos nove días, enchíanse os chourizos e colgábanse en restras nuns paus nas chemineas. Cortábanse unhas pólas de loureiro e poñíanse enriba deles para que colleran bo olor. Eses chourizos sabían todo o ano, que os de agora non saben nada! Había que facerlles lume todos os días e mirar que non quentaran demais, que non pingaran, que se curaran por si sós. E cando xa estaban curados quitábanse da cheminea”.

 

Restras de chourizos nunha lareira ( https://margavp.files.wordpress.com/2011/01/p1030305.jpg?w=640&h=480 )

   A señora Celia de Estramil tamén recordaba que, canto máis gordo era o touciño máis contentas estaban as mulleres de aquela época. Se había moito touciño, había moita graxa, que era o aceite que utilizaban para facer de comer. “O aceite era moi caro e non se podía comprar. Cando se derretían os rexóns, a graxa botábase en olas de barro; en olas, que potas había poucas, e canta máis graxa se fixera máis contenta estaba a xente xa que con ela cociñábase todo o ano. Tamén se utilizaba o unto, pero ese era outra graxa diferente, era da parte de dentro da costilla, que se conservaba curada ou en sal, para facer o caldo. A graxa coa que se cociñaba era a que se gardaba nas olas de barro de cando se derretían os rexóns. Esta graxa utilizábase para fritir unhas patacas, para facer unha tortilla… era mellor esa graxa de antes que o aceite de agora porque os cochos mantíñanse todo o ano con verzas e fariña e faciasmolle un caldeiro de encaldada pola mañán, outro ao mediodía e outro á noite. Cando se collía o millo novo, empezabase a dar aos cochos millo, ao primeiro dábaselle menos, pero despois a cada paso dábaslle máis para que engordara… e así todos os días ata a matanza”.

  Diversos autores sinalan que o carácter festivo da matanza ten probablemente raíces históricas. Así, no pasado, os cristiáns convivían na Península Ibérica con pobos que rexeitaban a carne de porco. Por este motivo hai quen apunta que participar na festa da matanza era o equivalente a unha manifestación pública de fe.


FONTES

Rey Insua, Lucía (2006): Labregos, gandeiros e feirantes. Reencuentro con la Galicia rural. Gran biblioteca temática de Galicia. Ea Editorial.

 

mércores, 8 de febreiro de 2023

JOSÉ IGLESIAS VARELA, O EMPRESARIO LARACHÉS QUE FOI PRESIDENTE DO DEPORTIVO NOS ANOS 50

  Nestos malos tempos que corren para o R.C. Deportivo, que xa leva tres tempadas na terceira categoría do fútbol español, queremos recordar a figura de José Iglesias Varela, o único larachés que presidiu a entidade branquiazul ao longo da súa dilatada historia.

José Iglesias Varela (Cortesía da súa sobriña María Rodríguez Iglesias)

   José, Pepe para os seus amigos, nace no Cancelo de Abaixo, parroquia de Cabovilaño, o 24 de abril de 1914. Era fillo de Pedro Iglesias Graña, importante empresario do sector madereiro, e de Carmen Varela Sotelo, matrimonio que ademais do noso protagonista tamén foron pais de Mercedes, Santiago, Miguel, Pedro, María e Leonor. O proxenitor da ampla prole tiña aserradoiro no mesmo espazo que hoxe ocupa a estación de servizo San Marcos, a gasolineira do Grupo Valcarce que hai en Cabovilaño á man esquerda dirección a Carballo, negocio fundado por Leonor1 e o seu home Manuel Rodríguez e que actualmente xestiona Marcos, neto deste matrimonio.

 

Pedro Iglesias Graña e Carmen Varela Sotelo (Cortesía de María Rodríguez Iglesias)

    Pepe abandona o niño familiar moi novo e, sendo un buscavidas como sempre foi, non tarda en montar a súa propia empresa. Casa con M.ª del Pilar Naya Fernández, unha moza do lugar de Rorís (Armentón, Arteixo) coa que ten dous fillos: José e Pedro Iglesias Naya, nacidos respectivamente en 1937 e 1939.

    Nos anos corenta o noso protagonista xa é un un exitoso empresario madereiro, ramo no que seguía traballando seu pai e no que seus irmáns Santiago e Miguel tamén se gañan a vida no aserradoiro que tiñan en Queo de Abaixo (Bértoa, Carballo). Nesa época, sempre coa viveza dun emprendedor e coa iniciativa que sempre o caracterizou, Pepe Iglesias diversifica a súa actividade empresarial e adéntrase no sector mineiro. Segundo nos contou o seu fillo Pedro “as instalacións mineiras e madereiras lindaban habitualmente unhas con outras; tivo minas de volframio, estaño e titanio en Arteixo, Buño e Santa Comba e tamén traballou algo en Casaio (Carballeda de Valdeorras, Ourense). E máis tarde tivo mina de ferro en Cabreiros, cerca de Vilalba (Lugo)”.

    O volframio galego fora un mineral estratéxico durante a Segunda Guerra Mundial: en aliaxe co aceiro, elevaba o punto de fusión deste, permitindo unha maior capacidade de perforación a todo tipo de proxectís. As minas deste mineral íanse reactivar grazas á escalada bélica que se inicia coa Guerra de Corea (1950-1953), unha época na que José Iglesias Varela entrou a formar parte da xunta directiva do Deportivo.

    O equipo herculino rematara a tempada 52/53 no décimo cuarto posto da táboa clasificatoria de Primeira División, posición que obrigaba aos coruñeses a disputar unha liguiña de permanencia. Rafael Salgado Torres, presidente deportivista desde o 8 de decembro de 1952, ten a feliz idea de fichar a un dos adestradores máis revolucionarios da historia do fútbol, o mago Helenio Herrera, que sería quen de manter ao equipo en Primeira logo de gañar por 1-3 na derradeira xornada da liguiña ao Celta, nun partido xogado en Balaídos o 12 de xullo de 1953. Aquel día os coruñeses formaran con Acuña; Clemente, Rodolfo, Carlos; Zubieta, Tito Blanco; Corcuera, Osvaldo, Arsenio Iglesias, Moll e Tino. Días antes do trascendental partido final contra o once olívico, o doutor Antonio Martínez Rumbo sustituira a Rafael Salgado Torres na presidencia do Deportivo. Na nova xunta directiva, o larachés José Iglesias Varela ocupa o cargo de vicepresidente.

 

José Iglesias Varela e a súa muller María Naya Fernández (Cortesía da súa sobriña María Rodríguez Iglesias)

    Na tempada seguinte, a 1953/54, Pahiño ficha no cadro deportivista procedente do Real Madrid e xurde a figura de Luís Suárez, que debuta na máxima categoría do fútbol español ante o F.C. Barcelona. Os coruñeses serían sétimos na Liga e ao remate da campaña emprenden unha xira a Sudamérica, a primeira da súa historia. O presidente Martínez Rumbo vai á fronte da expedición. Na Coruña queda ao mando da nave branquiazul Iglesias Varela, que o 11 de agosto de 1954 releva a Martínez na presidencia do Deportivo. Curiosamente, nesa época había dous veciños de Cabovilaño na entidade deportivista: o presidente Iglesias e o dianteiro Moncho Regueira, de quen xa temos falado nestas Crónicas da Laracha (https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2021/12/ramon-regueira-ramos-o-vecino-de.html).

    Coas baixas de Moll e Luís Suárez, que asinaran co F.C. Barcelona, o Deportivo inicia a competición ligueira 54/55 en Riazor vencendo ao Hércules por 2-1. Adestra ao equipo Ángel Zubieta, que simultanea o seu cargo co de xogador. Nesta primeira tempada de Pepe Iglesias Varela na presidencia deportivista, que fora ratificada nunha asamblea extraordinaria celebrada en abril de 1955 onde “los concurrentes respondieron con una cerrada y prolongadísima salva de aplausos, que durante largo rato obligaron al señor Iglesias Varela a permanecer de pie antes de poder hacer uso de la palabra”2, o equipo ocupa de novo a sétima praza da táboa clasificatoria, unha tempada na que que destacan Pahiño, Bazán e Arsenio na dianteira anotando 18, 14 e 7 goles respectivamente. Tamén son destacables as actuacións baixo paus de Juan Ignacio Otero, compadre de Pepe Iglesias:

Ayer, en la iglesia parroquial de Santo Tomás recibió las aguas bautismales la recién nacida hija del guardameta deportivista Juan Ignacio Otero. La neófita, a la que se le impusieron los nombres de Isabel María Josefa, fué apadrinada por el presidente del R. C. Deportivo, D. José Iglesias Varela, y señora, doña María Naya. Con tan grato motivo se celebró después de la ceremonia una simpática fiesta familiar, en la que se renovaron las felicitaciones que por el nacimiento de su primogénita habían recibido Otero y su joven esposa, Isabel Cerveró. Felicitaciones a las que unimos la nuestra, muy sincera y cordial”.3
La Voz de Galicia, 22 de abril de 1955

La Voz de Galicia, 22 de abril de 1955

    O Deportivo comeza a tempada 1955/56 coa súa primeira participación no afamado Teresa Herrera, trofeo que leva para as súas vitrinas tras vencer ao Athletic Bilbao por 2-1. Dese bonito recordo da historia deportivista, que coincide co industrial larachés na presidencia da entidade, falounos Julio Mancebo, mestre e historiador nado en decembro de 1942. Eu fun a ese partido. Tería 13 ou 14 anos e vino na grada de “Especial Niños”. Nesa época o presidente do Deportivo era José Iglesias Varela, que recordo que tiña unha empresa que se chamaba “Maderas Iglesias”. Na carretera dos trolebuses Coruña-Carballo, antes de cambiar o percorrido como o cambiaron posteriormente, baixabas ao coto da Grela e ao chegar abaixo había unha curva. Alí, á man esquerda, estaba “Maderas Iglesias”, que sempre tiñan castelos de táboas apiladas. Este home tiña dous fillos. Eu coñecín a un deles no Balneario de Arteixo, a Pedro, que xogaba con nós no campo de fútbol cando eramos rapaces. Á parte da empresa das madeiras, creo que Iglesias tamén tivo minas porque o pai do 'Miaxo', René, se non recordo mal traballaba nas minas del. Un irmán de José Iglesias Varela, Miguel, casouse con Marica a de Amadeo, que debe andar polos 93 ou 94 anos e vive en Bértoa. Foron para alí cando se casaron”. 

 

Os futbolistas do Deportivo e o presidente do club, Pepe Iglesias Varela -de traxe, ao carón do trofeo-, co Teresa Herrera conquistado en 1955 (Cortesía de María Rodríguez Iglesias)

    Neste curso 55/56 o Deportivo ía quedar nun discreto duodécimo posto, con 26 puntos e catro negativos. Ao longo da tempada os coruñeses tiveron tres adestradores: Rodrigo García Vizoso, que cesou a finais de xaneiro; Pahiño, que durou catro partidos e Ángel Zubieta. Destacar tamén que nesta época causa baixa difinitiva no club o lendario porteiro Juan Acuña.

   A tempada 56/57, na que o Deportivo cumpre o seu 50 aniversario, iniciase cunha severa derrota en Riazor frente ao Atlético de Madrid por 0-4. Xa non estaban os grandes “divos” Bazán, Pahiño, Acuña… e a xente nova como Polo, Anca ou Amador non acaba de carburar. O adestrador é Ángel Zubieta. O Deportivo vai de mal en peor e sufre seis derrotas en Riazor. A finais de novembro de 1956 Pepe Iglesias Varela abandona a presidencia e deixalle o posto Ángel Fernández Murga. Na súa despedida, o larachés contestaba con retranca unha pregunta dun xornalista coruñés:

-¿Que ha sido para usted el Deportivo?

-Mi única preocupación. Ninguna otra cosa me ha preocupado más, ni tampoco he sido más feliz que durante el tiempo en que he estado en el Club. Hasta resulta que lo poco que entiendo de fútbol se lo debo a la Prensa.4

La Voz de Galicia, 21 de novembro de 1956

    Da súa etapa á fronte da entidade deportivista, o seu fillo Pedro comentounos que “creo que é de xustiza recordalo coma un gran presidente. Ademais, non foron poucas as veces que lles fixo préstamos aos xogadores para que poideran chegar a final de mes. O Deportivo custoulle moitos cartos a meu pai, pero bueno, el era feliz e o amor ao club podía con todo. Era deses presidentes que xa non quedan. Tamén foi un gran patrón cos seus traballadores, quenes cariñosamente o alcumaban “O Xefe”. Meu pai tiña unha boa posición económica, certo, pero ante todo sempre foi unha persoa seria, honrada e moi boa coa xente, sempre disposto a axudar co que fixera falta. Ollo, tamén tiña a súa dose de humor xa que era moi retranqueiro e a cotío tiraba do refraneiro galego…

O que non ten cabeza, ten pés.

Falou Chacón, ben falado”.

    Tras o seu paso polo Deportivo, primeiro como vicepresidente e despois como máximo mandatario, Pepe Iglesias e a súa dona, María Naya, viven certo tempo dacabalo entre A Coruña e Valdeorras, onde finalmente establecen o seu domicilio na parroquia de Arnado en Vilamartín de Valdeorras (Ourense). O matrimonio comprara en 1956 un terreo de 37 hectáreas do que formaba parte o Pazo de Arnado, tamén chamado Castelo de Arnado ou castelo Torre Penela, unha edificación construida por puro romanticismo polo maxistrado e deputado Pedro Sanjurjo Flórez5 na década de 1890. 

 

Pazo de Arnado (La Región)

  Pedro Iglesias Naya, o fillo máis novo do noso protagonista lembra que “cando eu era neno a condesa Pilar Agudín Bolívar díxome que o conde era moi romántico e que construiu o castelo para ela. Meus pais compráranlle a dona Pilar, que xa levaba viúva moitos anos, todo o seu patrimonio, é dicir, o Pazo, todas as fincas do Conde de Torre Penela, e o edificio que tiña na Coruña, en Riego de Agua. A pobre muller estaba totalmente arruinada e meu pai fíxose cargo das súas hipotecas. Deixouna vivir nas súas antigas posesións, como se continuara sendo a propietaria, ata que dona Pilar Agudín Bolívar finou aos 105 anos”.

    José Iglesias Varela ía continuar coa súa actividade mineira ata 1985. Sempre ao pé do canón, traballou nos outros negocios ata que enfermou en 1992 por mor dun cancro de medula. Tras unha dura loita con esa terrible doenza, o noso homenaxeado finou en 1995 aos 81 anos. Os seus restos e os da súa muller María, falecida en 2011, descansan no cemiterio parroquial de Armentón (Arteixo).


FONTES:

CRUZ, JOSÉ M.ª (2016): Los propietarios del castillo de Arnado lo ponen en venta, La Región, 12 de agosto.

FERNÁNDEZ, CARLOS & LEIRACHÁ, VICENTE (1991): Historia del Real Club Deportivo de La Coruña, La Voz de Galicia.

GARCÍA TATO, ISIDRO (2016): El destacamento penal de las minas de wolfram de Valborrás de Casaio (Carballeda de Valdeorras), Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos «Padre Sarmiento», Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

________________

1 Leonor faleceu en decembro de 2022 aos 92 anos de idade.

2 Vid. La Voz de Galicia, 22 de abril de 1955. Páx. 5.

3 Vid. La Voz de Galicia, 9 de novembro de 1954. Páx. 6.

4 Vid. La Voz de Galicia, 21 de novembro de 1956. Páx. 5.

5 Pedro Sanjurjo Flórez era fillo de Pedro Sanjurjo Pérez, Conde de Torre Penela, maxistrado da Audiencia e deputado ás cortes por Ourense e Bande.