Tras un tempo traballando xuntos no serradoiro e dalgunha que outra diverxencia, a sociedade rompe cando Domingo Antonio Rodríguez Iglesias1 decide venderlle a súa parte a Manuel Cambón e apostar forte pola hostalería. Naquela altura xa casara en segundas nupcias e establecera o seu domicilio nunha casa que había apegada arriba da taberna e do alpendre que facía de salón, de taberna e de panadería. Na actualidade xa non queda nada desa vivenda, mais si do pendello onde se facían os bailes2.
Así pois, rota a sociedade con Domingo do Zapateiro, a mediados dos anos 50 Manuel Cambón queda só á fronte do serradoiro do Campo da Ran, nunha época na que aínda se utilizaba a caldeira a vapor e os traballos no monte eran todos manuais, traballos nos que os operarios serraban con tronzador e tamén tallaban con machado poñendo unhas cuñas para que a árbore caese cara ao outro lado. E despois había que contratar os carreteiros que transportaban a madeira do monte cos carros e cos bois ata unha pista a onde puidesen ir as zorras ou algún dos poucos camións que había naquela hora.
Julia, a filla de Manuel Cambón, falounos dos operarios que traballaban con seu pai por aqueles días: “Eu recordo a Ramón, que lle chamaban O Fogonero porque era o que facía o lume para a caldeira, e creo que vivía no Cabaleiro antes de emigrar a Suíza; Claudio Mallo, que era de San Paio e en 1960 tamén emigrou a Suíza; Segundo Buño, que viña desde Loureda, en Arteixo, e sempre dicía que gañaba 2 pesetas traballando oito horas. De Segundo tamén me acordo de cando gañaba 5 pesetas ao día e de cando lle subiron o soldo a 15 pesetas, 3 pesos ao día! Ese xa fora un salto grande na economía dun obreiro daqueles tempos. Tamén estaba José, que era da Corveira de Soandres, e Luciano de la Iglesia, que era cortador e antes de estar no aserradero serrou no monte co tronzador cando aínda non había máquinas. Este Luciano, que era do Cerdido, traballou con papá grandes temporadas. Ao mellor paraba algo pero eu recordo que foi dos que máis estivo. Luciano estaba no monte e ía con Manuel Piñeiro, que lle chamaban O Zoqueiro. Un irmán deste Manuel tamén ía para o monte xunto a outros obreiros, que eran de por alí. Recórdome que ao mellor tiñan que ir a cortar a Lendo e despois viñan en bicicletas e traían nelas o tronzador e as outras ferramentas. Comían nunha taberna alí en Lendo porque papá compraba moito por esa zona. Incluso teñen ido en inverno nas bicicletas, en días nos que non se paraba co frío e nos que aínda era noite cando saían para chegar a Lendo a traballar. Era unha vida moi escrava! Daquela aínda traballaban os carreteiros que andaban cos carros e cos bois. Acórdome dun que se chamaba Benjamín, que era da Fraga de Soandres, e outro era Estanislao, que non sei se era era parente de Benjamin. Os carreteiros tamén levaban a madeira ao aserradero porque aínda non lles ía o tractor a cargar, e levaban a madeira ata as pistas nas que puidera ir un camión. Fáloche do ano 1961 ou 1962. Daquela quen lle transportaba moita madeira a papá era Manuel Gómez. Eu sempre fun moi delicaducha e este Manuel levábame no seu camión para que, mentres cargaban a madeira, estivera á sombra dos pinos. Dicía que o aire dos pinos habíame de sentar ben para que tivera apetito, porque eu comía moi pouco. Este Manolo Gómez tiña unha filla que se chamaba Lola e el cantáballe sempre a canción ‘Mi niña Lola’. Tamén recordo que sendo eu nena Luciano do Cerdido contaba as anécdotas que lles pasaban, como cando se lles envorcaba o carro e mil historias máis que te matabas de risa con eles. Era moi boa xente, de verdade. E despois traballaban outros operarios ‘clandestinos’ que estaban no monte ou viñan para pelar os pinos, porque daquela non había peladora. A da madeira foi unha historia moi larga”.
Naqueles anos 50, o pai de Julia tivo sociedade durante certo tempo co arteixán Jesús García, un cuñado do camioneiro Manuel Gómez ao que alcumaban ‘O Grilo’, un tipo avanzado e intelixente para aqueles tempos. Este home, que empezara no serradoiro a raíz da amizade entre Gómez e Cambón, tiña a súa oficina nun cuarto da planta baixa do domicilio do noso protagonista no Campo da Ran, lugar no que levou a contabilidade e os papeis do serradoiro durante un par de anos, aproximadamente ata 1957. De Jesús García ‘O Grilo’3 sabemos que estaba casado con Maruja Gestal Martínez, Maruja do Veigheiro, a quen de seguro vistes algunha que outra vez no seu estanco de Arteixo, o que está ao carón da Panadería Gestal. Jesús e Maruja rexentaron a tenda e a taberna do 'Veigheiro' durante moitos anos e el, co seu Renault Gordini, disque foi o primeiro taxista que houbo en Arteixo. Carmen Bermúdez, veciña do lugar do Rañal, contounos que “o taxi era do Ghrilo pero quen o cunducía era seu irmán Mero, que era con quen nós quedabamos varios días antes para que nos levara ás romarías e pasaba todo o día con nós”.
Logo deste pequeno paréntese pola vila de Arteixo, damos un chimpo e volvemos de novo ao Campo da Ran de Erboedo para falar da casiña que había ao carón do serradoiro, a mesma na que vivira Domingo do Zapateiro e que acabou comprando un tal José María Álvarez. Este home, ferreiro de profesión como o fora seu pai no pasado, viviu alí durante un tempo e puxo un poldro de ferrar diante deste pequeno edificio no que traballou ata que emigrou a Venezuela, primeiro el só e despois tamén levou para alá a súa muller María e os fillos do matrimonio.
![]() |
| Imaxe dos anos 60-70 no que estivo o poldro de ferrar (Arquivo do Reino de Galicia) |
Despois de varias voltas e reviravoltas, Manuel Cambón comprou esa casiña nunha época na que solicitara o enganche da corrente eléctrica, tan necesaria para a súa actividade industrial. Tiña en mente abolir a caldeira de vapor e realizar algunha que outra modificación na fábrica, entre elas a eliminación do pozo que había dentro do serradoiro que lle daba servizo á caldeira. Para que non lle resultase tan doloroso o pagamento á Hidroeléctrica Laracha das 50.000 pesetas que lle custaba o enganche da corrente eléctrica, Cambón decide vender unha parte do terreo ao lado da nomeada casiña a un tal Cesáreo Regueira, que quería poñer alí un muíño para facerlle a competencia a Luciano Iglesias, o da ferretería de Soandres. “O antigo muíño de Domingo non sei donde estaba. Eu soamente recordo o muíño desta casiña pequeniña, que foi o que montou Cesáreo”, recordaba Julia Cambón.
Regueira instalou alí o muíño, si, pero o negocio non foi o soñado inicialmente polo que tratou de venderlle a Cambón outra vez o terreo, operación que o industrial madeireiro non aceptou polo elevado custo que pedía por el o muiñeiro. Foi entón cando Cesáreo lle vendeu a parceliña a outra persoa, un home que puxo alí un taller de bicicletas logo de reparar e darlle máis altura á casa, que vén sendo o edificio que podemos ver na actualidade ao carón dos restos do serradoiro.
O taller de bicicletas non tivo moito éxito e o propietario vendeulle despois a un paisano que estivera emigrado en Suíza. Co tempo, este home foi para Larín (Arteixo) e puxo a casiña á venda. Xa podedes imaxinar quen foi o novo propietario! Despois doutro cento de voltas e reviravoltas comprouna, unha vez máis e con certa dose de surrealismo, Manuel Cambón. A súa filla Julia contounos que actualmente “a parcela dos de Gabriel a mais a nosa está dividida por unha parede, pero antes había unha silveira. Papá falou con Mercedes, a filla de Gabriel4, e despois determinaron facer unha parede, que foi aí cando papá lle deu máis altura ao aserradero. Fixo aquela obra con cemento armado porque antigamente todo era de madeira. O aserradero estaba cerrado con tablas e cun tellado de tellas das que facían aquí os telleiros de Pontevedra”.
(...CONTINUARÁ)
___________________________
1 Domingo Antonio Rodríguez Iglesias, Domingo do Zapateiro, faleceu en Villamir (Soandres) o 24 de xullo de 1987 aos 72 anos de idade.
2 Vid. Xabier Maceiras (2023): Os bailes dos avós. Música e salóns da Laracha de antano, autoedición, pp. 45-46.
3 Jesús García, ‘O Grilo’, faleceu en 1984 aos 56 anos de idade.
4 No Campo da Ran contáronnos que este Gabriel tiña neste lugar unha funeraria. Fabricaba e vendía caixas dos mortos, que antigamente se levaban na cabeza entre dous homes dada a carencia das estradas que existen na actualidade.


Ningún comentario:
Publicar un comentario