martes, 30 de setembro de 2025

DE XERÍS (CABOVILAÑO) A JIMENA DE LA FRONTERA (CÁDIZ): A GRAN PEGADA HUMANISTA DO FARMACÉUTICO JOSÉ REGUEIRA RAMOS

   Esta fin de semana un grupo de laracheses e larachesas maiores de 55 anos iniciarán unha viaxe que os levará por diversos puntos da provincia de Cádiz. Por tal motivo, nas Crónicas da Laracha desta semana imos falar de José Regueira Ramos (1930-2022), farmacéutico coruñés-gaditano moi vencellado a Xerís, lugar da parroquia de Cabovilaño que levou no seu corazón ata o último dos seus días.

  O noso protagonista era neto de José Ramos “o Relojero” e de Andrea Calviño, matrimonio que precisamente tiña establecido o seu domicilio en Xerís. Precisión, orde, paciencia e, sobre todo, coñecementos que non calquera posuíaera o que facía que José Ramos poidera realizar o oficio de reloxeiro na súa casa de Xerís no ocaso do século XIX e nos albores do XX.

   Tempo atrás, a raíz da revolución industrial, axilizáranse certos procesos de fabricación de reloxos e, por isto, as fábricas empezaron a elaborar grandes cantidades de pezas intercambiables. Cuns deseños que cada vez eran máis estandarizados, o que facilitaba a fabricación en masa, os reloxos pasaron a considerarse un accesorio de moda. A elaboración dos diferentes modelos era cada vez máis decorativa, comezándose a estilar os reloxos máis pequenos para poder levalos no pulso e nos petos de pantalóns ou chaquetas.

   E así, como non podía ser doutro xeito, quenes se dedicaban a arranxalos volvéronse moi populares, como foi o caso de José Ramos ‘o Relojero’, que compaxinaba este oficio co de labrador. Tal era o coñecemento que tiña que, moitos clientes da bisbarra con posibles na época, acudían a el para reparar os seus reloxos. Algúns deles aínda permanecían décadas despois no faiado da casa de Xerís, como así nolo comentou no seu momento o seu neto José Regueira Ramos, anécdotas que tamén conta nun libro1 de autoedición familiar que tivo a ben agasallar a un servidor. “Para min e meus irmáns o faiado da casa de Xerís era un lugar máxico. Era o noso entretemento preferido. Alí había ducias de reloxos enteiros ou despezados. Unha oportunidade perdida de aprender o oficio (risas). O avó seica era moi listo, e gozaba dunha boa situación económica que levou a algún veciño a pensar que tiña no faiado unha máquina de facer billetes. Nós non a encontramos, e mira que revolvimos ben nese máxico faiado (risas).”

  En Xerís José Ramos ‘O Relojero’ e Andrea Calviño foron pais de catro fillos: Ramón, que veu ao mundo en 1899; Jesús, nacido en 1902; Carmen, en 1906; e Purificación Ramos Calviño, nacida en 1910. Os rapaces ían quedar orfos de nai en 1914 e once anos despois, en agosto de 1925, os pobres quedarían tamén sen o cabeza de familia, falecido aos 57 anos de idade, do que toda a prole herdaría o seu alcume.  Coa morte dos proxenitores, o señor Antón Canedo, veciño de Xerís, brindouse dende o primeiro momento para tutelalos e botarlles unha man en todo o que poidera, exercendo coma un verdadeiro pai ata que foron abandonando o niño familiar.

   Sobre os catro irmáns sabemos que o maior finou ao ano seguinte de que o fixera seu pai, o día 10 de xullo de 1926 “(…) en el Central Macareño, barrio de Iguabo, término municipal de Santa Cruz del Sur, provincia de Camagüey, Isla de Cuba, Ramón Ramos Calviño de ventisiete años de edad, natural de la parroquia de Cabovilaño, del Ayuntamiento de Laracha, e hijo de José y de Andrea, sin dejar ascendientes ni descendientes, ni tenerse noticias de que haya otorgado testamento (...)2”.

  Jesús, o segundo dos irmáns Ramos Calviño, levou honrosamente o alcume do seu proxenitor durante toda a súa vida. Casou con Carmen Añón Varela, que era filla de Pedro Añón Añón (concelleiro da Laracha durante os anos 20-30 en tempos dos alcaldes Pedro García Palleiro e Ramiro Suárez Moreno). Jesús tiña ese mestrado que non se estuda nin aprende en ningunha Facultade: o sentido dos negocios. Montou un serradoiro no Cancelo, actualmente denominado ‘Maderas Laracha’ pero que sempre foi coñecido como ‘o do Relojero’. Deste serradoiro falaremos máis polo miúdo nun libro sobre a historia do sector madereiro da Laracha, no que estamos traballando co Concello e que publicaremos no 2026.

  Pura, a máis pequena dos Ramos Calviño, estudou Farmacia en Santiago de Compostela. Tras casar co veterinario carballés (de Rebordelos) Francisco Canedo Palleiro, o matrimonio estableceuse en Malpica de Bergantiños, vila na que Pura abre a súa propia botica e onde naceron as súas fillas M.ª del Carmen e M.ª Olga.

   E deixamos para o final a Carmen, Carmela ‘do Relojero’, que casou con José Regueira Varela, un mozo nativo de Casadelas, parroquia carballesa de Noicela, que emigrara de moi novo a Cuba. Tras uns anos traballando duro na Habana para aforrar catro pesos, José regresa á terriña e casa con Carmela. Despois de darse o “si quero”, o matrimonio establece o seu domicilio na Coruña, onde Regueira, verdadeiro emprendedor da época, se dedica a diferentes negocios coma a compra e envío ao matadoiro de gando vacún. Tamén foi promotor da construción, propietario dun garaxe, dunha carnicería e mesmo, nos tempos do volframio, tivera a concesión de algunha mina. José e Carmela foron pais de tres fillos, o maior nacido na Coruña e os outros dous en Xerís (Cabovilaño): Pepe, o noso homenaxeado, ao que tivemos a sorte de tratar dende o 2015; Moncho, ex futbolista do R.C. Deportivo da Coruña, Caudal de Mieres, Burgos e Ourense e, ademáis, exitoso empresario que fundou Recambios Regueira, o xerme do que hoxe é AD Grupo Regueira; e Suso Regueira Ramos, mariño mercante.

  Pepe Regueira Ramos nace na Coruña, na rúa Alameda, o 1 de outubro de 1930. Na súa infancia aprende as primeiras letras na escola de Xerís e, tras exercer de “monaguillo” na igrexa de Cabovilaño durante algún tempo, soña con ser crego. Para tal fin, ingresa no Seminario Pontificio de Comillas (Cantabria) mais ao ir tomando conciencia sobre as cousas mundanas, ao cabo de dous anos íasalle acabar a súa vocación sacerdotal.

Pepe Regueira en 1943 despois de abandonar o seminario (Cortesía da familia Regueira Mauriz)

 Estudante tardío, ao finalizar o bacharelato realiza a carreira de Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela. Coa licenciatura na man, o plan de futuro era abrir con seu irmán Moncho unha farmacia na Coruña, nun baixo da rúa Juan Florez herdado do pai, que falecera en 1945 aos 39 anos de idade. Nese baixo tiñan un inquilino que se mantivo nel ao finalizar o contrato de aluguer e, á vista de que o litixio xudicial podía ter longa duración, os irmáns optaron, mentres tanto, por facerse co traspaso dunha farmacia xa aberta en Jimena de la Frontera (Cádiz) do que se enteraran na revista «Medicamenta», da Real Academia Nacional de Farmacia.

Ano 1959. Pepe Regueira licenciado en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela (Cortesía da familia Regueira Mauriz)

  A previsión era botar dous ou tres anos lonxe da Coruña en tanto se desbloqueaba o asunto do local familiar da rúa Juan Flórez. Así pois, Jimena ía ser durante un tempo a nova Laracha para os irmáns Regueira.

 Moncho, que viña de poñer fin a súa carreira futbolística, na cal mesmo estivera a piques de fichar polo F.C. Barcelona, negocia cos bancos para conseguir o necesario millón de pesetas para pagar o traspaso da farmacia de Jimena, que, para aquel tempo, eran moitos cartos do Noso Señor. Pechada a operación crediticia e efectuado o pagamento a Antonio Mata, boticario con raíces galegas, fai a mudanza a Jimena de la Frontera, a donde chega en novembro de 1960.

Moncho e Pepe en 1960 na Coruña (Cortesía da familia Regueira Otero)

  Moncho tiña naquel momento 24 anos. O ano anterior casara coa betanceira Irene Otero e xa eran pais de María Jesús, Chusa, nacida en xuño de 1960. Nada máis chegar, descubre unha Jimena instalada na pobreza que se desangraba en poboación por mor dunha forte emigración laboral. Caso curioso, abofé. Cando a maioría dos jimenatos abandonaban a súa terra de nacemento, os Regueira facían a viaxe á inversa.

Moncho en Jimena de la Frontera en 1963 (Cortesía familia Regueira Otero)

  Moncho tiña certo coñecemento do mundo farmacéutico grazas aos veráns que pasara na súa adolescencia na botica de súa tía Pura en Malpica. A nai, Carmela ‘do Relojero’, mandábao alí porque non quería estudar.

  Ao tempo que el comezaba a súa estadía gaditana, seu irmán Pepe rexentaba temporalmente unha farmacia en Toral de los Vados, na comarca leonesa do Bierzo, porque a súa titular estaba enferma e tiña que pasar grandes temporadas en Madrid. Por tal motivo vírase na obriga de contratar a un farmacéutico para rexentar o seu establecemento durante as súas ausencias. Moi cerca de alí, en Cacabelos, vivía a súa amada Kety Mauriz, a quen Pepe coñecera en setembro de 1959 en Santiago de Compostela, cando ela estudaba terceiro de Farmacia, e xa tiña practicamente rematadas as carreiras de Maxisterio e de Comercio, que realizara por libre.

  Tras certo tempo en Toral de los Vados, Pepe abandona esta localidade leonesa e chega a Jimena de la Frontera, donde Moncho xa empezara a coñecer a idiosincrasia da vila. Inicialmente os dous irmáns vivían no inmoble donde tiñan a botica. Posteriormente farían obras na planta de arriba da casa pero, a chegada da familia do ex futbolista, motivou a que alugaran a casa que estaba situada en fronte da farmacia, na que viviron Moncho e Irene coa súa filla Chusa e na cal tamén nacería Carmen María. En tanto, Pepe e Kety (que casaran en Cacabelos en novembro de 1961) establecerían o seu domicilio no inmoble da farmacia. Ela, mestra nacional, tivera que abandonar a docencia do maxisterio que exercía na súa Cacabelos natal para retomala a continuación cos párvulos de Jimena.

Novembro de 1961. Casamento en Cacabelos -León- de Pepe Regueira e Kety Mauriz (Cortesía da familia Regueira Mauriz)

  O escritor jimenato Juan Ignacio Trillo Huertas describe no seu marabilloso blog como foron os primeiros tempos dos irmáns Regueira en Jimena de la Frontera, deixando xoias como esta:

El caso es que muy pronto el siempre agradable y sonriente Moncho, sin dejar en ningún momento de estar a pie de la farmacia, se integró perfectamente en el pueblo, al igual que lo hizo su hermano Pepe, y se puso en la tarea adicional de levantar un gran equipo de fútbol a la vez que ayudar al que lo necesitara. Proporcionaron becas de estudios a los que sin disponer sus familias de recursos se les veía con enormes ganas de aprender, y hasta regalando los medicamentos, entonces no existía la sanidad universal, a quienes no lo podían abonar. Así llegaron a granjearse la admiración, el agradecimiento y el respeto del vecindario3”.

  En xuño de 1965, desbloqueado xudicialmente o asunto do baixo da rúa coruñesa de Juan Florez, Moncho e a súa familia retornan a Galicia, onde nacerían os seus fillos máis novos Irene (Betanzos, 1964) e Ramón (A Coruña, 1974). Nese baixo o antigo futbolista do Deportivo ía abrir un negocio de venda de recambios de vehículos: Recambios Regueira, xerme do actual AD Grupo Regueira.

   Pola súa banda, Pepe e Kety deciden quedarse definitivamente en Jimena de la Frontera e establecen o seu domicilio na casa na que residiran ata aquel momento Moncho e a súa familia. Por aqueles días xa eran pais de Víctor, nacido en Cacabelos en 1962, e de Jesús, que veu ao mundo en 1965 en Ponferrada. Anos despois tamén serían pais de Esther, nacida en Cacabelos en 1967, e de Héctor, nacido en Ponferrada en 1971.

Ano 1971. De esquerda a dereita, Jesús, Víctor, Kety co recén nacido Héctor, Esther e Pepe (Cortesía da familia Regueira Mauriz)

  Ao tempo que Jimena seguía desangrándose na diáspora migratoria masiva, a farmacia de Pepe ía marchando, sen tirar foguetes, naqueles tempos difíciles e malia as numerosas fichas amarelas de morosos, cada vez máis cuantiosas. Pero o amor e o cariño que sentía pola vila e polas súas xentes podía con todo. Porque Pepe estaba verdadeiramente enamorado de Jimena de la Frontera. Era o seu Parnaso particular, iso si, sen esquecer nunca a Xerís, a súa querida aldea da infancia. Para orgullo do noso protagonista, a primeira neta que tivo, filla de Esther, leva por nome Jimena.

  Segundo os testemuños de quen o trataron, Pepe foi sen ningún xénero de dúbidas das persoas que mellor encarnan o modelo tradicional do farmacéutico humano, humanitario e humanista (co transcorrer do tempo, habíase de converter no colexiado decano do Colexio de Farmacéuticos de Cádiz). Nos seus tempos de infatigable boticario ningún veciño da localidade quedou sen medicamentos por falta de cartos e ningún menor deixou de estudar por falta de recursos económicos dos seus familiares.

  Home reflexivo e apaixonado de múltiples vocacións, tamén desempeñou un encomiable traballo no eido cultural. Das numerosas iniciativas impulsadas por el merece ser destacada a creación da Editorial Regueira no ano 1988, que publicou os libros escritos polo propio Pepe en colaboración coa súa filla Esther, e doutros autores, en dúas coleccións: “El Castillo de Jimena” e “ El castillo de Jimena. Narrativa.“

  Na primeira colección, que tiña por finalidade “fomentar la investigación y divulgación de la cultura Campogibraltareña”, publicáronse os seguintes títulos: “Jimena y su Castillo (José Regueira Ramos); “El Renacer de Algeciras” (Martín Bueno Lozano); “Capricho Árabe” (Guillermo García Jimenez); “La Prensa de Algeciras, 1805-1905 (Alberto Sanz Trelles); “Túnidos y Tunantes en las Almadrabas de las Costas Gaditanas” (José e Esther Regueira); “Jimena de la Frontera: entre la Prosa y la Pintura” (José Riquelme Sánchez); “Zahara de los Atunes, Paraiso Cervantino del Sur” (José Regueira Ramos) e “Oba Romana” (Hamo Sassoon). 

  A outra colección da Editorial Regueira, a denominada “El castillo de Jimena. Narrativa“, tiña por finalidade a publicación de relatos autobiográficos, biografías ou narracións relacionadas co Campo de Xibraltar. Entre os seus títulos figuran “Caín: Otra forma de hacer la Guerra” (Luis F. Vallecillo Durán); “Boomerang en Jimena de la Frontera” (Ángeles Vazquez León); “La posguerra en Jimena” (Ángeles Vázquez León); “Calabazas. El Bobo de la Garduña” (Juan Manuel Contreras Rodríguez); ou “Recuerdos de mi infancia y Juventud. Jimena de la Frontera 1950-1970 (Francisco Jimenez Jimenez). 

   Tamén temos que destacar as súas colaboracións co Instituto de Estudios Campogibraltareños na revista La Almoraima donde foi poñendo en valor o rico pasado histórico da súa localidade de adopción (en 2003 este Instituto íalle publicar “Las Reales Fabricas de Artillería de Carlos III en Jimena de la Frontera”, traballo no que contou coa colaboración da súa filla Esther Regueira).

  Co paso do tempo, en recoñecemento a toda esa inxente labor intelectual despregada por Pepe para o profundo coñecemento sobre Jimena de la Frontera, contidos hoxe presentes en numerosas universidades, fundacións e bibliotecas escolares, o Pleno do Concello, na súa sesión do 4 de decembro de 1998, nomeaba ao noso protagonista Cronista Oficial da localidade.

  Pepe tamén impulsou a celebración das excelentes ‘Jornadas de Historia y Arqueología’ que se realizan en Jimena de la Frontera con toda regularidade anualmente desde 1993, soamente suspendidas por causa do COVID 19, nos anos 2020 e 2021. E tamén impulsou a creación da Asociación Tanit (‘Asociación del Patrimonio Histórico y Arqueológico de Jimena de la Frontera diosa Tanit’), constituida en 2014 e da que é o seu Presidente de Honor.

  En 2009 a Corporación local do seu municipio de adopción, no que xa levaba residindo máis anos dos que vivira en Galicia, concédelle o maior dos recoñecementos ao ser nomeado, nun acto celebrado o 12 de decembro dese ano, Hijo Adoptivo de Jimena de la Frontera. Diante dos alí presentes, entre eles a súa familia e seus irmáns Moncho e Suso, Pepe Regueira narraba o seguinte:

Por una serie de circunstancias extrañas un día de 1960 desde mi brumosa Galicia recalé en Jimena. Venía para estar dos o tres años (…) yo había estudiado para dispensar medicamentos curativos de enfermedades individuales pero no para la tremenda enfermedad colectiva de este pueblo en esos años. La búsqueda de un “medicamento” eficaz para la curación de esta enfermedad social y la explicación del porqué de la emigración masiva que se iniciaba en aquellos años necesitaba de nuevos estudios y estos me llevaron al terreno de la historia de Andalucía, de Jimena y de esta singular comarca plurifronteriza, pluricultural y encrucijada de mares y continentes que es el Campo de Gibraltar (…) Soy licenciado en Farmacia por la Universidad de Santiago, en Óptica por la de Barcelona y en Historia, en Ciencias Humanas, en Humanidad, por la Universidad Popular de Jimena. Mis profesores fueron el arriero, el carbonero, el corchero, el jornalero y las mujeres de todos ellos, que realizaban diariamente el milagro de la subsistencia familiar administrando los jornales de miseria… cuando los había. (…) HIJO ADOPTIVO DE JIMENA. ¡Qué hermoso nombre para una madre! ¡JIMENA! Alguien dijo que más bien me deberían nombrar abuelo de Jimena. Ya lo soy. Mi hija tuvo el buen gusto de poner este hermoso nombre a mi nieta (nacida el 9 de junio del 2003) Desde hoy, además de abuelo también soy hijo de Jimena4”.

Pepe Regueira o día que foi nomeado 'Hijo Adoptivo de Jimena de la Frontera' (Foto Pascual Collado)
12 de decembro de 2009. Moncho, Pepe e Suso, os tres irmáns Regueira, diante da Casa da Cultura de Jimena o día no que Pepe foi nomeado  'Hijo Adoptivo' da localidade gaditana (Cortesía de Esther Regueira Mauriz)

  O seu compromiso coa cultura e a súa xenerosidade coa veciñanza de Jimena e cos seus amigos, acompañarano de por vida polas súas obras e quedarán no recordo colectivo e nas xeracións que o coñeceron.

  En agosto de 2015, cando o amigo Jacobo Ríos presentou na biblioteca dos Rosales da Coruña a súa novela El inmenso mar de los olvidados, inspirada en casos históricos de afundimentos de barcos na Costa da Morte no século XVI, Pepe Regueira acompañou a este autor na presentación do libro e ofreceu unha conferencia sobre naufraxios galegos na costa de Xibraltar. Unha vez finalizado o acto, nun pequeno ágape organizado por Jacobo, o que escribe tivo a sorte de coñecer a Pepe e a algúns membros da súa familia, entre eles seu irmán Moncho. Dende aquela, para un servidor Pepe converteuse nunha especie de Pepepedia, xa que non foron poucas as consultas que lle realizamos sobre A Coruña e A Laracha da súa infancia, whatsapeando con el con certa frecuencia ata pouco antes da súa morte, acaecida o 14 de abril de 2022 aos 91 anos de idade.

  Pouco despois do seu pasamento, a corporación municipal de Jimena de la Frontera decidía que unha das bibliotecas públicas da localidade levase o nome de José Regueira Ramos.

Biblioteca Pública Municipal José Regueira Ramos de Jimena de la Frontera

   Nós na actualidade seguimos whatsapeando de cando en vez coa súa filla Esther. De feito cando soubemos que un grupo de veciños e veciñas da Laracha ían visitar Cádiz contactamos con ela. A súa resposta foi do máis contundente:

-“Pues si van me avisas, que hacemos algo. Mis hermanos (mayor y pequeño) viven allí, y nos encantaría enseñaros”.

  Así pois, laracheses e larachesas, alí agardan por vós Esther e seus irmáns Víctor e Héctor, que teñen cadansúa farmacia na localidade. “Son las dos muy chulas, llenas de obras de arte” dixo Esther. O irmandamento entre Jimena de la Frontera e A Laracha segue vivo grazas a eles.

Foto tomada  en marzo de 2019 en Xerís, Cabovilaño, na que vemos a membros das familias Regueira e Ramos, Os do círculo son Pepe e Moncho (https.//ignaciotrillo.wordpress.com) 

  Se queredes saber máis sobre a relación dos Regueira coa Laracha, da súa chegada a Jimena de la Frontera e dun largo etcétera de diferentes cuestións sobre o pasado desta familia, na biblioteca municipal tedes dous libros ao voso dispor agasallados pola propia familia: “Regueiras y Ramos: Relatos y recuerdos vía whatsapp con José Regueira” e “Los hermanos Regueira, entre Galicia y Andalucía”. Boa viaxe!


FONTES:

https://castroventosa.blogspot.com/2012/05/jose-regueira-ramos-corunes-jimenato-y.html

https://ignaciotrillo.wordpress.com/2022/01/03/moncho-regueira-y-los-dias-de-gloria-que-dio-al-cd-jimena-1a-parte-03-01-2022/

Regueiras y Ramos: Relatos y recuerdos vía whatsapp con José Regueira” (2021): Dirección: José Regueira. Editora: Esther Regueira. Impresión: Coria Gráfica.

Los hermanos Regueira, entre Galicia y Andalucía” (2024): Coordinación: Juan Ignacio Trillo Huertas. Edita: Recambios AD Grupo Regueira e Farmacia-Óptica Víctor José Regueira Mauriz. Imprime: Tórculo Andalucía.

_______________________


1 Regueira y Ramos: Relatos y recuerdos vía whatsapp con José Regueira. Dirección: José Regueira, editora: Esther Regueira, impresión; Coria Gráfica, Coria del Río, Sevilla, 2021, páx. 270.

2 Boletín Oficial da Provincia da Coruña, 9 de maio de 1928, páx. 4.

3 Juan Ignacio Trillo Huertas (2022): Moncho Regueira y los días de gloria que dio al CD Jimena , https://ignaciotrillo.wordpress.com

4 Juan Ignacio Trillo Huertas (2022): Moncho Regueira y los días de gloria que dio al CD Jimena , https://ignaciotrillo.wordpress.com

Ningún comentario:

Publicar un comentario