No marabilloso texto da autoría de José de la Santísima Trinidad que podedes ler neste espazo (na parte dedicada á telleira de Jesús Ríos: http://cronicas-da-laracha.blogspot.com/p/telleiras-da-laracha.html) e tamén no libro “As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño”, o autor nomea en varias ocasións a Generosa Mañana, “unha señora que ía todos os días a Caión e traía de toda clase de peixe”, ao seu marido Antón Fontes e tamén a algúns fillos deste matrimonio, entre eles a Delmiro, que marchara para o exército e que deixara na casa un acordeón co que tocaban os telleiros de Pontevedra na do Ferrador, a Aurora, que estaba casada na Esquipa, e a Aurelia, unha moza que lle cosera o único pantalón que tiña aquel rapaz do Rosal de dezaseis anos chamado José de la Santísima Trinidad, rapaz que en 1939 traballara nunha das telleiras da Barreira.
Mais, á parte deses tres fillos que se citan no texto, Antón e Generosa tamén eran pais1 de José, que lle chamaban ‘O Albardeiro’, de Cándido, que casou en Caión, e de Daniel, de quen falamos máis polo miúdo deseguido.
Daniel Fuentes Mañana naceu en 1912 na Esquipa, lugar no que residían os pais dende o día que casaron. Cando o noso protagonista tiña catro ou cinco anos a familia cambiou de domicilio, establecéndose nunha nova casa que construíran na Barreira, xusto na esquina entre a estrada que vén de Paiosaco e a que vai á Laracha por Estramil. Daniel ía pasar alí boa parte da súa infancia e da xuventude botando unha man nos traballos da casa e observando, durante as temporadas de verán, como fabricaban tella e ladrillo os telleiros do Baixo Miño.
Era un rapaz feble e moi delicado que sufría, xa dende moi cativo, unha bronquite crónica. Pasaba moito tempo enfermo e, por riba, tiña unha pequena discapacidade nun dos seus brazos. Con todo, aprendera o oficio de xastre co seu padriño de Padronelo (Cabovilaño), o ‘Xastre de Padronelo’, con quen botou varios anos pateando polas corredoiras da época para gañar un pesiño coa máquina de coser.
Con pouco máis de vinte anos, Daniel Fuentes, que naquela altura era coñecido polo alcume do 'Xastre', casa con Consuelo Regueira Mallo, unha moza de Estramil coa que tivo seis fillos: Antonio, Manolo, Tomás, Edelmiro, José María e Cándido Fuentes Regueira. O matrimonio e a súa numerosa prole viven na Barreira, nunha casa que estaba pegada xusto ao carón da dos pais de Daniel. Ou a dicir verdade, case se pode afirmar que era unha soa vivenda, xa que as dúas estaban comunicadas polo piso de arriba.
Con tantas bocas que alimentar, a maltreita economía doméstica vai tirando cos cartos que o cabeza de familia ingresaba como xastre e, tamén, coas catro pesetas que facía no muíño no que traballaba arrendado en Pedra Aguda, que aínda se mantén en pé na zona do Rapadoiro (Noicela, Carballo).
Daniel 'O Xastre' ía quedar viúvo con trinta e poucos anos. Con seis fillos ao seu cargo, a súa vida íase converter nun verdadeiro tormento naqueles duros anos da posguerra. Tras a perda da súa muller Consuelo véuselle o mundo enriba, si, mais non quedaba outra, había que tirar cara a diante e buscar o pan para os rapaces como fose. Malia que contaba coa axuda dos pais, os cartos que facía coa máquina de coser e coas moendas en Pedra Aguda non chegaban a nada.
- Teño que buscar outro traballo!, dixo.
Despois de media vida sendo testemuña de como os telleiros do Baixo Miño fabricaban cerámica na Barreira, pensou na posibilidade de montar a súa propia telleira, empezando ao poucos con esta actividade nuns terreos que había na zona da Braña, en Estramil, que eran dun tal Liñares. E así foi criando os rapaces, aos que ía preparando para os difíciles camiños da vida. Naquela hora os fillos dos pobres coma era Daniel, servían nas casas dos labradores pero el nunca deixou que os seus nenos fosen servir. Sempre foi estrito con eles e dicíalles que tiñan que aprender un oficio. E aprendérono, aprenderon o de telleiro.
![]() |
Panorámica actual do lugar da Braña de Estramil no que Daniel Fuentes "O Xastre" montou a súa primeira telleira |
Polo que nos contou o seu neto Antonio Fuentes Varela, “meu avó Daniel mandaba aos fillos as piñas no inverno e no verán trouxo a uns de Pontevedra para ensinarlle o oficio de telleiro aos rapaces. Eu non sei como contactou cos da Guarda, se cadra foi por mediación de Ferreira ou de Anselmo porque se levaba moi ben con eles e seguramente foron estes os que lle mandaron ou recomendaron un oficial de aló. Meu avó montara unha telleira nunhas fincas da Braña de Estramil, pero eu xa non a acordo. Eu nacín en 1950 e cando tiña catro ou cinco anos mandábanme para alí coas ovellas e o que si recordo é a charca da que se sacaba o barro, que non era moi grande e aínda botou ben anos aberta. Non che podo dicir en que ano empezou a traballar nesa telleira pero o que si sei, polo que teñen contado na casa, é que aí pasaba algo co barro. Parece ser que era un barro moi forte, moi compacto, e que escachaba ao cocer e, por iso, había que mesturalo con outro máis floxo e máis plástico. Tamén sei que nesta telleira traballaron os fillos, porque así llo teño oído a meu pai e a seus irmáns, e foi aí, na Braña de Estramil, onde empezaron no oficio, seguramente con algún oficial e algún tendedor de Pontevedra”.
Antonio e Manolo, os fillos maiores de Daniel, cando tiveron idade suficiente ían a Asturias traballar por temporada nunha mina de Avilés. Foi precisamente nesa época cando Manolo gañou o alcume de 'Asturias'. Home garboso de corpo atlético, parecía un verdadeiro modelo coas camisas que traía de Avilés. Como ían e viñan cada certo tempo, se lles cadraba de estar aquí no verán non lles quedaba outra que dobrar o lombo para fabricar cerámica con seu pai e seus irmáns. Co andar dos anos Antonio sería propietario de dúas telleiras das que ofrecemos cumprida información no libro "As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño", e Manolo ía alugar durante unha temporada a de Patiño, telleira da que tamén falamos no devandito libro.
Mais continuemos falando de Daniel Fuentes, quen, tras certo tempo fabricando na Braña de Estramil cun barro moi difícil de traballar, ía montar unha nova telleira na Barreira, xusto ao carón do seu domicilio.
![]() |
Imaxe dos anos 50 na que vemos aos Fuentes diante do seu domicilio e da telleira (Cortesía de Cándido Fuentes Regueira) |
O ladrillo do forno da telleira da Braña aproveitouse para facer o forno novo da telleira da Barreira, que estaba na parte de atrás da casa. Era un forno túnel para cocer continuo que tiña uns 20 metros de longo. O inconveniente desta nova telleira era que alí non tiñan barro. Íano buscar á zona dos Marcos, á marxe esquerda do camiño que conduce a Riotorto e Mirón, onde a pouco que cavases xa saía a terra de cor laranxa. Segundo nos contou Antonio Fuentes, con Daniel traballou nalgún momento un oficial de Pontevedra de nome Gervasio: “Eu na casa teño oído falar deste home, que non sei se sería o primeiro oficial que trouxo meu avó para ensinarlle o oficio aos fillos. Seica era moi comedor. Naqueles tempos compraban touciño de fóra, un touciño branco, branco coma o queixo que sabía a Deus. A min os de Pontevedra téñenmo dado a probar algunha vez. O caso é que os telleiros de aló viñan ao mantido e meu avó dicía:
- Deixade comer touciño a Gervasio a ver se o aburre!
Pero o home non o aburría e, pasado un tempo, dicía:
- Non lle deades tanto touciño a Gervasio que despois avíciase a el!
Non sei exactamente en que época, pero este Gervasio foi o oficial de meu avó durante algunha temporada. Incluso anos despois meus tíos bromeaban na casa e dicíanlle a meu pai:
- Non lle botes tanto touciño ao rapaz que che vai pasar como ao tío Gervasio e despois avíciase a el”.
![]() |
Daniel Fuentes e os seus fillos na telleira que tiñan na Barreira (Cortesía de Cándido Fuentes Regueira) |
Xusto en fronte onde estaba a nova telleira do 'Xastre', na actualidade hai unha marquesiña na marxe dereita da vía que conduce á Laracha por Estramil. No pasado, esta zona da que estamos a falar era un terreo baldío que pertencía aos Láncara. Praza no verán, convertida en non poucas ocasións nunha gran poeira por culpa do vento que alí se levantaba con frecuencia e verdadeiro lameiro no inverno, ese era o punto no que os carros deixaban o toxo e as serraduras para cocer no forno e no que estacionaban os que transportaban o material que se fabricaba na telleira. Algúns viñan da parte de Baldaio, como así nolo recordou o veciño da Imende (Noicela, Carballo) Gervasio 'O Castaño': “Cando era neno ía con meu pai a Estramil a buscar tella no carro das vacas. Eu era rapaz e quen andaba co carro era o finado de meu pai. Os de aquí de Baldaio ían a Estramil. Había dúas ou tres telleiras e unha era a do 'Xastre'”. Antonio Barca, veciño tamén da Imende, recordaba que “aquí en Baldaio cando se necesitaba tella ou ladrillo íase a Estramil”.
Co oficio aprendido, houbo un tempo no que os fillos de Daniel xa non precisaron da axuda dos artesáns de Pontevedra e fóronse convertendo en operarios de primeiro nivel que producían principalmente ladrillo coa “churrera” que comprara seu pai. Como os maiores ían e viñan de Asturias, os que máis tempo pasaban na telleira eran Tomás, Delmiro, Regueira (que en realidade era José María pero todo o mundo lle chamaba Regueira) e Cándido.
Daqueles tempos tamén nos falou Sara Caamaño Velo, viúva de Manolo Fuentes: “Os irmáns eran todos moi traballadores e moi finos traballando. Na telleira de meu sogro Daniel eu vin facer tellas ao meu home Manolo, a Tomás, a Regueira. Facían tellas coma gorras, pero moi moi rápido. A Cándido recórdoo amasando no barro. Era coma un xato, coma un cuxo, que tiña aquel xeito de arrancar o barro que parecía que se adentraba no inferno no fondo daquela poza do barreiro”2.
![]() |
Fotografía tomada na telleira de Daniel "O Xastre". De esquerda a dereita, José María, Daniel "O Xastre", Cándido, Edelmiro e Antonio (Cortesía de Cándido Fuentes Regueira) |
As cousas ían bastante ben e a fabricación, sen alcanzar nunca o peso das outras telleiras do lugar, daba para ir vivindo. Mesmo houbo un tempo no que Daniel pensou que había que modernizar as instalacións. O seu neto Antonio Fuentes Varela, que tivo a cortesía de realizar con nós un percorrido polos lugares no que estaban todas as telleiras da Barreira e de Estramil, recordaba que “quixo contratar a corrente eléctrica para industrializarse como os da telleira dos de Sada, onde xa estaba meu pai, e a de Ferreira. Pero o presuposto non lle deu para pagar o enganche da luz. Entón que fixo Daniel? Pois comproulle o motor dun barco ao seu amigo Ramón 'do Batallón', que tiña barcos en Caión. Nesa época había trinta e tres barcos neste porto. Comprou o motor para a 'churrera', pero habíao que quentar cun soplete deses pequeniños para que funcionara. A máquina xa facía os ladrillos con barro máis duro. Non era coma a que tiña Ferreira. Era máis pequena, pero bueno, xa tiña unha produción boa. O caso é que ese motor tiña avarías todos os días. Funcionaba moi ben mentres traballaba, pero sufría desarranxos cada pouco tempo e por iso acabaron comprando un motor novo, un Fita de gasolina que o foron buscar a Carballo”.
Os fillos van facendo as súas vidas. Antonio xa había tempo que se establecera pola súa conta no sector; Manolo casou e marchou para Asturias; Tomás traballaba con Antonio... Mais a Daniel aínda lle quedaban paxariños no niño e con eles, con Edelmiro, José María e Cándido, continuou traballando na telleira xunto con algún rapaz da zona que contrataba ocasionalmente, entre eles o seu sobriño Cholo.
![]() |
De
esquerda a dereita, Tomás, Cholo Fuentes -curmán dos Fuentes Regueira- e
José María posando na telleira da familia (Cortesía de Cándido Fuentes
Regueira) |
Así aguantaron ata que a Edelmiro lle tocou facer o servizo militar e ao pouco, sobre o ano 1963, foi cando deixou de funcionar a telleira do Xastre. Tras o cese da actividade, Fuentes foi tirando cun par de vacas, cos traballos do campo que lle daban un peso a gañar e co choio de cocedor que conseguiu na de Ferreira certo tempo despois de pechar a súa pequena industria.
O noso homenaxeado ía casar no ano 1967 en segundas nupcias con Josefa Castro, matrimonio do que naceron dous fillos, Valentín e Amparo Fuentes Castro. Natural de Santa Comba e tamén viúva (casara en Freón, parroquia de Monteagudo, Arteixo), Josefa era unha das numerosas mulleres que traballaban naqueles anos 60 en Cerámica La Perfección, a fábrica de José Manuel Ferreira na que tamén gañaba o pan 'O Xastre', quen, malia pasar media vida coas mans no barro, íase xubilar pola agraria. Daniel Fuentes Mañana faleceu no verán de 1995 aos 83 anos de idade.
![]() |
Daniel Fuentes Mañana "O Xastre" o día do casamento da súa filla Amparo (Cortesía de Amparo Fuentes Castro) |
Por se é do voso interese, da telleira de Daniel Fuentes “O Xastre” (e das outras do municipio) falaremos in situ no roteiro “As telleiras da Laracha” que realizaremos co Concello da Laracha este sábado, 14 de xuño:
_______________
1 Os fillos de Antón e Generosa foron, por orde cronolóxica: José, Cándido, Edelmiro, Daniel, Aurora e Aurelia.
2 Cando casaron Manolo e Sara marcharon para Asturias onde el, como xa fixera de solteiro, traballou durante anos nunha mina. Ao vir de Asturias compráronlles un terreo aos irmáns Alonso que estaba xusto en fronte do seu domicilio. Nese terreo era onde os irmáns Fuentes Regueira extraían o barro nos tempos que fabricaron tella e ladrillo con seu pai.
Ningún comentario:
Publicar un comentario