mércores, 30 de abril de 2025

LA PERFECCIÓN, A CERÁMICA DE JOSÉ MANUEL FERREIRA (4ª parte e fin)

  Malia a gran competencia de Cerámica Campo, La Perfección continuaba sendo un verdadeiro referente no sector. A maquinaria non paraba de extraer barro das explotacións A Rega e Os Marcos, os barreiros que os Ferreira tiñan en Lendo e na Barreira, para satisfacer a demanda de ladrillo que continuaba tendo a empresa. Á parte das persoas que nomeamos anteriormente, que nalgúns casos xa levaban varios anos traballando alí, a partir dos setenta tamén se empregaron en La Perfección operarios como Manuel Costa, Manuel Verdía, Camilo das Rañeiras, José Antonio Pazos, Blandina 'de Cotillas', Carmiña de Cotelo, Hortensia, que era filla de Baldomero 'do Rato', os irmáns Tomás e José María Fuentes (fillos de Daniel 'o Xastre'), Carmucha 'de Merecho', que eran todos de Estramil, Genaro, veciño de Bastón, Ramón 'do Peseto', de Lestón, Pepe 'do Rapelo', da Barreira, Paco 'do Renlo', de Vilaño, ou os mecánicos Manolo de Aurora, de Vilaño, e Vilas, da Laracha.

    José Manuel Ferreira levaba toda a vida traballando e a xubilación estaba á volta da esquina xa que o 22 de xullo de 1973 facía os 65 anos. Un mes e medio antes de que chegase ese día tan sinalado, unha terrible crueldade do destino arrebatoulle a vida a Rogelio e ao seu fillo José cando estaban pescando en Sorrizo (Arteixo). Rogelio Ferreira tiña 36 anos e o cativo 5. Pódese dicir que aquel duro golpe foi o principio da fin de Cerámica La Perfección, que ía seguir fabricando durante varios anos máis baixo a sombra da terrible perda de Rogelio.

    A Barreira e Estramil xa non eran os lugares de antano que podemos imaxinar nunha postal en branco e negro. Grazas ás oportunidades de traballo que a veciñanza tiña na de Ferreira e tamén aos aforros na emigración, principalmente en Suíza, a contorna foi modificando pouco a pouco a súa fisionomía. Naqueles mediados dos 70, un dos establecementos da zona no que paraban os empregados de La Perfección, o Tabú, tamén cambiou de propietarios. Agora estaba á fronte do negocio Carmiña López, a muller de Rogelio 'do Ferrador', un matrimonio que estivera moitos anos emigrado en Suíza e que comprara a taberna pouco antes de regresar do país helvético. Ata a súa volta definitiva, atendeulles o negocio Tomás Fuentes, antigo telleiro fillo de Daniel 'O Xastre'. Logo, ao viren da emigración, Carmiña despachaba na taberna, que tamén era tenda de ultramarinos, e Rogelio empregouse na de Ferreira, onde xa traballara de mozo. Nese momento había catro tabernas na zona: o Tabú e o Chiquito na Barreira, e o Coitelo e a taberna da señora Cotela en Estramil. Curiosamente as catro ían pechar pouco despois de que o fixese La Perfección.

    E chegamos aos anos 80, unha época na que os tempos de bonanza de antano ían mudar por outros ben distintos. Pepe ‘Buraco’ recorda que “Ferreira era unha excelente persoa. Se non tiñas diñeiro deixábacho, porque nunca esqueceu a súa modesta orixe e a miseria que pasara de neno; el axudaba a todo o mundo”. Segundo diversas fontes, o que si que lle custaba era evolucionar cos tempos e era algo remiso a introducir nova maquinaria para mellorar as condicións de traballo nas instalacións. Nesa época chegou un momento no que había moitos obreiros e pouca produción. O material que se fabricaba deixaba unha paupérrima marxe de beneficio que non alcanzaba a suma para os soldos dos obreiros. Foi aí cando lle empezaron a ver as orellas ao lobo e principiaron os primeiros impagamentos aos acredores e aos empregados. Os Ferreira piden un crédito para ir parcheando os problemas financeiros. A situación era insostible e mesmo houbo traballadores que pensaban que os Ferreira estaban realizando unha fuga de capitais a Portugal. A verdade era outra ben distinta. A empresa estaba en bancarrota. Cando as cousas xa lles ían rematadamente mal un día dixéralle un avogado a Ferreira:

- Aquí hai unha solución: dar unha quebra en falso e salvar parte do capital.

- Eso xamais llo farei aos meus obreiros porque eles foron os que me axudaron a levantar esta empresa, contestou Ferreira.

   Carmen Peniza, a muller de Moncho Ferreira, recorda que “ao final, os obreiros da telleira pensaban que nós estabamos gardando cartos e non era certo, pero bueno, eu tamén os entendería a eles. Construcciones Vallina, que creo que era unha empresa asociada a Rumasa, fixera a Escola de Idiomas da Coruña co noso ladrillo. O caso é que nos debían letras por un valor de sete millóns de pesetas, que agora non é nada, pero aí empezou a nosa ruína. Se non viñera eso de volta aínda duraríamos máis tempo. Alí había traballando máis mulleres que homes. Miñas cuñadas e mais eu estivemos traballando alí tamén. Nos últimos anos había unhas 32 persoas e máis da metade eran mulleres. Tiñamos a Pepe, que era chofer, había outro Pepe que era chofer tamén e despois homes había moitos eh… as mulleres rendían igual ou máis que os homes. As telleiras foron as primeiras industrias onde traballaron as mulleres da zona. Eu empaquetaba, porque o empaquetado era manual e empregábase moitísimo tempo facendo os palets… e traballamos dous anos alí. Eu estiven na oficina pero despois baixei a traballar na nave. Había casos nos que traballaba o home e tamén as súas mulleres, como por exemplo Pepe o chofer, os dous Pepes e as súas mulleres”.

Ortofoto do ano 2004 dos terreos onde estivo Cerámica La Perfección na que se pode observar a nave da empresa e a charca do barreiro (https://mapas.xunta.gal)

Ortofoto do ano 2008 na que xa se ve o barreiro reenchido e as instalacións derrubadas (https://mapas.xunta.gal)

    Nesa altura a inflación desbocábase en España, dando pé á gran crise económica de 1985, que foi o ano no que pechou Cerámica La Perfección. Tras a súa quebra, en 1986 Epifanio Campo Fernández decide facerse cargo da débeda da empresa a cambio dos terreos de Ferreira, que deste xeito puido levantar o embargo que tiña sobre os seus bens. Nesta operación, o novo propietario segregou as dúas casas e o cachiño de terreo para que os Ferreira seguisen vivindo alí. Os Marcos, que era o barreiro que os Ferreira tiñan ao carón do seu domicilio, foise convertendo nunha pequena lagoa que, anos máis tarde, ía restaurar Epifanio Campo. Desa etapa David Rodríguez, xefe de operacións de Cerámica Campo, recorda que nós, cando empezamos coa restauración, seguía estando a estrutura da fábrica de Ferreira. Xa estaba totalmente en ruínas, pero aínda conservaba o tellado, as paredes e a parte das oficinas, que agora hai un pequeno talude alí cunha escollera pequeniña e conservouse o frente, pero o que era a oficina seguía estando, que daba contra a carretera da Cachada. Despois derrubouse todo, sacouse unha pouca chatarra que había, un par de vigas e nada máis”.

   Unha vez que pechou Ferreira houbo operarios que se empregaron en Cerámica Campo, que dende os seu inicios nutríase principalmente con xente de San Román e Lendo. Un deles foi o propio Moncho Ferreira, que acabou de chofer de Epifanio Campo Fernández. Xubilouse alí aos 60 anos logo de sufrir un ictus. Pouco despois de que cerrase La Perfección, Carmiña Peniza e Celeste Ferreira, muller e irmá de Moncho, abriron unha tenda de roupa na Laracha que ían rexentar durante moitos anos, ao tempo que Carmiña, a viúva de Rogelio, traballaba con seu irmán Manolo na Discoteca Pazos. 

José Manuel Ferreira e Flora Álvarez coa súa neta Nuria en febreiro de 1992 (Cortesía de Nuria Ferreira Pazos)

    Uns anos máis tarde do cesamento de actividade da empresa que tanto traballo lle custara levantar, José Manuel Ferreira daba o seu derradeiro alento o 13 de setembro de 1993, día no que finou no seu domicilio da Barreira aos 85 anos de idade. A súa muller Flora Álvarez ía morrer en setembro de 2007 aos 94 anos. Os dous están enterrados no cemiterio de Torás.

   En 2022 Cerámica Campo vendeulles o terreo onde tanto tempo estiveran as instalacións de Cerámica La Perfección aos carballeses José Rodríguez Ponte e Raquel Pérez Castro, matrimonio que xa hai varios anos que estableceu o seu domicilio na Laracha, onde dirixen a empresa Agrícola e Forestal Forpón, que se dedica a servizos agrícolas e forestais e escavacións.

  A viaxe pola historia desta telleira chega á súa fin. Unha telleira na que traballaron ao longo dos anos ducias de persoas das comarcas do Baixo Miño e de Bergantiños capitaneadas por José Manuel Ferreira Penedo, a quen o Concello da Laracha tivo a ben dedicarlle unha rúa que está situada cerca do centro de saúde da capital municipal, paralela á rúa que leva o nome de Epifanio Campo Núñez, outro dos protagonista do libro “As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño”, editado en 2024 pola Deputación da Coruña, coeditado polo Concello da Laracha e que contou coa colaboración da Xunta de Galicia.


Rúa José Manuel Ferreira Penedo

(FIN)

xoves, 24 de abril de 2025

"LA PERFECCIÓN", A CERÁMICA DE JOSÉ MANUEL FERREIRA (3ª parte)

  A historia de Cerámica La Perfección vai collida da man de A Pachanga e do Tabú, unha lendaria taberna da Barreira da que nos falou Antonio Fuentes Varela: “Cerca de onde tivera meu avó Daniel a primeira telleira, na Braña de Estramil, vivían Francisco e Lucinda nunha casiña moi humilde. El, que fora panadeiro, era moi traballador pero tiña problemas de saúde. Ela andaba ás piñas e nos anos 50 conseguiu traballo na telleira de Ferreira. Nesa época os bancos non che daban créditos facilmente e Francisco, como malamente puido, comprou un pequeno terreo que estaba xusto en fronte da telleira de Patiño. Sobre 1959 ou 1960 fixo alí un pequeno local que tiña un forno pequerrecho no que cocía, todo máis, media ducia de moletes. Cando abriu o negocio a canción “La Pachanga”, de Luis Aguilé, tiña moito éxito e púxolle ese nome á tenda, que foi reformando pouco a pouco. As cousas empezáronlle a ir ben porque claro, ás 10 da mañán o que máis e o que menos íalle buscar un bocadillo e unha cerveza. E despois da xornada os empregados das telleiras da zona, que daquela xa só se traballaba dez horas, tamén parábamos alí. Francisco quitaba pan do forno e comías un anaco de 2 pesetas de bola, 3 pesetas de sardiñas e un vaso de viño clarete e ías coma un Pepe! Entre a xente que traballaba na de Ferreira e na de Sada, que era a telleira de meu pai, pois se cadra xa parabamos alí 25 ou 30 persoas todos os días... e xa facía uns pesiños. Co tempo, quitou a muller de traballar na de Ferreira e sobre 1967 ou 1968 vendéronlle a Manuel Ponte Muñiz e abriron en Paiosaco a Panadería Santa Teresa. Francisco e Lucinda son os pais de Cristina, a da panadería A Balsa da Laracha”.

    Manuel Ponte Muñiz, o novo propietario de A Pachanga, era natural do val de Loureda, onde segundo as informacións de Paco 'o Cubano' traballara durante algún tempo de zapateiro. Na época na que ía mocear a Estramil e á Barreira seica lle chamaba Tabú a esa zona.

   - Vou a Tabú, dicía.

    Cando Manuel, que casou en Estramil con Obdulia Veiga, lle comprou a Francisco e a Lucinda, a taberna deixou de ser A Pachanga para converterse, dende aquel momento no Tabú, onde moitos dos empregados de Ferreira seguían parando despois da súa xornada laboral. E mesmo había a posibilidade de facer fonda alí, como así nolo confirmou no verán do 2023 Remedios 'do Porto', veciña da Barreira: “O meu marido chámase Álvaro Evangelista e traballou con Ferreira moitos anos. Álvaro é portugués, de Chaves, antes de vir para aquí xa traballara nunha telleira que había na entrada de Chaves. Veu de mozo para aquí e estaba de pensión no Tabú, que foi onde nos coñecemos e casamos xa hai 55 anos. Na de Ferreira formáronse moitos matrimonios”.

    Naqueles anos 60 continuaba habendo moita man de obra feminina en Cerámica La Perfección. Unha das mozas que gañaba o pan alí era Carmen García Pallas, dona de Pepe 'o Labrador', que nos contou que Estramil era un lugar de moita pobreza e os de Ferreira déronlle traballo á xente da aldea, e darredor, e a posibilidade de ter unha mellor vida. Cando traballei na de Ferreira, que debeu ser en 1966, gañaba once pesos cada día, que eran unhas 1.300 pesetas ao mes. Alí había tantas mulleres como homes. Se cadra éramos máis as mulleres que os homes. Eu acordo a Chucha e a Maruja 'do Pailuco', Anita de García, Pilara de Rosa, Venera 'de Carreteras', que facía a limpeza na casa e tamén traballaba na fábrica, na máquina cortadora, e dáballe o ladrillo ás outras para poñer na carreta, Lola de Canedo; Angelita 'da Chirila', Amparo 'da Chirila', que estas dúas eran irmás, Fina 'do Peiluco', Pura de Ramón, Anita de Fideles e moitas máis que agora non acordo. Tamén había mulleres de Razo, que viñan nun Land Rover. A de Ferreira e a de Epifanio foron as primeiras industrias da Laracha con man de obra feminina”.

   Aínda que a produción estaba centrada na fabricación de ladrillo, nos 60 tamén se facía algo de tella, como así o recorda Pepe 'o Labrador': “Na cerámica de Ferreira só facían ladrillo e tella, tella do país, pero moi pouca. A tella facíana de encarga. Houbo unha época que a xente botaba o tellado de uralita pero os remates había que rebocalos con tella. Nós, por exemplo, colliamos obras e facíase todo. Falo da telleira de Ferreira. Eu fixen tella para os cumios dos tellados das casas a mais a tella para os remates dos lados. Esa era tella máis gorda, con máis espesor de barro, pero ese era molde distinto. Os moldes eran de ferro e facíaos Manolo 'do Labregho', que era o mecánico que había daquela. Manolo 'do Labregho', era o pai de Manuel o do Ambigú, que levou este bar moitos anos”.

    Pepe 'o Labrador' tamén nos contou que “ao principio pouca maquinaria había na de Ferreira pero, pouco a pouco, foi comprando máquinas e camións para a extracción do barro. Trouxo unha escavadora Jumbo e unha Kramer de rodas que era a que movía co cazo o barro que se fabricaba aí. Facía todo o servizo de limpar a eira e botar o barro nos alimentadores… porque o barro había que botalo nos alimentadores, e estes aparellos tiñan un eixo que lle chamabamos a cabra. Os alimentadores traían o barro para a cinta e unha vez alí o operario non tiña que facer nada, soamente enchufar e mirar que non caera o barro para fóra da cinta e que non botara de máis a cabra. O ladrillo íase moldeando e fabricando e había unha muller á beira onde se cortaba. Despois estabamos as outras persoas para recoller, cargar nas carretas ou poñer na eira ou nas vagonetas para secar”.

   Tras moitas décadas extraendo a arxila da Barreira, cando o barreiro xa tiña un diámetro considerable, empezaron a mesturar barro dunha barreira próxima á Mariquiña e Fortuna que é a mina grande de Epifanio Campo. Nos anos 50 Ferreira xa extraía barro desta explotación denominada A Rega, hoxe convertida nunha fermosa lagoa. Os movementos de terras desta zona aprécianse nas fotografías do chamado voo americano de 1956.

Panorámica actual da Rega, a explotación que José Manuel Ferreira tiña cerca da barreira de Cerámica Campo (Brais Maceiras)

    Ao fío desta información, Carmiña, a muller de Moncho Ferreira, contounos que o noso ladrillo era moi bo. Tiña moita calidade. Un albañil facía un medio e non lle partía. Por iso querían o noso ladrillo… e de aí o nome de cerámica La Perfección. O meu marido sabía mezclar moi ben os barros porque tiñamos o barreiro de alí, ao lado da casa, e despois había outro que estaba cerca do barreiro de Lendo de Epifanio Campo. O forno da fábrica non se apagaba nunca. Estaba sempre encendido. Ao mellor apagábase unha ou dúas veces ao ano para reparalo por se lle caía algún ladrillo, pero despois encendíase e non se apagaba. O proceso era todo manual. Por arriba había uns tornillos e pola dilatación destes tornillos sabías cando os ladrillos estaban cocidos. Para o forno utilizábase serrín, que despois escaseaba porque o empezaron a levar para as granxas de polos e daquela empezamos co fuel. Ao serrín íamos aos aserradoiros de aquí, ao de San Román por exemplo, onde está a gasolineira. Collíase en moitos sitios, na zona de Arteixo collíamos na de Rumbo, en Loureda. Ao principio os aserradoiros estaban encantados para que llo foras a coller, pero despois había que pagalo e era caro. Non se conseguía facilmente e eso era un problema. Por iso acabamos poñendo mecheros de fuel. Naquel momento o fuel non saía moito máis caro”.

Panorámica das instalacións de Cerámica La Perfección a finais dos anos 60 (Arquivo do Reino de Galicia)

   Con Ferreira tamén traballou durante un tempo seu cuñado Manuel, que aínda hai quen o acorda botando serraduras no forno cun carretillo grande. Precisamente con relación ás serraduras e ao secado do material Pepe 'o Labrador' recorda que eu fun para a de Ferreira de rapaz con 14 ou 15 anos, e despois fixen o servizo militar. Na mili saquei todos os carnés e ao licenciar empecei a traballar na de Epifanio Campo e alí botei seis anos. Nesa época na de Ferreira non tiñan camións. No 69 volvín para a de Ferreira outra vez. Cando traballaba na de Epifanio cobraba 6.000 pesetas e cando fun para a de Ferreira gañaba 6.500 pesetas. Recordo que para o secado do material había uns andamios. O ladrillo normalmente secábase no secadoiro, entraba nunhas vagonetas de ferro e dentro do secadoiro había como un forno para facer a calor por mediación de tuberías. Esa calor conseguíase con casca de madeira e tablilla, casca de pino, baruta… Había varios transportistas que traían mercancía para aí. Uns traían baruta dos talleres de machembra e outros traían casca. Eu andaba a diario á casca, porque despois compraron un camión para a casca que tiña unhas valderas grandes, un camión do pescado, e andaba polas torbas. Todos os aserraderos normalmente tiñan torba, que era o lugar onde se botaba a casca. A casca para a torba subía ou por unhas canaletas, unha cinta, ou subía por mediación dun tubo, por unha tubería e un ventilador e sopláballe para arriba e subía polo tubo e xa quedaba estendida a torba. As torbas eran grandes porque eso non tiña moito peso pero avultaba moito. Eu andaba a diario neso. Levaba ladrillo e retornaba á fabrica de Ferreira con casca. Por exemplo saía un viaxe de ladrillo para Carballo e de volta tiña que retornar cun viaxe de casca. Solo era o meu camión o que traía a casca, xa estaba preparado para eso porque tiña unhas balderas altas”.

Publicidade dos anos 70 de La Perfección (El Ideal Gallego)

(... CONTINUARÁ)