OS PRIMEIROS SERRADOIROS DA LARACHA (1ª PARTE)
Aínda que é probable que xa houbera algunha serra sen fin traballando na Laracha con anterioridade, os primeiros datos que lle podemos ofrecer ao lector sobre a instalación de serradoiros no municipio larachés datan de inicios do século XX.
O feito de que se perdera a documentación do arquivo municipal nun incendio acontecido hai moitos anos supuxo un enorme atranco nas nosas indagacións mais, con todo, obtivemos informacións de relevancia por outras vías, especialmente os datos relativos da chamada contribución industrial, un imposto que a partir da reforma do Ministro de Facenda, Alejandro Mon y Menéndez, en 1845 converteuse nun canon fixo segundo a actividade e a poboación onde estaba establecida a industria, e un variable, consistente nun 10 % dos locais utilizados para o exercicio. Ao ser unha cantidade fixa, rexíase polo sistema de cota polo mero exercicio, fixándose unha listaxe con cada unha das actividades e debéndose pagar por outros conceptos o resto dos elementos gravados (edificios, capital, utilidades ou beneficios, etc.). Evolucionou en 1896 á contribución sobre utilidades.
Deste xeito, no Boletín Oficial da Provincia do 10 de maio de 1913 aparece na contribución industrial, dentro da tarifa 3ª e cunha cota anual de 78,75 pesetas, José Díaz Díaz como propietario dunha “sierra sin fin” instalada en Lemaio, moi probablemente ao carón da casa dos legoeiros de Proame. Este mesmo empresario tamén o podemos ver nas matrículas da contribución dos anos seguintes e, en 1917, mesmo é o industrial que contribúe coa maior cantidade do municipio, pagando unha cota de 93, 44 pesetas.
![]() |
Contribución
industrial para o ano 1913 na que consta, na "Tarifa 3ª", a serra sen
fin de José Díaz Díaz (Boletín Oficial da Provincia da Coruña, 10 de
maio de 1913) |
Grazas á colaboración de José Antonio Esmorís Gómez, arquiveiro do Concello de Carballo, sabemos que este José Díaz Díaz residía na capital de Bergantiños, onde rexentaba unha taberna na rúa do Sol, e que foi pai de José Díaz Docampo, tamén empresario do sector madereiro, “e este foi pai de José Díaz Fraga, dono do serradoiro que había onde hoxe están os terreos do ambulatorio de Carballo cara a estrada que vén da Coruña”, díxonos Esmorís. Precisamente, nun capítulo dedicado ás fábricas de madeira carballesas de antano, o escritor Xan Fraga fala dun serradoiro desta familia, o de José Díaz Docampo, nas súas Crónicas de Carballo:
“Sobre 1940 monta a fábrica, ao carón do campo de fútbol vello Pedras Brancas, José Díaz Docampo, que xa tivera outra na Rega, no cruce para Baldaio. A de Pedras Brancas era das máis importantes de Galicia, tiña entre trinta e cinco e corenta traballadores, funcionaba cunha máquina de vapor, cunha gran cheminea de 35 metros. Do pozo de auga acordámonos ben os que xogabamos ao fútbol no campo vello. Tiña varias máquinas de serrar, dous carros de galeiras para facer a táboa e tres circulares para quentala. Traballaba sobre todo o pino, facéndose táboa que se exportaba especialmente a Barcelona e Bilbao, e caixas de envases (tomates, laranxas...) cuxo mercado principal era o de Canarias; tamén, claro está, barrotillo para a construción. Para o transporte na zona usábanse carros, zorras e os camións sobre todo para o embarque nos portos da Coruña e Corme1.”
Anuncio da época da fábrica que tiña en Carballo José Díaz Docampo (Foto do libro Crónicas de Carballo II, da autoría de Xan M. Fraga)
Mais sigamos falando dos serradoiros da Laracha, onde en 1918 empeza a funcionar unha nova serra. Naquela hora, ao xa existente de José Díaz Díaz, sumábase a “sierra sin fin” que tamén estableceu en Lemaio, en fronte da casa dos legoeiros de Proame, José Caamaño Pallas, empresario que segundo consta na “matrícula para el año 1918 de todos los individuos que existen en dicha población sujetos á la contribución industrial”, pagaba, ao igual que o carballés Díaz, unha cota de 93,94 pesetas ao ano. Polo que nos contou a súa bisneta Marisa Lema, Caamaño nacera en Trasende (Cabovilaño), “na actual casa de turismo rural que hai nese lugar, e de moi noviño emigrara a América, creo que ao Uruguai. Ao vir de alá, con dous pesos no peto, casou en Proame con miña bisavoa, Manuela Rodríguez Rodríguez, e estableceron o domicilio alí. Parte dos aforros que fixera na emigración investiunos no serradoiro que estaba en fronte da casa dos peóns camiñeiros. O que non sei é se o montou antes ou despois de casar”.
Naquela época, xa co cambio de década e en tempos do alcalde José Castiñeiras, José Rodríguez Cotelo e Enrique Calviño tamén montaban en sociedade un serradoiro en Vilaño (hai certa confusión se exactamente estaba en Vilaño ou Cabovilaño), no lugar da Telleira, negocio que ía ser pasto das chamas no verán de 1921:
INCENDIO EN LARACHA
En la madrugada de anteayer, un incendio destruyó la fábrica de aserrar maderas que tenía en la parroquia de Vilaño, en Laracha, D. José Rodríguez Cotelo.
Se desconoce cómo pudo iniciarse el incendio.
Las pérdidas se calculan en veinte mil pesetas, aproximadamente2.
Nos días posteriores ao sinistro, o xornal El Ideal Gallego, facéndose eco dos díxomedíxome relativos ao incendio que circulaban de boca en boca naquel momento na Laracha, publicaba o seguinte artigo no que se poñían de manifesto algunhas sospeitas sobre o autor dos feitos:
Desde Laracha
Recibimos de Laracha una carta escrita con indignación y tristeza en la que se protesta contra las extralimitaciones del caciquismo, que por lo visto no se detiene ni ante el crimen. Atribúyese en dicha carta a un cacique el incendio producido en la fábrica de aserrar madera, que en el sitio denominado Telleira poseían D. José Rodríguez Cotelo y D. Enrique Calviño Cambre. Agregan que en las primeras horas del incendio se notaba un fuerte olor a petróleo con el que se supone que fue rociado el edificio y parte de las tablas próximas al mismo.
Desean que se llame la atención de las autoridades para que se depuren las responsabilidades a que haya lugar, se castigue a los culpables y poder exigir la oportuna indemnización de daños y perjuicios3.
Moito nos tememos que o segundo apelido do tal D. Enrique Calviño Cambre do que se fai alusión no artigo non é correcto. Na nosa humilde opinión foi un erro de transcrición do xornal herculino, tratándose, na realidade, do empresario madeireiro Enrique Calviño Cambón, que abastecía con toradas da Laracha (e doutros lugares) o almacén de madeiras que posuía dende había anos na Coruña, na Explanada do Orzán.
Uns meses despois do incendio, o Boletín Oficial da Provincia da Coruña informaba que “D. Enrique Calviño Cambón solicita derivar agua del río Pequeño de Monte Mayor, en Laracha4”. Ao pouco, logo das oportunas obras e reparacións, o serradoiro da Telleira, que estaba situado nos lindes das parroquias de Vilaño e de Cabovilaño, volve a funcionar baixo a dirección do noso protagonista.
Andando no tempo este negocio sería o serradoiro de “Lecos”. Os seus vestixios aínda se poden ver na actualidade, en fronte da Farmacia San Román, vestixios que visitamos no verán de 2024 grazas a atención de José Freire Esmorís e da súa filla Elena, que atenderon a un servidor coa maior das amabilidades. José, nacido en Nogán en 1932 e coñecido polo mesmo alcume que seu pai Eladio “Lecos”, contounos que o serradoiro familiar “fundárao un tal Calviño da Coruña. Disque lle chamaban a fábrica de Calviño. O ladrillo que aínda se ve hoxe era do serradoiro antigo, que seica ardera e que no incendio morrera o fogoneiro. Polo que teño oido de rapaz, este tal Calviño parece ser que llo vendeu a Ramón de Mallo, Ramón Esmorís García, que era do Arén. E, pasado un tempo, Ramón de Mallo vendeulle a meu pai”. Desa época, de cando Enrique Calviño Cambón decide vender o seu negocio da Laracha, localizamos na prensa herculina da época o seguinte anuncio:
SE VENDE una fábrica de aserrar maderas con caldera-máquina locomóvil fuerza 30 HP., sierra circular, una cinta de 1,20m. De diámetro con galera para troncos y dos molinos harineros en la Telleira, Laracha y en la misma carretera. Para informes, a D. Enrique Calviño, fábrica de aserrar. Explanada del Orzán5.
Nestes primeiros anos vinte dos que estamos a falar íanse abrindo (ou cambiando de mans) novos serradoiros no municipio, negocios que nalgún caso concreto tamén foron devorados, total ou parcialmente, polo lume. Así, sobre este particular, temos noticias de que en 1924 Pedro Iglesias Graña, empresario do que falaremos máis polo miúdo noutra ocasión, perdeu unha caseta do serradeiro que tiña en Proame (probablemente o que inicialmente fora de José Díaz) a raíz dun incendio que parece ser que provocara un veciño da zona:
En Laracha, en la noche del 19 al 20 del corriente, un incendio destruyó una caseta que había contigua a la fábrica de aserrar maderas que allí tiene D. Pedro Iglesias Graña.
Por creerse autor del hecho ha sido detenido Antonio R., de 57 años de edad, vecino de Cabo Vilaño6.
Outro medio da Coruña, El Orzán, tamén se facía eco deste incidente e do posible autor dos feitos:
LARACHA
Como presunto autor del incendio de una caseta de la fábrica de aserrar de D. Pedro Iglesias Graña, situada en el lugar de Proame, fue detenido por la guardia civil el vecino de la parroquia de Cabo Vilaño Antonio R. R. Calcúlanse las pérdidas en 225 pesetas7.
Dous anos máis tarde de que se producira o sinistro anterior, o serradoiro de José Caamaño Pallas, instalado en fronte da casa dos legoeiros de Proame dende 1918, tamén sufría un colosal incendio a causa dunha chispa provocada pola caldeira:
LARACHA
A las dos de la tarde del día 13 del actual se produjo un incendio en la fábrica de aserrar maderas que en el lugar de Proame, parroquia de Lemayo (Laracha) tiene establecido la razón social “Caamaño y Compañía”.
Una hora después de iniciarse el fuego la fábrica había quedado reducida a cenizas.
El incendio fue casual. Se cree que alguna chispa de la caldera saltó al serrín prendiendo fuego que se propagó al edicio que era de madera.
Las pérdidas se calculan en 15.000 pesetas8.
(CONTINUARÁ...)
___________
1 Xan M. Fraga Rodríguez (2004): Crónicas de Carballo II, Agrupación Cultural Lumieira, Carballo, páx. 97.
2 La Voz de Galicia, 28 de xuño de 1921, páx. 1.
3.El Ideal Gallego, 14 de xullo de 1921, páx. 2.
4 Boletín Oficial de la provincia de la Coruña, 30 de setembro de 1921, páx. 4.
5 La Voz de Galicia, 22 de decembro de 1923, páx. 6.
6 La Voz de Galicia, 4 de xuño de 1924, páx. 5.
7 El Orzán, 31 de maio de 1924, páx. 2.
8 El Ideal Gallego, 17 de xuño de 1926, páx. 3.
OS PRIMEIROS SERRADOIROS DA LARACHA
(2ª PARTE E FIN)
Naquela altura, durante aqueles anos 20 do século pasado, o libreiro, editor e escritor coruñes Uxío Carré Aldao andaba pateando toda a provincia da Coruña para documentar e escribir a súa Geografía General del Reino de Galicia, obra que finalmente se ía publicar en 1928. Carré viu, con certeza, fumegar algunha que outra cheminea dos serradoiros da Laracha. Cando describe a parroquia de Vilaño, dinos o seguinte:
Los lugares de Formigueiro, Bostelo y Quintáns, en la parte alta son muy frondosos, con muchos castaños y arbolado fértil: estas aldeas son como la parte media de la feligresía, en la que existen nueve molinos, el más importante con tres piedras, en la Areosa, y un aserradero mecánico en Vilán1.
Panorámica do lugar de Quintáns (Xabier Maceiras)
Na devandita obra, e con relación á foresta e a industria da Laracha, o autor herculino tamén conta que naquela hora no municipio larachés non escaseaba “el arbolado, especialmente el pino del país2” e que a industria “es casi nula, y el comercio, fuera de los productos agrícolas y ganaderos y sus derivados, está concretado a las necesidades locales3”.
Nesa mesma época, segundo os datos do Anuario industrial y artístico de España correspondentes ao ano 1929, sabemos que na Laracha tiñan cadanseu serradoiro Pedro Añón, José Caamaño, José Esmorís, José Gómez, Pedro Iglesias, Juan Insua, Pedro Longueira e José Rodríguez. Estos oito empresarios seguen aparecendo como propietarios de serradoiros nos primeiros anos da década dos 30 mais, desgraciadamente, o devandito anuario non especifica o lugar concreto do municipio no que estos industriais tiñan o seu respectivo negocio. Hai certa contradición cos datos que nos ofrece o Anuario regional descriptivo, informativo y seleccionado de la industria, comercio, agricultura, profesiones, arte y turismo del norte de España correspondente ao ano 1932, onde aparecen como propietarios de “serrarías mecánicas” José Caamaño Pallas y Compañía, José Rey Suárez y Compañía, José Rodríguez Fernández e José V. Gómez. No devandito anuario tamén aparecen Eliseo Barreiro, José Caamaño Pallas, Pedro Iglesias Graña e José Rodriguez Fernández no apartado titulado “maderas”.
Grazas ao señor José Freire “Lecos” sabemos que entre finais dos anos 20 e principios dos 40 houbo outro serradoiro no lugar da Telleira (Cabovilaño), situado a poucos metros do negocio deles. “Naqueles tempos seica había outra fábrica de madeira na Laracha e disque lle chamaban a de Gisán, que creo que era un señor da Coruña. Ese aserradero estaba despois do noso, na curva, indo para A Laracha á man esquerda, no que hoxe é a casa de Varela.”
![]() |
Panorámica actual do lugar da Telleira, na parroquia de Cabovilaño, no que estaba a fábrica de Santiago Guisán (Xabier Maceiras) |
Tras o paseo que nos permitiu realizar o señor José pola súa memoria, nada máis chegar á casa, acudimos á Web para consultar os anuarios industriais dos primeiros anos do século pasado co obxectivo de localizar a este empresario. E, efectivamente, atopamos a un tal Santiago Guisán, que tiña almacén de madeiras na rúa herculina García Prieto, rúa que ata fai pouco era a Avenida General Sanjurjo e na actualidade é a Avenida de Oza.
Á parte da de Guisán, en 1929 na cidade da Coruña había outra ducia de fábricas de madeira, entre elas a de Ricardo Alonso Criado, que tiña o almacén no Camiño da Estación; Antonio Jaspe Dans, con fábrica tamén no Camiño da Estación; Hijos de Emilio Ceroagán, na rúa do Socorro; Ricardo Molesmi, no Camiño Novo; Ricardo Molezún, en Juan Flórez; Hijos de Aquilino Santeco, na Palloza; Viuda de Antonio Wais, na Gaiteira; Pastor Varela, na rúa José Lombardero; Domingo Zamaola, no Corralón da Gaiteira; Elvira Zapata Dono, na rúa Cordonería; e o xa nomeado Enrique Calviño Cambón, empresario que, ao igual que facía Santiago Guisán, abastecía o seu almacén na Explanada do Orzán con madeira da Laracha.
![]() |
Tarifa de prezos de venda ao público de madeira de piñeiro nun serradoiro galego en 1929 |
É posible que Guisán tivera establecida sociedade con algún dos oito empresarios madeireiros que naquela hora existían na Laracha e que, por tal motivo, non figura na listaxe do anuario de industria entre os anos 1929 e 1934. Polo que sospeita o señor José Freire “Lecos”, parece ser que a fábrica que Guisán tiña na Telleira (Cabovilaño) deixou de funcionar na época da Guerra Civil ou durante os primeiros anos da posguerra. “Eu nacín no 1932. A fábrica de Gisán xa non traballaba cando eu era rapaz pero acórdome de ver as paredes”, díxonos o señor José. Ao fío do seu testemuño, deixamos enriba da mesa o anuncio breve que localizamos na edición do 4 de maio de 1941 do xornal La Voz de Galicia: “VENDO fábrica de aserrar maderas en La Laracha. Informarán Franja, 10, 2º. De 2 a 44.”¿Sería a fábrica de Santiago Guisán?
Á parte dos serradoiros propiamente ditos, tamén temos constancia da instalación, entre os últimos anos vinte e primeiros trinta, de outro modelo de serra nalgún muíño da Laracha:
AUTORIZACIONES
Las industrias en la provincia
En la “Gazeta” del 16 se publica la concesión de numerosas autorizaciones para ampliar industrias y maquinaria, en que las cuales figuran las siguientes para esta provincia:
(...) A don José Viña, de Laracha, para instalar en su molino harinero, y para ser movido por el mismo motor que éste, un aparato de sierra de cinta de cien centímetros de diámetro de volante (...)5.”
Cabe a posibilidade de que este José Viña sexa o mesmo José Viña Gómez da familia Vioño do que falamos no libro Os bailes dos avós. Música e salóns da Laracha de antano, propietario dun salón de baile en Cillobre nos anos 20-30. Polo que nos contou o seu neto Manuel Viña Parada, José converteu o salón en muíño con motor de gasóleo e, posteriormente, eléctrico. O neto tamén nos dixo que seu avó tivera serradoiro en Larín (Arteixo), pero con relación á serra de cinta da que se fai alusión na prensa de 1930 dixo non saber nada.
Esa serra de cinta de José Viña (que ben poderíase ser outro veciño de calquera parroquia) tamén podería tratarse do modelo que era accionado pola auga dun curso fluvial, que facía virar unha roda a partir da cal se convertía o movemento circular nun movemento rectilíneo alternativo por medio do mecanismo coñecido como biela manivela6. Quen sabe, se cadra na actualidade, agochada no medio da espesura da maleza na que se sobreviven moitos dos nosos muíños, aínda se conserva algunha destas serras hidráulicas. Se sabedes da existencia de algunha na Laracha, contactade con nós por favor.
![]() |
Interior do serradoiro e muíño do Pighorro, O Rosal, Pontevedra (Xabier Maceiras) |
Esos primeiros serradoiros hidráulicos, que tamén cumprían a labor de muíño, tiñan unha serra simple, e os máis complexos dispoñían ademais de serras, tornos e cepilladoras, accionados tamén hidraulicamente combinando rodas e correas de transmisión. Precisamente, en outubro de 2024, horas antes da presentación no Rosal do libro As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño, tivemos a sorte de visitar un destos tesouriños etnográficos que aínda manteñen viva a nosa cultura tradicional. Trátase da serra do Pighorro, serradoiro e muíño que data de finais do século XIX e que se acciona pola auga do regato Padrón, sito no lugar do Cardal, xuradía de Marzán, parroquia e concello do Rosal. Estivemos alí na compaña de varios membros da corporación do Rosal, entre eles a alcaldesa Ánxela Fernández Callís, do propietario da serra e do prezado e admirado José Álvarez Alonso, 'Pepe o Buraco', artífice da visita que tivo a ben explicarnos aos alí presentes o funcionamento da maquinaria. Tarde inesquecible, abofé!
![]() |
Panorámica do serradoiro e muíño do Pighorro, O Rosal, Pontevedra (Xabier Maceiras) |
Chegamos xa anos anos corenta, época na que na Laracha traballaban a un tempo case unha decena de serradoiros dos que fai mención Salvador Parga Pondal na súa tese doutoral Comarca natural de Bergantiños7. Nacido do seo dunha estirpe de destacados investigadores e literatos, Parga Pondal doutourouse en filosofía e letras coa devandita tese, da que escribía o último folio o 1 de xaneiro de 1950. Neste traballo compilou textos, láminas e fotografías para conformar un magnífico orixinal de dous tomos nos que amosaba toda a sabedoría dunha vida como investigador. Con relación aos serradoiros laracheses ofrece unha serie de datos de notable interese para a nosa investigación. Segundo as súas informacións, a parroquia de Cabovilaño era a potencia madeireira do municipio xa que naqueles anos corenta contaba cun total de cinco serradoiros, o de Pedro Iglesias Graña, no que traballaban 18 obreiros, o de José Rodríguez Fernández, que tiña 9 operarios, o de Jesús Pallas Rabuñal con 8, o de Jesús Ramos Calviño con 7, e o de Ramón Esmorís García con 6. Salvador Parga Pondal nomea dous serradoiros na parroquia de Lemaio, o de José Rodríguez Gayoso8, no que gañaban o pan 7 persoas, e o de José Insua González, que tiña 6 operarios. E, finalmente, fai mención de dous serradoiros máis, o que tiña Florencio Rey Queijo na parroquia de Torás (estaba situado na actual Avenida Doutor López Astray) e do de Felicísimo Pombo Souto na de Golmar, negocios nos que traballaban 5 operarios en ámbolos dous.
De todos estos serradoiros, e dos que empezaron a funcionar posteriormente, falaremos de xeito pormenorizado no futuro nestas Crónicas da Laracha.
__________
1 Uxío Carreo Aldao (1980): Geografía General del Reino de Galicia, dirigida por F. Carreras y Candi, Volumen VI, La Coruña, Tomo 3º, Ediciones Gallegas, S.A., A Coruña, páx. 184.
2 Ibídem, páx. 173.
3 Ibídem, páx. 174..
4 La Voz de Galicia, 4 de maio de 1941, páx. 7.
5 El Orzán, 18 de xaneiro de 1930, páx. 2.
6 Peza de certos mecanismos, en forma de barra, articulada con dúas pezas móbiles nos extremos, entre as que transmite un movemento, que pode transformar de rectilíneo alternativo en circular, ou viceversa.
7 Salvador Parga Pondal (2010): Comarca natural de Bergantiños, Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Bergantiños, A Camposa, Buño, Malpica de Bergantiños, A Coruña.
8 Parga Pondal trabucouse nun apelido xa que na realidade era José Regueira Gayoso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario