San Cristovo é un dos lugares que conforman a parroquia de Golmar. Alí vive a señora Maruja Pombo Rey, que xa vos podemos adiantar que será unha das persoas protagonistas do libro “Os serradoiros da Laracha” no que xa levamos varios meses traballando baixo o patrocinio do Concello da Laracha.
Muller afable, de boa memoria e de conversa amena, hai uns meses a señora Maruja tivo a ben recibirnos no seu domicilio na compaña dos seus fillos Isabel a Eladio para contarnos a historia do serradoiro que abriran na Beria (Golmar) en 1940 seu avó Silvestre, seu tío Florencio e seu pai Felicísimo, Felis para os seus amigos.
Nas entrevistas que realizamos para os nosos respectivos proxectos temos que recoñecer que, na meirande parte das ocasións, as persoas coas que conversamos sempre nos agasallan con verdadeiros tesouriños sobre o noso pasado máis recente. E como non podía ser doutro xeito, iso foi o que tamén nos pasou con Maruja Pombo quen, á parte de ofrecernos numerosas pinceladas sobre o antigo negocio familiar que debullaremos nun futuro próximo, tamén nos falou dunha antiga capela que había a poucos metros do seu domicilio, entre San Cristovo e O Ramallal, da fonte deste pequeno templo... e mesmo de como se curaba algunha que outra hernia neste lugar.
![]() |
Na parte inferior da imaxe, terreos onde estaba a fonte e a capela de San Bieito que había en San Cristovo, que é o lugar que se observa ao fondo |
Segundo o testemuño da nosa protagonista, a devandita capela tiña advocación a San Bieito, curiosamente o patrón da parroquia de Golmar. “Disque estaba aí abaixo nunha leira nosa. A leira colle un pouco dun terreo doutro veciño e efectivamente chámase A Capilla pero, como se fixeron dúas trenzas diso, actualmente non colle todo. Eu o único que acordo é que alí había unhas pedras e moi cerca delas había unha fonte, que dicían que esa era a fonte da capilla de san Benito. As pedras estaban labradas e algunhas aínda se aproveitaron para as casas. A fonte debía estar a uns 30 metros desas pedras, e alí facíase un ritual para curar a un neno pequeno que estaba herniado”.
![]() |
(https://www1.sedecatastro.gob.es) |
-Iso vino eu- dixo Isabel antes de que súa nai nos falara con máis detalle sobre este rito:
“Alí había uns carballos pequeniños e un deses carballos abríano ao medio. Por alí, polo medio da vara ou da póla, dúas mulleres pasaban ao neno. Tiñan que ser dúas Marías. Unha María era a que o daba e outra María era o que o recollía. Eu fun unha vez, que me chamara outra María. E ela dicíame:
-Toma, María.
-Ti que me das?
-Douche un herniado
-Dios o reciba sano e salvo e coa gracia de Dios e da Virgen María, un Padre Nuestro e un Ave María.
![]() |
Pólas dun carballo |
A señora Maruja volvía a facer fincapé de que “o carballo tiña que ser unha vara para podelo abrir ao medio porque, se era grande, xa non se podía separar unha parte da outra. Unha vez que pasaba o neno polo medio, volvían a enxertar o carballo. Se o carballo vivía, o neno curaba. E se o carballo secaba, o neno non curaba. Este remedio facíase alí cando a leira era enteira e non as dúas trenzas da actualidade”.
![]() |
A señora Maruja Pombo Rey no seu domicilio de San Cristovo |
Antes de que anoitecera, visitamos o lugar con Eladio e comprobamos que o sitio onde estivera a capela e a fonte do que nos falara súa nai minutos antes xa hai anos que modificou a súa fisionomía. “En Golmar e en Soutullo -díxonos Eladio- houbera unha concentración parcelaria e con ela poidéranse facer fincas máis grandes. Aquí era o sitio onde estaba a fonte de San Benito. Chamábase ou A Capilla ou Susantos. Un pouco máis arriba, hai anos había un camiño que cruzaba por aquí polo medio”.
![]() |
Zona na que estaba a capela e a fonte de San Bieito |
![]() |
Lugar aproximado no que estaba a fonte de San Bieito |
Como ben di o prezado e admirado Miguel Sande, a memoria é o tesouro que cada quen ten gardado de seu e que nos configura como seres, como persoas, coas nosas vivencias; é o noso “chip” particular. Vaia dende aquí o noso agradecemento á señora Maruja (grazas tamén Isabel e Eladio) e a todas as persoas que habitualmente comparten con nós as súas vivencias permitíndonos pasear pola súa memoria.
Ata a semana que vén!
Ningún comentario:
Publicar un comentario