A historia de Cerámica La Perfección vai collida da man de A Pachanga e do Tabú, unha lendaria taberna da Barreira da que nos falou Antonio Fuentes Varela: “Cerca de onde tivera meu avó Daniel a primeira telleira, na Braña de Estramil, vivían Francisco e Lucinda nunha casiña moi humilde. El, que fora panadeiro, era moi traballador pero tiña problemas de saúde. Ela andaba ás piñas e nos anos 50 conseguiu traballo na telleira de Ferreira. Nesa época os bancos non che daban créditos facilmente e Francisco, como malamente puido, comprou un pequeno terreo que estaba xusto en fronte da telleira de Patiño. Sobre 1959 ou 1960 fixo alí un pequeno local que tiña un forno pequerrecho no que cocía, todo máis, media ducia de moletes. Cando abriu o negocio a canción “La Pachanga”, de Luis Aguilé, tiña moito éxito e púxolle ese nome á tenda, que foi reformando pouco a pouco. As cousas empezáronlle a ir ben porque claro, ás 10 da mañán o que máis e o que menos íalle buscar un bocadillo e unha cerveza. E despois da xornada os empregados das telleiras da zona, que daquela xa só se traballaba dez horas, tamén parábamos alí. Francisco quitaba pan do forno e comías un anaco de 2 pesetas de bola, 3 pesetas de sardiñas e un vaso de viño clarete e ías coma un Pepe! Entre a xente que traballaba na de Ferreira e na de Sada, que era a telleira de meu pai, pois se cadra xa parabamos alí 25 ou 30 persoas todos os días... e xa facía uns pesiños. Co tempo, quitou a muller de traballar na de Ferreira e sobre 1967 ou 1968 vendéronlle a Manuel Ponte Muñiz e abriron en Paiosaco a Panadería Santa Teresa. Francisco e Lucinda son os pais de Cristina, a da panadería A Balsa da Laracha”.
Manuel Ponte Muñiz, o novo propietario de A Pachanga, era natural do val de Loureda, onde segundo as informacións de Paco 'o Cubano' traballara durante algún tempo de zapateiro. Na época na que ía mocear a Estramil e á Barreira seica lle chamaba Tabú a esa zona.
- Vou a Tabú, dicía.
Cando Manuel, que casou en Estramil con Obdulia Veiga, lle comprou a Francisco e a Lucinda, a taberna deixou de ser A Pachanga para converterse, dende aquel momento no Tabú, onde moitos dos empregados de Ferreira seguían parando despois da súa xornada laboral. E mesmo había a posibilidade de facer fonda alí, como así nolo confirmou no verán do 2023 Remedios 'do Porto', veciña da Barreira: “O meu marido chámase Álvaro Evangelista e traballou con Ferreira moitos anos. Álvaro é portugués, de Chaves, antes de vir para aquí xa traballara nunha telleira que había na entrada de Chaves. Veu de mozo para aquí e estaba de pensión no Tabú, que foi onde nos coñecemos e casamos xa hai 55 anos. Na de Ferreira formáronse moitos matrimonios”.
Naqueles anos 60 continuaba habendo moita man de obra feminina en Cerámica La Perfección. Unha das mozas que gañaba o pan alí era Carmen García Pallas, dona de Pepe 'o Labrador', que nos contou que “Estramil era un lugar de moita pobreza e os de Ferreira déronlle traballo á xente da aldea, e darredor, e a posibilidade de ter unha mellor vida. Cando traballei na de Ferreira, que debeu ser en 1966, gañaba once pesos cada día, que eran unhas 1.300 pesetas ao mes. Alí había tantas mulleres como homes. Se cadra éramos máis as mulleres que os homes. Eu acordo a Chucha e a Maruja 'do Pailuco', Anita de García, Pilara de Rosa, Venera 'de Carreteras', que facía a limpeza na casa e tamén traballaba na fábrica, na máquina cortadora, e dáballe o ladrillo ás outras para poñer na carreta, Lola de Canedo; Angelita 'da Chirila', Amparo 'da Chirila', que estas dúas eran irmás, Fina 'do Peiluco', Pura de Ramón, Anita de Fideles e moitas máis que agora non acordo. Tamén había mulleres de Razo, que viñan nun Land Rover. A de Ferreira e a de Epifanio foron as primeiras industrias da Laracha con man de obra feminina”.
Aínda que a produción estaba centrada na fabricación de ladrillo, nos 60 tamén se facía algo de tella, como así o recorda Pepe 'o Labrador': “Na cerámica de Ferreira só facían ladrillo e tella, tella do país, pero moi pouca. A tella facíana de encarga. Houbo unha época que a xente botaba o tellado de uralita pero os remates había que rebocalos con tella. Nós, por exemplo, colliamos obras e facíase todo. Falo da telleira de Ferreira. Eu fixen tella para os cumios dos tellados das casas a mais a tella para os remates dos lados. Esa era tella máis gorda, con máis espesor de barro, pero ese era molde distinto. Os moldes eran de ferro e facíaos Manolo 'do Labregho', que era o mecánico que había daquela. Manolo 'do Labregho', era o pai de Manuel o do Ambigú, que levou este bar moitos anos”.
Pepe 'o Labrador' tamén nos contou que “ao principio pouca maquinaria había na de Ferreira pero, pouco a pouco, foi comprando máquinas e camións para a extracción do barro. Trouxo unha escavadora Jumbo e unha Kramer de rodas que era a que movía co cazo o barro que se fabricaba aí. Facía todo o servizo de limpar a eira e botar o barro nos alimentadores… porque o barro había que botalo nos alimentadores, e estes aparellos tiñan un eixo que lle chamabamos a cabra. Os alimentadores traían o barro para a cinta e unha vez alí o operario non tiña que facer nada, soamente enchufar e mirar que non caera o barro para fóra da cinta e que non botara de máis a cabra. O ladrillo íase moldeando e fabricando e había unha muller á beira onde se cortaba. Despois estabamos as outras persoas para recoller, cargar nas carretas ou poñer na eira ou nas vagonetas para secar”.
Tras moitas décadas extraendo a arxila da Barreira, cando o barreiro xa tiña un diámetro considerable, empezaron a mesturar barro dunha barreira próxima á Mariquiña e Fortuna que é a mina grande de Epifanio Campo. Nos anos 50 Ferreira xa extraía barro desta explotación denominada A Rega, hoxe convertida nunha fermosa lagoa. Os movementos de terras desta zona aprécianse nas fotografías do chamado voo americano de 1956.
![]() |
Panorámica actual da Rega, a explotación que José Manuel Ferreira tiña cerca da barreira de Cerámica Campo (Brais Maceiras) |
Ao fío desta información, Carmiña, a muller de Moncho Ferreira, contounos que “o noso ladrillo era moi bo. Tiña moita calidade. Un albañil facía un medio e non lle partía. Por iso querían o noso ladrillo… e de aí o nome de cerámica La Perfección. O meu marido sabía mezclar moi ben os barros porque tiñamos o barreiro de alí, ao lado da casa, e despois había outro que estaba cerca do barreiro de Lendo de Epifanio Campo. O forno da fábrica non se apagaba nunca. Estaba sempre encendido. Ao mellor apagábase unha ou dúas veces ao ano para reparalo por se lle caía algún ladrillo, pero despois encendíase e non se apagaba. O proceso era todo manual. Por arriba había uns tornillos e pola dilatación destes tornillos sabías cando os ladrillos estaban cocidos. Para o forno utilizábase serrín, que despois escaseaba porque o empezaron a levar para as granxas de polos e daquela empezamos co fuel. Ao serrín íamos aos aserradoiros de aquí, ao de San Román por exemplo, onde está a gasolineira. Collíase en moitos sitios, na zona de Arteixo collíamos na de Rumbo, en Loureda. Ao principio os aserradoiros estaban encantados para que llo foras a coller, pero despois había que pagalo e era caro. Non se conseguía facilmente e eso era un problema. Por iso acabamos poñendo mecheros de fuel. Naquel momento o fuel non saía moito máis caro”.
![]() |
Panorámica das instalacións de Cerámica La Perfección a finais dos anos 60 (Arquivo do Reino de Galicia) |
Con Ferreira tamén traballou durante un tempo seu cuñado Manuel, que aínda hai quen o acorda botando serraduras no forno cun carretillo grande. Precisamente con relación ás serraduras e ao secado do material Pepe 'o Labrador' recorda que “eu fun para a de Ferreira de rapaz con 14 ou 15 anos, e despois fixen o servizo militar. Na mili saquei todos os carnés e ao licenciar empecei a traballar na de Epifanio Campo e alí botei seis anos. Nesa época na de Ferreira non tiñan camións. No 69 volvín para a de Ferreira outra vez. Cando traballaba na de Epifanio cobraba 6.000 pesetas e cando fun para a de Ferreira gañaba 6.500 pesetas. Recordo que para o secado do material había uns andamios. O ladrillo normalmente secábase no secadoiro, entraba nunhas vagonetas de ferro e dentro do secadoiro había como un forno para facer a calor por mediación de tuberías. Esa calor conseguíase con casca de madeira e tablilla, casca de pino, baruta… Había varios transportistas que traían mercancía para aí. Uns traían baruta dos talleres de machembra e outros traían casca. Eu andaba a diario á casca, porque despois compraron un camión para a casca que tiña unhas valderas grandes, un camión do pescado, e andaba polas torbas. Todos os aserraderos normalmente tiñan torba, que era o lugar onde se botaba a casca. A casca para a torba subía ou por unhas canaletas, unha cinta, ou subía por mediación dun tubo, por unha tubería e un ventilador e sopláballe para arriba e subía polo tubo e xa quedaba estendida a torba. As torbas eran grandes porque eso non tiña moito peso pero avultaba moito. Eu andaba a diario neso. Levaba ladrillo e retornaba á fabrica de Ferreira con casca. Por exemplo saía un viaxe de ladrillo para Carballo e de volta tiña que retornar cun viaxe de casca. Solo era o meu camión o que traía a casca, xa estaba preparado para eso porque tiña unhas balderas altas”.
![]() |
Publicidade dos anos 70 de La Perfección (El Ideal Gallego) |
(... CONTINUARÁ)
Ningún comentario:
Publicar un comentario