A partir da segunda metade da década dos 50 Ferreira ía dar o pulo definitivo para transformar o proceso artesanal en industrial. Pouco a pouco foi edificando naves, puxo un forno túnel continuo, secadoiro e meteu maquinaria como xa tiñan na telleira do lado, a chamada 'dos de Sada'. Nesa transformación de telleira artesanal en industrial decide bautizar a súa empresa como Cerámica La Perfección. O nome era unha declaración de principios. Buscaba a exquisitez no produto final. Pretendía un ladrillo perfecto e abofé que o ía conseguir, como así nolo corroboraron algúns albaneis da época: “Ti collías un ladrillo de Ferreira para facer un medio e, ao golpealo, non se desfacía como o que fabricaban noutros sitios”.
Unha vez que montou o secadoiro do material xa se podía traballar todo o ano na fábrica e, co aumento da produción, La Perfección precisaba un maior número de empregados no proceso de fabricación. Grazas a unha listaxe realizada por Antonio Fuentes Varela e o seu fillo Javier, sabemos que dende a segunda metade dos 50 e na década dos 60 na de Ferreira traballaron Pepe 'o Labrador', o veciño do Escurido Manuel 'o Logo', os irmáns Moncho e Víctor 'de Gandariño', veciños tamén do Escurido, Pedro 'de Gandariño', que era de Estramil e tío dos anteriores, os veciños da Esquipa Ramón 'do Neto' e Luís 'do Telleiro', os de Estramil Ramón Doldán, Ramón 'do Merecho' e Genaro 'de Pedro', pai do propietario da empresa Tibar S.L. que estivo na de Ferreira dende 1955 ata que cerrou a fábrica, José Lago 'o Verdillán', cocedor que tal e como indica o seu alcume era da parroquia carballesa de Verdillo, Chucho 'da Rumboia', que era de Monteagudo (Arteixo) e traballou de encargado a partir de 1960, os cocedores de Estramil Che 'de Cotillas', Isidoro 'de Cotelo' e Che 'de Xan', Ramón 'de Mandión', tamén veciño de Estramil igual que Ramiro 'de Vázquez', Claudio 'de Caamaño', e Marcelino Baldomir Becerra, que nos dixo que “eu nacín en 1945 e traballei na de Ferreira cando era rapaz para gañar unhas pesetiñas”, Varela, veciño de Vilasuso, o chofer Pepe 'do Labarcio', o ferreiro Che Regueira, os irmáns Manolo e Perfecto 'de Fraga', o primeiro con domicilio na Barreira e o segundo en Torás, Celso da Ibia, que era deste lugar da parroquia de Monteagudo (Arteixo), Che 'de Raxido' e Manolo 'do Labregho', os dous soldadores de San Román, Pepe 'da Rúa', chofer de Monteagudo, José Antonio Cuenca, que era fillo dun garda civil da Laracha e polo que recorda Marcelino Baldomir Becerra “era un tipo moi alegre que andaba sempre cantando e cando Ferreira lle deixaba o tractor levaba nel aos rapaces ás festas”, os irmáns de Estramil Manolo, Che, Ramón, Rogelio e Agustín 'do Ferrador', Baldomero 'do Rato', que era de Vilaño e foi encargado entre 1963 e 1967, José Nogareda 'Pepe do Pillo', que era de Torás, José Cambón, palista da Cachada, Ramón 'o Pistón', Che 'do Trenco', veciño de Freón (Monteagudo), o antigo telleiro Daniel 'O Xastre', os irmáns baixomiñotos Ramón e Manuel Álvarez, cuñados de Ferreira, ou José María Montes, que traballou na oficina entre 1959 e 1965, aproximadamente. Estamos a falar de hai moitos anos, polo que tede en conta que chover xa choveu un lote e que, se cadra, algún dato non é do todo preciso e pode ser corrixido. Pedimos desculpas de antemán por se falta alguén nesta listaxe!
A principios dos 60 Ferreira seguía contratando xente do Baixo Miño, como foi o caso de Juan José Lomba Trigo, veciño de Salcidos (A Guarda), que estivo algún tempo de encargado e posteriormente traballaría varios anos en Xinzo de Limia (Ourense) con Alfonso Alonso Durán. Naquela hora xa había un bo número de mulleres gañando o pan alí. Facían un pouco de todo: ían ao barreiro, carretaban os ladrillos que se cortaban na cortadora para os regales, onde se secaban posteriormente... Algunhas daquelas pioneiras foron as irmás Lola e Estrella 'de Canedo', veciñas da Esquipa, Oliva 'do Neto', veciña tamén da Esquipa, Mercedes 'de Chuca', as irmás Maruja, Pepita e Chona 'de Gerardo', Venera 'de Carreteras', Carmiña 'de Constante', Lucinda de Francisco, Pura 'de Caamaño', as irmás Pura e Marina 'do Tute', todas estas con domicilio en Estramil, Chona da Pedreira, Josefa Orgueira, Anita 'de Fideles', Jesusa 'do Rapelo', estas tres veciñas da Barreira, Carmiña 'de Chousal', Florinda 'da Tómbola', Manuela 'do Cerralleiro', estas últimas domiciliadas en Lestón, ou as irmás Matilde e Fina 'do Trenco', Fina 'do Cerralleiro' e a súa filla Josefa, as catro veciñas de Freón (Monteagudo, Arteixo).
Non foron poucos os matrimonios que se formaron na de Ferreira, parellas que nalgúns casos emigraron a Suíza ao pouco de casar e ao volver do país helvético traballaron de novo en La Perfección.
Pepe 'o Labrador' recorda que “para coller o barro había que cavar a terra. Primeiro sacábase a terra negra de arriba e logo ían indo a pico e pala ata que encontraban o barro no barreiro, que era unha especie de mina a ceo aberto. No barreiro, que estaba detrás da telleira, traballaban homes e mulleres. Cando a fábrica empezou a medrar, puxeron unha vía de vagonetas, tipo vía de tren, polo medio das instalacións ata abaixo, ata a zona de onde se extraía o barro. Alí, no barreiro, antes de montar as vagonetas, o barro cargábase á man nun carro tirado por un cabalo que atendían dous homes. Cando puxeron a vía, as vagonetas cargábanse á man”.
Vai correndo o tempo. A familia Ferreira Álvarez xa leva establecida na Laracha máis dunha década. Celeste, a única filla de Ferreira e de Flora, casara en maio de 1963 co practicante lucense Andrés Canoura Rouca (Ver Apéndice documental nº 1), quen posteriormente tamén ía traballar nas oficinas de La Perfección. En marzo de 1965, Rogelio, o primoxénito, déralle o “si quero” a Carmiña Pazos, irmá de Manolo o da discoteca Pazos da Laracha. E tres anos despois casou Moncho con Carmen Peniza, unha guardesa de nacemento que nos contou que “eu viñen para A Laracha en 1968. Son de Pintán (Salcidos, A Guarda). Pintán é a miña aldea, a aldea de miña abuela. Eu vivía na Guarda dende pequena porque meus pais foron vivir para alí. Papá era da Guarda e mamá era de Pintán. Meus pais non tiveron ningún tipo de relación coas telleiras. Agora ben, os abuelos de miña nai si que tiveron tilleira aquí en Mesía. Tiñan esa tilleira en Mesía e tiñan outra en Piadela, cerca de Betanzos. Despois tiveron moita sorte porque venderan eses terreos. El chamábase Manuel Álvarez, Manuel ‘O Cachuzo’. Tiña unha irmá que se chamaba Basilia, que era a dona da tilleira de Piadela. Eles estaban ben economicamente, eran labradores fortes e ela, Basilia, non ía á tilleira, levaba operarios”.
![]() |
José Manuel Ferreira coa súa nora Carmiña Pazos e o seu fillo Rogelio no día do casamento desta parella (Cortesía de Nuria Ferreira Pazos) |
Os tres matrimonios vivían nun edificio que a familia edificara na Barreira, cada un deles no seu propio piso. José Manuel Ferreira e Flora tiñan o seu domicilio na casa do lado, na que tamén vivía Generoso, que o pobre ía falecer nos primeiros días de 1968 nun accidente de tráfico cando tan só tiña 19 anos. Foi o primeiro duro pau para os Ferreira. Desgraciadamente non sería o último.
A tráxica morte de Generoso coincide cun momento de auxe da produción da empresa. Desa época Pepe 'o Labrador' recorda “que despois compraran un tractor, un David Brown, ao que lle puxeron un remolque para ir ao barreiro. Daquela eramos mozos e había enerxía. Dependendo dos operarios que houbera, como mínimo íamos cargar o remolque catro homes, dous nun lado e dous no outro. Posteriormente compraron unha ‘traílla’ para o tractor, que era un aparato coma un rastro que pousabas nun sitio e enchía o material. A mesma traílla xa cargaba o remolque. Levaba unha varilla para atrás, cerraba, levantaba a hidráulica e carretaba o barro. Con eso andaba un operario que se chamaba Víctor López Collazo, que foi o primeiro chofer que houbo na empresa para andar cun camión que llo compraran de segunda man a Rega de Carballo, que un xenro deste Rega foi o que montou Hormigones Horbesa. Pois ese camión foi o primeiro que veu para a fábrica e despois, cando se xubilou Víctor, empezou a andar con el Moncho Ferreira. Cando Moncho empezou a ser medio xefe compraron un Barreiros e xa tiñan dous camións. Do Barreiros aínda creo que andan por aí os cachos. O camión vello non tiña nada máis que a propaganda ‘José Manuel Ferreira Penedo’, non tiña La Perfección nin tiña nada. O de Moncho, o Barreiros, levaba na visera o nome da filla máis vella de Rogelio, Nuria. Despois veu un Pegaso Comet, e ese levaba o nome de José Manuel, o outro fillo de Rogelio”. Anos despois tamén se sumou á pequena frota de camións un GMC da época da Guerra Civil que, segunda diversas fontes, comprara Rogelio nunha poxa en Madrid. Este camión tiña tracción ás seis rodas e era perfecto para andar no barreiro.
![]() |
Imaxe dun dos camións de La Perfección. O perario da esquerda é Rogelio Ferreira (Cortesía da familia Verdía Varela) |
(... CONTINUARÁ)
___________________
APÉNDICE DOCUMENTAL Nº 1:
La Voz de Galicia, 5 de maio de 1963, p. 7.
DE SOCIEDAD
BODAS
Ante el altar mayor de la iglesia parroquial de Santa María de Torás (Laracha) se celebró el enlace matrimonial de la encantadora señorita Celeste Ferreira Álvarez y don Andrés Canoura Rouco.
La novia, que lucía un hermoso traje de raso natural, velo largo de tul "ilusión" y tocado de raso y azahar, entró en el templo del brazo de su padre, don José Manuel Ferreira Penedo; el novio ofrecía el suyo a su madre, doña Dolores Rouco de Canoura.
Bendijo la sagrada unión el párroco de dicho templo don Anselmo Graíño Calo, y dirigió unas hermosas palabras a los contrayentes don Carlos Angel Gil Grela muy amigo de estos.
Actuaron como testigos de la ceremonia por ambas partes, don Andrés Canoura Fernández, don Domingo Bosque Rodríguez, don Eduardo Mariño Iglesias, don José Díaz, don Ezequiel Cotelo, don Ramón Acevedo Carballo, don Armando Sixto Romero, don José Canoura Cerdeiras, don Rogelio Ferreira Álvarez y don Manuel Rodríguez Lomba.
Los numerosos asistentes al acto fueron espléndidamente obsequiados con una merienda cena.
Los nuevos esposos salieron en viaje de novios por distintas capitales.
Ningún comentario:
Publicar un comentario