xoves, 6 de marzo de 2025

MARÍA ESCLAVITUD BLANCO, UNHA CAIONESA NA ARXENTINA

  Hai uns meses localizamos un artigo na hemeroteca de La Voz de Galicia no que Roberto Moskowich entrevistaba en agosto de 1983 a Alejandro Masetti, un xogador arxentino de hóckey que acababa de asinar contrato co Liceo. Unha entrevista na que, entre diversos aspectos da súa vida persoal e da súa traxectoria deportiva (da que falaremos máis polo miúdo dentro dun par de semanas), Masetti coméntalle ao xornalista de La Voz que súa avoa paterna era de Caión.

Cabeceira da entrevista a Masetti na que se informa que a avoa do deportista arxentino era de Caión (La Voz de Galicia, 21 de agosto de 1983)

   E como non podía ser doutro xeito, cando nos enteramos de que a avoa de Masetti era caionesa pois, claro está, había que iniciar as pescudas para saber de quen se trataba. Para tal fin comezamos a realizar o traballo de campo na vila mariñeira onde, para a nosa sorpresa, ningunha das persoas interrogadas sabía nada desta muller. Preguntámoslle tamén ao xornalista larachés Moncho Viña, admirado mestre que informou durante moitos anos sobre a actualidade deportiva coruñesa dende a emisora local de Radio Nacional de España:

    -Recordo a fichaxe de Masetti no Liceo, pero non sabía que súa avoa era de Caión. Sinto non poder axudarche, Xabier-, dixo Moncho.

    A bombilla alumeouse pensando na posibilidade de que Augusto César Lendoiro, presidente do Liceo naqueles primeiros anos 80, soubera algo do conto. Por tal motivo, e grazas a axuda Érika Mato, amiga en común de ambos, contactamos vía correo electrónico con Lendoiro, mais o ex presidente liceísta tampouco nos puido aportar información algunha sobre a avoa caionesa de Masetti.

   Ante todas estas respostas negativas intentamos localizar ao propio Alejandro Masetti nas Redes Sociais. Nada máis atopalo en Instagram, enviámoslle unha mensaxe comentándolle que o noso espazo na web, Crónicas da Laracha, tiña por mester a recuperación e posta en valor da memoria local e que, dada a súa orixe larachesa, nos gustaría dedicarlle unha crónica na nosa bitácora na que mesturaríamos informacións sobre a súa traxectoria deportiva con algunha pincelada de súa avoa caionesa. Mais pasan os días, as semanas… e non recibimos contestación. Era imposible! Alejandro Masetti facía pouco que falecera!

   Con todo, non nos rendimos no afán de saber quen era esa muller de Caión e, con esa meta, intentamos contactar a través das Redes Sociais coa familia do antigo xogador do Liceo. E por fin, logo de enviar sendas mensaxes á súa muller Adriana e ao seu fillo Enzo, a familia comentounos dende Buenos Aires como se chamaba a avoa de Masetti.

   -La abuela de Alejandro se llamaba María Blanco pero no se se cual era el segundo apellido. Proximamente contactará contigo mi hija Florencia-, díxonos Adriana.

   Tras obter esta información, nos días posteriores volvemos preguntar en Caión sobre esta muller mais, moi ao noso pesar, ninguén sabía nada sobre María Blanco, que intuimos que emigrara a Arxentina de moi noviña e que o seu recordo fórase diluíndo da memoria colectiva da vila mariñeira.

   Acudimos, coa axuda de Adrián Viña Menéndez, responsable de comunicación do Concello da Laracha, ao xulgado de Paz do municipio onde comprobamos que a tarefa tiña pinta de non ser resolta pois, ao non ter unha data concreta de nacemento, verificamos que había varias mulleres chamadas María Blanco nacidas nos primeiros anos do século XX. Nese momento, saber de quen se trataba era como buscar unha agulla nun palleiro, abofé!

   Semanas despois, tal como nos dixera súa nai Adriana, recibimos un correo electrónico de Florencia Masetti, historiadora e filla do antigo xogador do Liceo e, polo tanto, bisneta da caionesa María Blanco. No mail Florencia comentaba que “por casualidades de la vida estoy vinculada al Centro "Betanzos" en Buenos Aires, que es sitio de interés cultural, donde se reivindica la nación gallega y además cuenta con una radio, "Enxebre" y con un programa llamado "Galicia Une".

   Florencia, ilusionada por saber un chisco máis das súas raíces, comentounos que, a causa dos diferentes traxectos nos que se encamiñara a súa familia paterna, non manexaba moita información sobre súa bisavoa, pero que faría todo o posible para aportar algún dato de interese para a nosa investigación. E así o fixo. Nos días seguintes, entre numerosas conversas e audios por WhatsApp, Florencia contounos que María Blanco tivera tres fillos: Reinaldo Alberto, pai da soprano Carolina Masetti; Jorge Ricardo, popular guerrilleiro -amigo do Che Guevara- que será o protagonista das Crónicas da Laracha da vindeira semana; e Edgardo Américo, pai do ex xogador do Liceo.

   A información sobre o guerrilleiro Jorge Ricardo Masetti, que era tío do ex xogador do Liceo, chamounos poderosamente a atención. Empezamos a consultar na rede datos sobre este persoeiro de orixe larachesa e, ao pouco, localizamos nunha páxina o segundo nome de súa nai. Agora sabíamos que a emigrante de Caión chamábase  María Esclavitud Blanco.

   Unha vez que soubemos que o nome da nosa protagonista era María Esclavitud, con ese dato máis concreto pedimos axuda, a través do Concello da Laracha, ao párroco de Caión don Andrés Trinquete, quen se ofreceu, coa maior das amabilidades, a axudar nesta investigación. Don Andrés non tardou en localizala no libro de bautizados na parroquia:

N.º 17
San Roque
María Esclavitud Blanco Berdía hija legítima de Ricardo y Amalia
En la Iglesia parroquial de Santa María del Socorro de la Villa y puerto de Cayón, a primero de Mayo de mil novecientos seis; yo D. Domingo Carballo Antelo, cura párroco de la misma, bauticé solemnemente, puse los Santos Oleos y nombre de “María Esclavitud” a una niña que nació el día anterior a las once de la noche hija legítima de Ricardo Blanco y de su mujer Amalia Berdía Franco, naturales y vecinos de esta de Cayón. Abuelos paternos María Blanco Lema, ahora difunta: Maternos Antonio Berdía y Antonia Franco, ahora difuntos, naturales y vecinos que han sido de esta de Cayón. Fué su madrina in solidum María Suárez, soltera, y vecina de Sta. Eulalia de Chamín, a quien advertí en parentesco espiritual y mas obligaciones, previene el Ritual Romano. Y para que conste lo firmo fecha nt supra.
Domingo Carballo

 

    Poucos días despois de obter estos datos, tamén tivemos a sorte de poñerlle cara á nosa protagonista. Nunha das numerosas conversas mantidas con Florencia Masetti por WhatsApp, a filla do antigo xogador do Liceo escribíanos o seguinte:
   “Hola Xabi. Según lo que dice detrás de la foto… esta era María Blanco. Despues hay otras fotos pero no tienen referencias. No se si es ella. Todo esto lo encontré en casa de mis padres”.
Imaxe da caionesa María Esclavitud Blanco Verdía (Cortesía da súa bisneta Florencia Masetti)
Parte traseira da foto anterior (Cortesía de Florencia Masetti)
   Os datos sobre María Blanco dos que falamos antes localizámolos no libro Masetti: El periodista de la revolución, da autoría de Hernán Vaca Narvaja, onde se comenta que a caionesa casou con José Reinaldo Masetti, descendente de emigrantes italianos. O matrimonio vivía en Avellaneda, cidade industrial e puxante, separada da Capital Federal polo río Matanza e donde recalara unha importante corrente migratoria. “Heredera de los viejos saladeros, poblada de orilleros y fantasmas, cuna de mitos y leyendas urbanas, Avellaneda comenzó su despegue económico a fines del siglo diecinueve. A comienzos del siglo veinte, Avellaneda era considerada la mayor ciudad industrial y obrera del país. En 1931, el padrón municipal registró 6.501 establecimientos industriales1 ”.
  A aquela Avellaneda puxante chegara María Esclavitud Blanco Verdía nos primeiros anos vinte do século pasado e gañábase a vida traballando como operaria “que bañaba de cera los fósforos Mantero en la fábrica de Avenida Mitre al 5002”.  

Obreiras saíndo da fábrica de mistos de Avellaneda na que traballaba María Esclavitud Blanco Verdía (Facebook Archivo General de la Nación Argentina)

  Nesta ligazón pódese ver unha pequena historia desta fábrica de mistos na que traballaba a emigrante de Caión: 

    O seu marido, José Reinaldo Masetti traballaba como inspector municipal. Froito do matrimonio do italiano e da larachesa en 1927 nace Reinaldo Alberto e dous anos despois, o 31 de maio de 1929 viría ao mundo Jorge Ricardo 'Coco'. Segundo as informacións de Hernán Vaca Narvaja, os Masetti Blanco residían nunha vella casona da rúa Levalle con varios membros máis da familia: Américo, irmán de José Reinaldo e famoso futbolista do Racing Club de Avellaneda; a nai deles; unha irmá, Mariquita -”recluída en la piecita del fondo3” e outra irmá, Angelina, co seu marido e os seus fillos Siso e María Luisa. José Reinaldo e María Esclavitud tamén foran pais de José. Un retrato deste rapaz “-que murió de difteria siendo niño- completaba el álbum familiar de los Masetti4.

   O sogro de María Esclavitud, José Masetti, que morrera en 1928, fora tesoureiro do Racing Club e lograra sobrevivir a distintas comisións directivas. Ordenado, conciso e moi traballador, administrou os cartos do club no seu tempo de esplendor, desde o ascenso á Primeira División en 1910 ata a súa consagración, cando gañou sete campionatos consecutivos entre 1913 e 1919 e outros dous ao final da era amateur (1921 e 1925) na que o seu fillo Américo era un dos xogadores máis destacados. José Masetti “administraba también los frigoríficos La Blanca y La Constitución. Según cuenta la leyenda familiar, temerario, porfiado y excesivamente responsable, contrajo la pulmonía que lo llevaría a la tumba por entrar sin abrigo a una cámara frigorífica. Su funeral fue uno de los más concurridos que se recuerden en Avellaneda5.

    En 1931 a familia cambia de domicilio e trasládase a un chalet da rúa 25 de Mayo, sempre en Avellandeda, lugar onde nacería en 1933 Edgardo 'Pocho' Américo, o fillo máis novo de José Reinaldo Masetti e da protagonista das Crónicas da Laracha desta semana, María Esclavitud Blanco Verdía.

   Se queredes afondar un chisco máis na historia da familia Masetti Blanco recomendamos a lectura do libro sobre a biografía do fillo mediano da emigrante de Caión. Falamos de Masetti: El periodista de la revolución, libro da autoría de Hernán Vaca Narvaja.

   Personaxe carismático do xornalismo latinoamericano que dedicou a súa vida á causa revolucionaria e a creación dun novo rol da prensa no continente americano, Jorge Ricardo Masetti Blanco foi ademais o primeiro xornalista arxentino que entrevistou ao Che Guevara en Sierra Maestra antes do trunfo da Revolución cubana. Deste persoeiro con sangue caionesa falaremos a vindeira semana.

___________________

1 Vid. Hernán Vaca Narvaja (2017): Masetti: El periodista de la revolución, Cap. 1, “Los Orígenes”. Editorial Sudamericana

2 Ibídem.

3 Ibídem.

4 Ibídem.

5 Ibídem.

2 comentarios:

  1. Es una gran gusto leer cómo reconstruiste la vida de María. Gracias por compartir tu investigación.

    ResponderEliminar