Segundo consta nun recibo de pago de 1064 pesetas efectuado a José María Sobrino pola temporada de traballo de 1945, nesa época Cesáreo Verdía Castiñeiras xa estaba ao mando da telleira dos de Patiño.
![]() |
Cesáreo Verdía e Asunción Varela cos seus fillos Eladio e Remedios no seu domicilio da Barreira (Cortesía da familia Verdía Varela) |
![]() |
Recibo de pago de Cesáreo Verdía Castiñeiras a José María Sobrino (Cortesía de Belén Varela Verdía) |
Cesáreo nacera en Cillobre en 1917 e era un dos quince1 fillos do matrimonio formado por Manuel Verdía Pedreira, descendente da casa de Gabenlle que aínda se mantén en pé co seu escudo de armas neste lugar, e Consuelo Castiñeiras Esmorís, filla de José Castiñeiras Patiño e familiar por parte materna doutros telleiros da Laracha, os de Marcelo do Cancelo. Cesáreo casa con Asunción Varela Ramilo e ao darse o “si quero” establecen o seu domicilio na Barreira, precisamente no lugar onde estaba a telleira da que estamos a falar e no que virían ao mundo os sete fillos do matrimonio: Consuelo, Purificación, Manuel, Clotilde, Eladio, Remedios e María Jesús Verdía Varela, as dúas últimas falecidas de nenas. No verán do 2023 tivemos a sorte de conversar coa señora Asunción e coa súa filla Pura, que nos atenderon coa maior das amabilidades no seu domicilio de Cillobre. Asunción, con 102 anos cumpridos, aínda se recordaba de José María Sobrino Martínez e díxonos que “a casa da Barreira e a telleira xa estaban feitas cando nós fomos para alí. Cando Cesáreo se fixo cargo da telleira foi a Pontevedra a contratar xente. Fixo a viaxe en cabalo… que era un cabalo moi bo e non había outro coma el en toda a volta”.
A súa filla Pura contounos que “ao principio os de Pontevedra durmían nunha habitación da nosa casa, alí todos xuntos. A casa era pequerrecha e tiña unha corte para os animais. Despois recordo que se fixera unha chabola no alpendre e durmían alí, ao lado da corte. Esa casa aínda existe, que hoxe está restaurada. Cando a compraron os actuais propietarios non lles deixaron restaurar a corte, que xa había algún tempo que caera. Na nosa telleira estiveron moitos de Pontevedra, pero os de máis trato foron os irmáns Carballeiras, que traballaban cada día de sol a sol. Mamá laváballes a roupa e ao principio tamén lles facía de comer, pero ultimamente xa comían pola conta deles. A min moito me gustaba o bacalao que asaban, que creo que llelo compraba papá en Paiosaco, na de Manuel do Bico do Campo. Eles traían sacos de touciño e recordo que o quentaban nun pau e despois comíano con broa”.
Eses irmáns dos que nos falaron a señora Asunción e a súa filla Pura eran os Vicente González, membros dunha notoria familia de daordes do Rosal, os Carballeiras de Marzán2. Os seus proxenitores eran Florencio Vicente 'O Carballeiro', cabaqueiro no verán e carreteiro no inverno, e Dolores González, que foron pais de cinco mulleres e tres homes: Manuel, Segundo e Avelino Vicente González.
Manuel nacera na Cachada3 en agosto de 1912 e empezara a traballar de moi neno nunha telleira de Taborda (Tomiño), na que eran buxas en sociedade seu pai Florencio e Jesús Martínez do Fucheiro. Posteriormente estivo, con seu pai tamén de buxa, nunha cabaqueira alugada en Nigrán coñecida pola “Telleira da Viúda”. Segundo, nacido na Cachada en agosto de 1925, empezou á idade de 8 anos a traballar na cabaqueira e botou un tempo alternando as cuadrillas de seu pai Florencio coas de seu irmán Manuel, polo que tanto estaba na telleira alugada en Nigrán como na de Salvaterra de Miño. Nesta última, Segundo foi unha temporada de tendedor con seu pai e posteriormente, a mediados dos anos corenta, estivo en Ambroa (Irixoa, A Coruña). Era da quinta do 46 e fixo o servizo militar na Coruña, no cuartel de Atocha, xusto antes de traballar na telleira de Patiño. O outro irmán, Avelino, nacido na Cachada en abril de 1928, empezara tamén de moi noviño na cabaqueira. Tras botar un tempo coa súa familia en Nigrán, posteriormente estivo de tendedor en Maceda (Ourense) e nunha telleira de Segovia antes de facer o servizo militar (era da quinta do 48), que realizaría en Ferrol, en Infantería de Mariña, durante case dous anos4. Rematada a mili, estivo algún tempo na de Patiño con seus irmáns Manuel e Segundo.
![]() |
De esquerda a dereita, Manuel, Segundo e Avelino Vicente González na madurez das súas vidas (Memoria da XVIII Festa do Cabaqueiro 2005, Xoán Martínez Tamuxe, O Rosal, 2006) |
Pura Verdía Varela contounos que, á parte dos irmáns Carballeiras, que xa quedaban contratados dun ano para o outro, “na nosa telleira tamén traballou Bernardo, que era fillo de Manuel. Nós seguimos mantendo o contacto con eles durante moitos anos, que incluso viñeron á Laracha algunhas veces e nós fomos a visitalos ao Rosal sobre o ano 2012. Un fillo deles creo que era carteiro alí e tiñan outro fillo que se dedicaba ao viño. De feito a muller de Avelino déranos unhas caixas de Albariño. Cando estivemos alá Bernardo estaba moi enfermo, pero o pobre acordábase de miña nai e de miña avoa porque sempre o trataron con moito cariño. Non sei o tempo que traballaron na nosa telleira, pero aínda botaron ben anos. Eu nacín en 1946 e acórdome ben deles. Creo que viñan en bicicleta dende Pontevedra. Na Barreira e en Estramil nesa época non había máis bicicletas que as deles e nós, a rapazada da zona, aprendemos a andar en bici cos Carballeiras”.
![]() |
As irmás Pura e Tita Verdía na eira da telleira da familia (Cortesía da familia Verdía Varela) |
Manolo Verdía, irmán de Pura, foi outra das persoas coas que conversamos para documentar a historia da telleira dos de Patiño. Xa hai moitos anos que rexenta cos seus fillos a gasolineira de Lañas e precisamente alí, no soto da estación de servizo, aínda conserva algunha peza da “churrera” coa que fabricaban ladrillo na telleira familiar. “A cremallera da churrera anda por aí pero non sei onde vai. Eu son ferreiro e aquí na gasolineira teño moito ferro da telleira. Tamén tiña unhas paletas da amasadora que se movía co cabalo. Todos os ferros da nosa telleira tróuxenos para aquí”.
![]() |
De esquerda a dereita, Remedios, Eladio e Manolo Verdía no pendello no que se almacenaba o material que se fabricaba na telleira dos de Patiño (Cortesía da familia Verdía Varela) |
Manolo tamén recordaba con retranca a época do seu nacemento: “Cando eu nacín Manuel, que era o maior dos Carballeiras, díxolle a miña nai que viña en boa época, porque nacín en agosto de 1947 e eles xa estaban acabando a temporada. Cando facían as tellas os rapaces tiñan a costume de furarllas co dedo e por iso Manuel díxolle a mamá:
- Este neno non me vai romper as tellas!
Pero co andar dos anos, cando medrei, despois cambiou de parecer e dicía que non houbera un rapaz que rompera tantas tellas coma min. Poñían dúas tellas levantadas para airear, que ás veces tamén lles axudaba meu pai a levantalas, e despois eu tiráballas. De cativo era moi rebelde”.
![]() |
De esquerda a dwereita, Moncho de Varela, Becerra e Manolo Verdía (Cortesía da familia Verdía Varela) |
Tras botar na Laracha varias temporadas e logo de traballar noutras telleiras da xeografía galega durante certo tempo, en abril de 1956 Manuel, Segundo e Avelino Vicente González compraron no Rosal a telleira da Cumieira de Arriba, que a partir de aquel entón foi coñecida como a Telleira dos Carballeiras. Nove anos despois Manuel véndelles a súa parte a seus irmáns, que mantiveron o negocio en funcionamento ata os anos 80. A última fornada que se coceu na telleira Hermanos Vicente González. Tejas y Ladrillos fíxose en 1984.
(...CONTINUARÁ)
_________________
1 Gerardo, José, María, Eladio, Socorro, Cesáreo, Clotilde, Francisco, Ricardo, Hortensia, Antonio, Gabriel, Josefa, Anuncia e Mercedes.
2 Marzán é un lugar da parroquia do Rosal, no concello pontevedrés do Rosal.
3 A Cachada é un lugar da parroquia do Rosal, no concello pontevedrés do Rosal.
4 Martínez Tamuxe, Xoán (2006): Memoria da XVIII Festa do Cabaqueiro. O Rosal: Delegación de Cultura- Servizo de Publicacións, pp. 38-47.
Ningún comentario:
Publicar un comentario