TEMAS

xoves, 17 de xullo de 2025

OS PRIMEIROS SERRADOIROS DA LARACHA (1ª PARTE)

   Aínda que é probable que xa houbera algunha serra sen fin traballando na Laracha con anterioridade, os primeiros datos que lle podemos ofrecer ao lector sobre a instalación de serradoiros no municipio larachés datan de inicios do século XX.

   O feito de que se perdera a documentación do arquivo municipal nun incendio acontecido hai moitos anos supuxo un enorme atranco nas nosas indagacións mais, con todo, obtivemos informacións de relevancia por outras vías, especialmente os datos relativos da chamada contribución industrial, un imposto que a partir da reforma do Ministro de Facenda, Alejandro Mon y Menéndez, en 1845 converteuse nun canon fixo segundo a actividade e a poboación onde estaba establecida a industria, e un variable, consistente nun 10 % dos locais utilizados para o exercicio. Ao ser unha cantidade fixa, rexíase polo sistema de cota polo mero exercicio, fixándose unha listaxe con cada unha das actividades e debéndose pagar por outros conceptos o resto dos elementos gravados (edificios, capital, utilidades ou beneficios, etc.). Evolucionou en 1896 á contribución sobre utilidades.

   Deste xeito, no Boletín Oficial da Provincia do 10 de maio de 1913 aparece na contribución industrial, dentro da tarifa 3ª e cunha cota anual de 78,75 pesetas, José Díaz Díaz como propietario dunha “sierra sin fin” instalada en Lemaio, moi probablemente ao carón da casa dos legoeiros de Proame. Este mesmo empresario tamén o podemos ver nas matrículas da contribución dos anos seguintes e, en 1917, mesmo é o industrial que contribúe coa maior cantidade do municipio, pagando unha cota de 93, 44 pesetas.

Contribución industrial para o ano 1913 na que consta, na "Tarifa 3ª", a serra sen fin de José Díaz Díaz (Boletín Oficial da Provincia da Coruña, 10 de maio de 1913)

    Grazas á colaboración de José Antonio Esmorís Gómez, arquiveiro do Concello de Carballo, sabemos que este José Díaz Díaz residía na capital de Bergantiños, onde rexentaba unha taberna na rúa do Sol, e que foi pai de José Díaz Docampo, tamén empresario do sector madereiro, “e este foi pai de José Díaz  Fraga, dono do serradoiro que había onde hoxe están os terreos do ambulatorio de Carballo cara a estrada que vén da Coruña”, díxonos Esmorís. Precisamente, nun capítulo dedicado ás fábricas de madeira carballesas de antano, o escritor Xan Fraga fala dun serradoiro desta familia, o de José Díaz Docampo, nas súas Crónicas de Carballo:

Sobre 1940 monta a fábrica, ao carón do campo de fútbol vello Pedras Brancas, José Díaz Docampo, que xa tivera outra na Rega, no cruce para Baldaio. A de Pedras Brancas era das máis importantes de Galicia, tiña entre trinta e cinco e corenta traballadores, funcionaba cunha máquina de vapor, cunha gran cheminea de 35 metros. Do pozo de auga acordámonos ben os que xogabamos ao fútbol no campo vello. Tiña varias máquinas de serrar, dous carros de galeiras para facer a táboa e tres circulares para quentala. Traballaba sobre todo o pino, facéndose táboa que se exportaba especialmente a Barcelona e Bilbao, e caixas de envases (tomates, laranxas...) cuxo mercado principal era o de Canarias; tamén, claro está, barrotillo para a construción. Para o transporte na zona usábanse carros, zorras e os camións sobre todo para o embarque nos portos da Coruña e Corme1.”
Anuncio da época da fábrica que tiña en Carballo José Díaz Docampo (Foto do libro Crónicas de Carballo II, da autoría de Xan M. Fraga)

    Mais sigamos falando dos serradoiros da Laracha, onde en 1918 empeza a funcionar unha nova serra. Naquela hora, ao xa existente de José Díaz Díaz, sumábase a “sierra sin fin” que tamén estableceu en Lemaio, en fronte da casa dos legoeiros de Proame, José Caamaño Pallas, empresario que segundo consta na “matrícula para el año 1918 de todos los individuos que existen en dicha población sujetos á la contribución industrial”, pagaba, ao igual que o carballés Díaz, unha cota de 93,94 pesetas ao ano. Polo que nos contou a súa bisneta Marisa Lema, Caamaño nacera en Trasende (Cabovilaño), “na actual casa de turismo rural que hai nese lugar, e de moi noviño emigrara a América, creo que ao Uruguai. Ao vir de alá, con dous pesos no peto, casou en Proame con miña bisavoa, Manuela Rodríguez Rodríguez, e estableceron o domicilio alí. Parte dos aforros que fixera na emigración investiunos no serradoiro que estaba en fronte da casa dos peóns camiñeiros. O que non sei é se o montou antes ou despois de casar”.

Imaxe do ano 2002 na que vemos, na parte superior, a casa dos legoeiros de Proame. Abaixo, á esquerda, no medio da vexetación obsérvanse os restos dun edificio, que vén sendo o serradoiro que fundara en 1918 José Caamaño Pallas (https://mapas.xunta.gal)

    Naquela época, xa co cambio de década e en tempos do alcalde José Castiñeiras, José Rodríguez Cotelo e Enrique Calviño tamén montaban en sociedade un serradoiro en Vilaño (hai certa confusión se exactamente estaba en Vilaño ou Cabovilaño), no lugar da Telleira, negocio que ía ser pasto das chamas no verán de 1921:

INCENDIO EN LARACHA
En la madrugada de anteayer, un incendio destruyó la fábrica de aserrar maderas que tenía en la parroquia de Vilaño, en Laracha, D. José Rodríguez Cotelo.
Se desconoce cómo pudo iniciarse el incendio.
Las pérdidas se calculan en veinte mil pesetas, aproximadamente2.

   Nos días posteriores ao sinistro, o xornal El Ideal Gallego, facéndose eco dos díxomedíxome relativos ao incendio que circulaban de boca en boca naquel momento na Laracha, publicaba o seguinte artigo no que se poñían de manifesto algunhas sospeitas sobre o autor dos feitos:

Desde Laracha
Recibimos de Laracha una carta escrita con indignación y tristeza en la que se protesta contra las extralimitaciones del caciquismo, que por lo visto no se detiene ni ante el crimen. Atribúyese en dicha carta a un cacique el incendio producido en la fábrica de aserrar madera, que en el sitio denominado Telleira poseían D. José Rodríguez Cotelo y D. Enrique Calviño Cambre. Agregan que en las primeras horas del incendio se notaba un fuerte olor a petróleo con el que se supone que fue rociado el edificio y parte de las tablas próximas al mismo.
Desean que se llame la atención de las autoridades para que se depuren las responsabilidades a que haya lugar, se castigue a los culpables y poder exigir la oportuna indemnización de daños y perjuicios3.

   Moito nos tememos que o segundo apelido do tal D. Enrique Calviño Cambre do que se fai alusión no artigo non é correcto. Na nosa humilde opinión foi un erro de transcrición do xornal herculino, tratándose, na realidade, do empresario madeireiro Enrique Calviño Cambón, que abastecía con toradas da Laracha (e doutros lugares) o almacén de madeiras que posuía dende había anos na Coruña, na Explanada do Orzán.

Panorámica actual do serradoiro da Telleira, nos lindes das parroquias de Cabovilaño e Vilaño. Obsérvese o muro de pedra que, con certeza, xa formaba parte da antiga fábrica de Calviño. Tempo despois, o negocio convertiríase no serradoiro de "Lecos" (Xabier Maceiras)

   Uns meses despois do incendio, o Boletín Oficial da Provincia da Coruña informaba que “D. Enrique Calviño Cambón solicita derivar agua del río Pequeño de Monte Mayor, en Laracha4. Ao pouco, logo das oportunas obras e reparacións, o serradoiro da Telleira, que estaba situado nos lindes das parroquias de Vilaño e de Cabovilaño, volve a funcionar baixo a dirección do noso protagonista.

   Andando no tempo este negocio sería o serradoiro de “Lecos”. Os seus vestixios aínda se poden ver na actualidade, en fronte da Farmacia San Román, vestixios que visitamos no verán de 2024 grazas a atención de José Freire Esmorís e da súa filla Elena, que atenderon a un servidor coa maior das amabilidades. José, nacido en Nogán en 1932 e coñecido polo mesmo alcume que seu pai Eladio “Lecos”, contounos que o serradoiro familiar “fundárao un tal Calviño da Coruña. Disque lle chamaban a fábrica de Calviño. O ladrillo que aínda se ve hoxe era do serradoiro antigo, que seica ardera e que no incendio morrera o fogoneiro. Polo que teño oido de rapaz, este tal Calviño parece ser que llo vendeu a Ramón de Mallo, Ramón Esmorís García, que era do Arén. E, pasado un tempo, Ramón de Mallo vendeulle a meu pai”. Desa época, de cando Enrique Calviño Cambón decide vender o seu negocio da Laracha, localizamos na prensa herculina da época o seguinte anuncio:

SE VENDE una fábrica de aserrar maderas con caldera-máquina locomóvil fuerza 30 HP., sierra circular, una cinta de 1,20m. De diámetro con galera para troncos y dos molinos harineros en la Telleira, Laracha y en la misma carretera. Para informes, a D. Enrique Calviño, fábrica de aserrar. Explanada del Orzán5.

   Nestes primeiros anos vinte dos que estamos a falar íanse abrindo (ou cambiando de mans) novos serradoiros no municipio, negocios que nalgún caso concreto tamén foron devorados, total ou parcialmente, polo lume. Así, sobre este particular, temos noticias de que en 1924 Pedro Iglesias Graña, empresario do que falaremos máis polo miúdo noutra ocasión, perdeu unha caseta do serradeiro que tiña en Proame (probablemente o que inicialmente fora de José Díaz) a raíz dun incendio que parece ser que provocara un veciño da zona:

En Laracha, en la noche del 19 al 20 del corriente, un incendio destruyó una caseta que había contigua a la fábrica de aserrar maderas que allí tiene D. Pedro Iglesias Graña.
Por creerse autor del hecho ha sido detenido Antonio R., de 57 años de edad, vecino de Cabo Vilaño6.

   Outro medio da Coruña, El Orzán, tamén se facía eco deste incidente e do posible autor dos feitos:

LARACHA
Como presunto autor del incendio de una caseta de la fábrica de aserrar de D. Pedro Iglesias Graña, situada en el lugar de Proame, fue detenido por la guardia civil el vecino de la parroquia de Cabo Vilaño Antonio R. R. Calcúlanse las pérdidas en 225 pesetas7.

   Dous anos máis tarde de que se producira o sinistro anterior, o serradoiro de José Caamaño Pallas, instalado en fronte da casa dos legoeiros de Proame dende 1918, tamén sufría un colosal incendio a causa dunha chispa provocada pola caldeira:

LARACHA
A las dos de la tarde del día 13 del actual se produjo un incendio en la fábrica de aserrar maderas que en el lugar de Proame, parroquia de Lemayo (Laracha) tiene establecido la razón social “Caamaño y Compañía”.
Una hora después de iniciarse el fuego la fábrica había quedado reducida a cenizas.
El incendio fue casual. Se cree que alguna chispa de la caldera saltó al serrín prendiendo fuego que se propagó al edicio que era de madera.
Las pérdidas se calculan en 15.000 pesetas8.

 

(CONTINUARÁ...)


___________

1 Xan M. Fraga Rodríguez (2004): Crónicas de Carballo II, Agrupación Cultural Lumieira, Carballo, páx. 97.

2 La Voz de Galicia, 28 de xuño de 1921, páx. 1.

3.El Ideal Gallego, 14 de xullo de 1921, páx. 2.

4 Boletín Oficial de la provincia de la Coruña, 30 de setembro de 1921, páx. 4.

5 La Voz de Galicia, 22 de decembro de 1923, páx. 6.

6 La Voz de Galicia, 4 de xuño de 1924, páx. 5.

7 El Orzán, 31 de maio de 1924, páx. 2.

8 El Ideal Gallego, 17 de xuño de 1926, páx. 3.

Ningún comentario:

Publicar un comentario